Amosando publicacións coa etiqueta Natureza. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Natureza. Amosar todas as publicacións

08/11/13

Club de Lectura do primeiro ciclo da ESO (I)

 Inauguramos este curso un Club de Lectura para o primeiro ciclo da ESO. A profe que o leva é Celia Lamela. A temática: o relato curto.

Nesta primeira xuntanza de onte comentamos dous contos incluídos no libro Ai, Filomena, Filomena e outros contos, de Miquel Obiols, ilustrados por Miguel Calatayud e editados por Kalandraka. As historias escollidas foron "A Terra está na Lúa" e "A mesa encantada". Calquera das dúas caracterízase polo seu fondo lirismo, no ámbito dunha narrativa poética e un tanto "naïf". Ese lirismo vese acrecentado polas espléndidas ilustracións de Miguel Calatayud, nas sempre preciosistas edicións de Kalandraka.
"A Terra está na Lúa" permitiunos a rapaces e profesoras situarnos na tesitura dun planeta que se subleva e ten todo o dereito do mundo na súa subversión. A Terra "enrabéchase" con causa, xa que homes e mulleres non deixamos de agredila. O conto deu pé a unha reflexión sobre as múltiples formas de agresión humana: as guerras, a devastación dos recursos planetarios como se fosen inesgotables ou ilimitados, o consumo sen xeito e que non responde a necesidades reais das persoas... Puidemos atender tamén á especial disposición tipográfica do texto, profundamente poética e vangardista, na que as formas tratan de reproducir os efectos evocados polo significado.
"A mesa encantada" é un conto presentado desde unha perspectiva narrativa insólita, a dun obxecto que fala sobre a súa xenealoxía e a súa historia autobiográfica. Como en toda biografía que se precie, o "laboratorio amoroso" é fundamental e esta mesa de carballo non deixa de falar sobre as sensacións que lle imprime no corpo o seu primeiro amor ou sobre os soños de liberación asociados ao encontro amoroso. A saudade tamén ten cabida neste conto, que rezuma tenrura. Na literatura todo é posible e ata os obxectos falan, aman e soñan...

22/03/11

Nós tamén plantamos árbores

O mes de marzo adicámolo aos Dereitos da Natureza, polo que o libro escollido foi O home que plantaba árbores de Jean Giono.

Guadalupe Barreiro, sobre o libro:

Trata dun home que vai polo deserto e no medio deste encontra unha casa: é a casa dun home que vive só co seu gando. O home ofrécelle auga e refuxio ao viaxeiro e queda alí durante un tempo. Cando o viaxeiro se dá conta de que o home está a plantar landras no deserto, faille moitas preguntas. Ao longo de moitos anos, o home seguiu plantando árbores ata que, xa moi maior, ve o seu froito: un terreo cheo de árbores no deserto. Agora estas árbores están protexidas, aínda que ninguén sabe quen as plantou.
O libro gustoume moito porque vese reflectida a esperanza do home e o cariño co que fai as cousas.

A Carolina Gulías tamén lle gustou o libro polo de cariño á natureza que este transmite.