26/03/15

Monstruo de ojos verdes


Xusto antes da Semana Santa, o club de lectura pola igualdade reuniuse para falar sobre Monstruo de ojos verdes de Joyce Carol Oates publicado pola editorial SM. Repetimos libro porque co anterior club de lectura tivera moito éxito. E desta volta houbo asemade unanimidade: cada un dos membros do club manifestou con satisfacción que esta lectura os tivera encandilados dende o principio.
FAlamos de violacións e de esperanzas, da actitude da nai, da actitude da rapaza, de como actuariamos nós nese contexto... Unha novela dura, realista, que reflicte a violencia de xénero como moi poucos. Unha novela que provoca tensión.

25/03/15

O próximo libro, de viaxe

A nosa Jennifer marchou a Uruguai para ver a súa familia, pero levou consigo a próxima lectura que nos vai reunir. E xa o deixa claro no aeroporto!!!



16/03/15

Unidos

Pediunos a editorial Kalandraka que fixeramos unha foto para un artigo. Aquí están as fotos, de momento. Seguiremos informando!




09/03/15

Álbums pola Igualdade

Para celebrar o 8 de marzo o noso club de lectura reuniuse arredor dos álbums de Adela Turín que nos proporciona a editorial Kalandraka. É un xeito ben doado de falarmos de igualdade e ben divertido! Así que tamén aprendemos con lecturas curtas e en voz alta que realizamos na biblioteca do centro.




07/03/15

Rompendo máscaras con Alberto Ramos




Onte tivemos nova reunión do club de lectura arredor de Máscaras rotas para Sebastian Nell. Para falarmos sobre o libro veu o seu encantador e xove autor Alberto Ramos, con quen falamos do libro e doutras moitas cousas, como adoita acontecer neste club tan variopinto e enriquecedor que vai polo seu terceiro ano de vida. Por iso falamos de xornalismo, de corrupción, de libros, da vida... e dun libro que case todas e todos admitiron que resultou de difícil comezo pero que acabou enganchando. 
Arredor do alzhéimer e a memoria constrúe a súa novela o autor nunha ficción literaria xenial.
A vida de Sebastian Nell atrápanos dende o seu periplo vital: pobreza, Segunda Guerra Mundial, mortes, teatro, cine, Shakespeare... xunto co desencontro vital que mantén coa outra coprotagonista da novela, Rebecca Graham nunha conversa na que iremos odiando e amando a ambos personaxes a un tempo.

“Señorita Graham, xa é noite pecha, a xornada maratoniana rematou. Xa non quedan fíos polos que tirar. Desenguedellou por completo o nobelo. Está desfeito. Fun todo o sincero que quixen, conteille o que puiden”.


04/03/15

Ningún amante sabe conducir

O noso club de poesía vai moi paseniño este curso, pero seguro. O libro que nos xuntou desta volta foi Ningún amante sabe conducir de Rosalía Fernández Rial.


  
 Esta lectura foi soprendende para todos os membros do club, que se deixaron abraiar pola mestura de poesía, prosa e teatro. Eros mestúrase coa velocidade, a condución, a marcha atrás, o desexo, o sexo... e aí radica a orixinilidade dos poemas, poemas eróticos que se confunden nos derrapes accidentais da estrada, que envolven a pel entre olores de derrapes e goma queimada, que saben a animais salvaxes mentres miramos dende a outra marxe.

21/02/15

#EuSonRosalía

O club de lectura pola Igualdade tamén é Rosalía:


13/02/15

O diario violeta de Carlota


O primeiro libro escollido para iniciar o Club de Lectura da Igualdade foi o O diario violeta de Carlota de Gemma Lienas, publicado pola editorial Galaxia. Veunos moi ben como libro introdutorio sobre o tema da igualdade, aínda que xa leramos anteriormente o libro de poesía de LEdicia Costas por mor da súa visita.
 O diario violeta de Carlota achega un montón de situacións cotiás caracterizadas polo vesgo do machismo, algo que nin vemos polo acostumados que estamos a convivir con elas. Creo que é un bo xeito de lles abrir os ollos e de dar pé ás novas lecturas que vaiamos confrontando.

