17/06/16

Labrego con algo de poeta




O pasado xoves 16 visitounos no Clube de Lectura da Biblioteca Municipal "Castelao" de Silleda, Mercedes Queixas, autora da biografía de Manuel María "Labrego con algo de poeta".
Esta exitosa publicación foi editada hai uns meses por Galaxia co gallo das Letras Galegas dedicadas en 2016 ao poeta da Terra Chá e nela, @s lectores deste clube, atopamos un estupendo exercicio didáctico non só pensado en divulgar a figura, o pensamento e sentimentos do poeta chairego, se non que tamén unha atractiva provocación para indagar na súa lírica, a cal reflicte a historia e o presente da nosa Galiza contemporánea.
Os versos sinceramente limpos, as coherentes vivencias e a paixón pola Patria, axúntanse neste percorrido para nos descubrir a alguén que tomou a función de poeta como un oficio da realidade social do País ou un radiografo etnográfico do lar, da casa, do pobo, da vida do noso e d@s nos@s con vocación atemporal e permanente.
Coincidimos con Mercedes Queixas en que o o obxectivo de tentar popularizar o autor máis prolífico literatura galega e a súa obra comprometida e veraz foran acadados. E, sobre todo, agradecémoslle que conceptualizase deste xeito a súa obra para interpretar a súa vida, porque isto lle deu un resultado brillante e esclarecedor.








E tamén na prensa: