28/11/15

No concello, contra a violencia de xénero

O 25 de novembro o noso club de lectura protagonizou unha performance contra a violencia de xénero no concello de Lalín, nun acto organizado por este e no que participaron todos os centros educativos do noso concello, algúns como participantes e outros aportando un gran de area, como quixermos facer nós.








1.- Toda a comunidade educativa do IES Laxeiro declárase en contra da violencia de xénero.
A violencia de xénero é un problema social que afecta a todos os sectores da sociedade, incluída a poboación xuvenil ou adolescente. A violencia non se inicia normalmente con agresións físicas senón co comportamento de dominio ou abuso sen que, en moitas ocasións, a adolescente teña conciencia de estar sufrindo esta violencia.

2.- Por iso:
A.- SE che contesta mal, se che berra... aínda que logo pida perdón
B.- SE che di como tes que te vestir, ou te critica polo teu aspecto
C.- Se non che deixa saír cos amigos e coas amigas, se tenta illarte
Se fala mal deles e delas para impedir que te xuntes con eles
D.- Se sempre te está controlando, se che pregunta a todas horas que fas
Se che revisa o móbil, o bolso, se anda a buscar algo entre as túas cousas
E.- Se te menospreza, insulta ou denigra, se te ameaza ou humilla, a soas ou diante da xente
F.- Se é celoso ou posesivo, obrígate a obedecer e ser submisa, se te illa ou priva da túa liberdade
G.- Se te agarra, empurra ou zarandea, se che pega e logo pida perdón
H.- Se te forza, se te obriga a ter relacións sexuais ou te chantaxea para telas
I.- Se te viola, se abusa de ti

3.- Sempre é violencia de xénero. Saber identificala, coñecela e rexeitala é fundamental dende o principio

4.- Cómpre unha educación en igualdade real que garanta as relacións de iguais, sen condutas machistas, sen a superioridade dun xénero sobre o outro, para rematar con esta grave lacra social.

AGORA AS MOZAS VANSE ERGUENDO.
1.- Cómpre termos unha lexislación específica que asegure unha resposta integral e coordinada das autoridades fronte á violencia de xénero.
2.- Cómpre actuar coa debida dilixencia na investigación das denuncias, a sanción dos responsables, a protección oportuna das vítimas e a reparación dos danos sufridos.
3.- Cómpre asignar recursos suficientes que aseguren que todas as mulleres teñan acceso a unha rede de protección axeitada que garanta a súa seguridade.
4.- Cómpre recoñecer a persecución por motivos de xénero como causa para acceder ou obter o estatuto de refuxiada.
5.- Cómpre eliminar as normas que exclúen as mulleres inmigrantes indocumentadas do dereito ao acceso á rede pública de protección.
6.- Cómpre apoiar a iniciativa das asociacións de mulleres europea de pór en marcha un Observatorio sobre Violencia de Xénero.
7.- Cómpre saber que nunha relación hai discusións, problemas, e non por iso pasa nada.
8.- Cómpre saber que nunha relación non todo é perfecto.
9.- Cómpre saber que nunha relación, cada unha das partes ten as súas amizades.

ENTRE TODOS

Paremos a violencia entre todos e todas

27/11/15

De remate


Onte estivemos no club de lectura con Héctor Cajaraville e o seu De remate, premio Xerais 2015. Así que esta foi a miña última lectura, o que constituíu unha boa elección, xa que houbo momentos lectores ben agradables e divertidos.
Emprega o autor unha prosa fresca, fluída, na que destaca a ausencia de dramatismo a pesar da realidade que vive o protagonista, algo que se desvela xa no prólogo do libro; este afastamento é quizais un dos mellores logros da novela, que reflicte unha vida calquera chea de sombras e de luces con final tráxico, sendo a pesar diso unha novela lúdica cun contrapunto final na última carta. Así pois, o optimismo que regala o libro agradécese sobre todo por esa retranca que domina os artigos, uns artigos que nos fan desexar comprar o xornal onde escribe o protagonista para seguir a lelo. Deses artigos, eu -deformación profesional- destaco os lingüísticos, pero o mellor de todos é, sen dúbida, "Castrofobia no autobús" onde consegue verdadeiras gargalladas; o feito de que este sexa un dos primeiros artigos engade valor ao libro, pois aumenta as ganas de seguir a lectura. Realmente, esa é a parte que máis me gusta pola aproximación irónica á realidade e o seu xogo de palabras constante. Unha retranca que botamos tantas veces de menos na nosa prosa! Con esta, o autor consegue fotografarnos como somos, retratar a nosa singularidade, construír retallos vívidos da nosa idiosincrasia. 
A destacar asemade a autocrítica que contén o texto. Dentro desta crítica ficcional realízase unha crítica ao mundo do xornalismo, profesión do autor, e unha crítica social que se entrevé mesmo nos correos que se escriben. A crítica é un fío condutor da novela, un elemento cohesionador importante.
Un libro diferente que paga a pena ler.



22/11/15

Contando contra a violencia (II)

Un ano máis, estivemos presentes en "Violarte". Se o curso pasado estreábanse Nerea e Cristina, este curso fixémolo extensivo a todos os membros, aínda que ao final só puideron ir seis. E aí estiveron, lendo e contando contos pola Igualdade e contra a Violencia.
Somos unha potente canteira igualitaria!!!
E debemos celebrar asemade que o noso club arrasou no concurso organizado polo Concello de Twits contra a violencia de xénero. Parabéns!




16/11/15

A evolución de Calpurnia Tate


O segundo libro que nos reuniu como Club de Lectura pola Igualdade foi este A evolución de Calpurnia Tate, libro que gustou unanimemente e que chamou a atención por dúas cousas: a educación das nenas como "criadas" e a imposibilidade do acceso á educación científica por seren mulleres.
E un avó que ensina a pensar! Ademais, o amor polos libros.

14/11/15

Imos ao teatro IV


E volvemos ao teatro! Desta volta, para escachar a rir, dende logo. Marián Bañobre e Isabel Risco son dúas actrices complestas que saben bailar, actuar e improvisar. Do mellor que vimos ultimamente! E ao rematar, entre os pinchos ofrecidos, a nosa foto de rigor. Que luxo contar con xente así na escena galega!