Foi un libro que me pareceu moi interesante e creo que todo o mundo o debería ler porque, grazas a el, percátaste de moitas situacións machistas que ocorren ao teu arredor.
É un libro que serve para abrir os ollos e observar o mundo con «lentes violetas» e así, paso a paso, ir poñendo fin a esta sociedade machista que hai que cambiar.
Este libro a min, polo menos, fíxome abrir os ollos e decatarme que ao saír á rúa podemos ver situacións machistas, e que antes de ler este libro non sabía que se poderían considerar machistas. Tamén creo que se deberían cambiar os estereotipos de que para ser guapa hai que estar delgadas, e, se vos dades conta este estereotipo vémolo dende pequenos, dende que comezamos a xogar coas «barbies«  ou coas bonecas. Porque... vós vistes algunhas bonecas gordas, exceptuando os bebés ???
(Cristina Costela) 

Francisco di:

Paréceme unha novela en vixencia sobre temas feministas.
 Carlota é unha rapaza coma nós que dase de conta de que en feitos cotiáns vemos como son tratadas as mulleres na realidade. Fai que nos demos conta de que nas nosas vidas tamén se dan eses feitos, como os que aparecen nos xornais, nas lendas, nas diferentes culturas…. etc.
O que pareceume unha boa idea no Diario foi a regra da inversión, ou poñerse no lugar do outro/-a (empatía). E de costumes aínda machistas, que entre todos/-as temos que erradicar.
Eu non sabía o porqué da cor violeta na Defensa dos Dereitos das Mulleres, e nunca esquecerei de que foi nos Estados Unidos nunha Fábrica de Teas violetas nas que as mulleres que traballaban nela, foron queimadas por defender os seus dereitos. Recomendo a súa Lectura.
 

12/02/15

Tamén na TVG

A raíz da publicación na prensa do noso traballo pola Igualdade, o programa da TVG "Boas Tardes" tamén quixo falar connosco do noso quefacer e dos nosos anceios de igualdade. Este programa foi emitido onte, mércores, aínda que viñeron onda nós o luns.
Debemos a gravación a Francisco Santomé.

01/02/15

Lendo pola Igualdade, na prensa

Hoxe sae na Voz de Galicia unha entrevista que María Cedrón realizou no IES Laxeiro a algúns membros dos clubs de lectura pola igualdade. Sentímonos moi orgullosas e orgullosos destes rapaces e rapazas que portan as súas "gafas violeta" e non consenten actitudes machistas ao seu arredor:


30/01/15

Con Ledicia Costas

Desta volta, o club de lectura foi ben especial, porque xuntáronse dous dos clubs que hai no IES Laxeiro: o de 1º de Bacharelato que le poesía e o de 3º de ESO pola Igualdade, que tamén leu o libro de poemas de Ledicia Costas, Xardín de inverno. Todos os membros do club que puideron asistir amosáronse encantadas coa experiencia. 
Moitas grazas, Ledicia!







Di Nerea: o encontro con Ledicia foi moi satisfactorio; respondeu a todas as nosas dúbidas, contounos en que se baseou para escribir cada unha das súas historias e relatos, contounos como se sentía ó escribir... É unha escritora nada diva, e iso gústame. Asemade, encantaríame que volvese onda nós!

Di Jenni: o encontro con Ledicia Costas gustoume moito,; contounos como de pequena xa lle gustaba escribir as súas propias historias. Pareceume moi divertido cando nos dixo que un día lle preguntara aos seus pais se non era raro que non saíra a xogar coas amigas ou a darlle patadas ao balón, e os seus pais dixéronlle que pensaban que iso xa lle pasaría. Sentinme un pouco identificada co libro de ¨ Xardín de inverno´, porque nel conta como se sentiu cando lle morreu a súa avoa, e eu sentinme coma ela, por iso me gustou.  

Di Cristina: 
Estar con Ledicia Costas foi unha experiencia realmente interesante, poder conversar con ela e que resolvera as nosas dúbidas, que nos explicara o porqué de decidir ser escritora e as anécdotas da súa infancia. Foi moi gratificante.


26/12/14

Con Xavier Queipo e o seu "55"





A visita de Xavier Queipo o día 23 de decembro para falarmos de 55, entre outras cousas, foi claramente inesquecible, porque con el falamos de  moitas outras cousas interesantes que non tiñan relación con este libro explicitamente.
Dadas as datas, non todos os compoñentes do club puideron asistir, aínda así houbo novas incorporacións que leran o libro con detalle e fixeron moitas preguntas.


Xavier falounos de como procura innovar en todos os seus libros, de como algunhas das súas historias baséanse na súa vida (que vida tan apaixoante!) e outras de retallos de conversas ou de cousas que le. Asemade, falamos do seu premio como tradutor do "Ulises" e de que vive nunha rúa onde se falan máis de 100 idiomas. Canto tiña para contar!
O tempo voou ao seu carón.
Grazas por vires ata Silleda!

23/11/14

Contando contra a violencia

Dende o Concello cada anos me piden que vaia a contar contra a Violencia de Xénero. Este ano acompañáronme dúas alumnas de 3º de ESO que forman parte do Club de Lectura pola Igualdade: Nerea e Cristina. Un bo xeito de comezar con este novo club no IES Laxeiro.