Amosando publicacións coa etiqueta Novela negra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novela negra. Amosar todas as publicacións

29/02/16

La costilla de Adán





Xa que no instituto estamos a celebrar o "trimestre negro" aproveitamos para ler unha novela negra que teña como fío condutor a violencia de xénero. E en lugar de ler unha das máis coñecidas, decantámonos por este La costilla de Adán de Antonio Manzini, publicada por Salamandra na súa colección "Black". É de agradecer que tamén neste xénero se aborde algo tan preocupante na nosa sociedade como a violencia. O autor amosa a súa preocupación, asemade, nos  "Agradecementos" finais, dando datos precisos sobre as estatísticas italianas.



13/02/14

A memoria da choiva

O noso club de lectura de adult@s é unha auténtica gozada que cada día me proporciona maiores alegrías. Hoxe tivemos o inmenso pracer de recibir a Pedro Feijoo para compartir con el o libro que vimos de ler, A memoria da choiva. Case tiven que lles prohibir que a nosa próxima reunión fose arredor de Os fillos do mar!!!
Pedro comezou contando por que é tan importante para el situar ao lector en lugares coñecidos, é un xogo que lle dá confianza e ao que acode tamén como lector. Non só utiliza este tipo de lugares senón que hai segundas lecturas, as localizacións que aparecen teñen vínculos. Xoga asemade cos nomes dos personaxes, chiscadelas que o lector, se así o desexa, pode interactuar, procurar mesmo persoas reais. Isto vén provocado porque a Literatura debe deixar de ser tan transcendental.
En A memoria da choiva hai mestura de ficción e realidade. No caso de Rosalía foi moi complicado achegarse á súa árbore xenealóxica, xa que o propio Murguía enterrou a súa propia memoria. Pero Pedro tiña moi claro que Rosalía é de todos e non é de ninguén.
Un dos lectores felicita a Pedro polo ritmo da novela, un ritmo cinematográfico no que todos os personaxes son sospeitosos, facéndolle lembrar a Chesterton (Calígula: mátao despacio, que sinta o que é morrer). Pedro asegura que el, precisamente, busca enganchar ao lector a base dunha linguaxe lixeira e un ritmo rápido.
Pedro Feijoo tamén nos trouxo unha das súas libretas onde el vai escribindo e anotando as súas novelas, dúas plumas e unha navalla, o seu obxecto fetiche, que herdou do seu avó e que era de... ÁLVARO CUNQUEIRO!!! Case volve á casa sen ela!

01/03/13

Lume de cobiza


Esta reunión do club foi ben especial: parolar arredor do libro co propio autor! Ademais, como é un autor ben próximo, as horas pasaron deseguida e fíxosenos noite ben pecha. E é o que ten, tanto por contar, tanto por transmitir!

Estamos a falar de Miguel Anxo Fernández e o seu libro Lume de cobiza publicado pola editorial Galaxia. Un libro que nos enganchou a todas e a todos, por ser doado de ler e pola súa trama que non deixa respiro. Queremos dar as nosas máis expresivas grazas a Miguel Anxo por ter o detalle de se achegar a Silleda, nun día ben frío e unha noite xeada, para compartir lectura e pinchos connosco!

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2013/03/01/intensa-jornada-debate-lectura-casa-cultura-silleda/766182.html