Amosando publicacións coa etiqueta Cómic. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cómic. Amosar todas as publicacións

28/03/16

Una entre muchas

Publica Astiberri esta novela gráfica escrita por Una: Una entre muchas, un libro que fala de violencia de xénero, de abusos sexuais, do trauma que supón ser unha vítima e do difícil que é non sentirse, ademais, culpable. Abordamos o feito de que a sociedade non cuestione as agresións machistas e culpabiliza as mulleres que pasan de ser vítimas a ser responsables desas agresións, sendo vilipendiadas e cuestionadas sempre. Arredor da experiencia persoal da protagonista, xira unha vaga de asasinatos de mulleres (o Destripador de Yorkshire), cuxa investigación está mal dirixida por seren prostitutas. De novo, volvemos ter a responsabilidade social que bota terra por riba das mulleres e non cuestiona o porqué. De novo, a misoxinia social e cultural que non rexeita a violencia contra as mulleres como marca de sexualidade masculina.
A nosa protagonista terá que medrar entre a dor e a culpa, e sobre todo a indefensión e a incomprensión, para logo emprender un camiño polo que terá que andar paseniño para ser capaz de liberarse das secuelas dunha violencia que resulta demasiado cotiá e pouco criminalizada.
Os debuxos son, asemade, unha metáfora visual constante. A culpa en forma de gran saco que a moza leva ás costas, as ás fuxidías... os collages, os recortables...  Pareceume un deses libros necesarios para fomentar a reflexión sobre o machismo e a sociedade patriarcal na que vivimos.

19/12/12

...Con locura, amor y malos tratos

Só coñecía este cómic por recomendación de Carme, e foi todo un acerto propólo para este club. É, sinxelamente, xenial. En ...Con locura, amor y malos tratos nárrase a historia dunha parella na que se reproducen estereotipos sexistas que desembocan en distintos tipos de agresións por parte da figura masculina. O feito de escoller as figuras non humanas, por exemplo, paréceme dun gran acerto, tendendo ao mesmo tempo ao afastamento pero tamén ao achegamento da historia. O feito de tantas imaxes en branco, sen nada que dicírense...

O que opina....
Ana Colmeiro Corral:

Aínda que é curto, dá a entender con moita claridade quen é o que manda nunha parella e quen é o que sofre o humor.
Penso que este libro é unha chamada de atención para que tanto homes como mulleres nos deamos conta de que o home toma o poder porque se lle permite facelo.

22/05/12

Engurras

Cambiamos de terzo e acudimos a un cómic que está a arrasar grazas, en parte, á súa versión cinematográfica. Logo veremos o filme.



Susana Lamas:

Este libro encantoume, sobre todo polas parvadas que fan os vellos. Houbo unha parte na que me sentín un pouco triste porque me recordaba a mina avoa que tiña demencia senil.
Estefanía López Antelo:

Este libro pareceume moi interesante xa que narra a historia dun señor e como pasa de vivir na casa coa familia a vivir nunha residencia de anciáns con completos descoñecidos. Alí faise amigo do seu compañeiro de cuarto

Andrea Garrido:

Este libro gustoume moito, xa que fala da realidade dos señores maiores, da vellice, e da súa soidade; nalgúns casos a familia abandónaos coma se fosen animais, e outros os seguen visitando coma se nada.


Daniel Álvarez:

O libro gustoume porque mostra como un ancián con Alzheimer intenta esquecerse de que ten esa enfermidade. Desgrazadamente hai moitas persoas que teñen esta enfermidade pero o que hai que facer é que esas persoas o pasen ben coma outras persoas calquera.

Katia Gaiteiro:

Este libro pareceume moi bonito e realista porque nos fala dunha enfermidade como o Alzhéimer que hoxe en día está moi presente nas nosas vidas e debemos coidar ás persoas que o sofren porque a calquera nos pode pasar.

21/12/09

Sobre A mansión dos Pampín

Hoxe reunión extra do club de lectura para falarmos d'A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado. Serviunos para reflexionar sobre o Dereito a unha vivenda digna, sobre o pouco amor polo noso, o escaso respecto polo noso patrimonio histórico e cultural, da especulación e da pouca ética dos construtores. Mesmo falamos da incultura como mai de todos estes males.
Tamén comentamos o achegamento á lectura en banda deseñada, un soporte ao que, curiosamente, non están acostumados. Deste libro dinnos:
Álbum de banda deseñada arredor do feismo arquitectónico e do caos urbanístico en clave de humor. Desenvolvido no marco do Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Tivo dúas edicións, comercialmente en castelán, publicada por Norma Editorial, e mais unha edición no orixinal en galego, da Consellería de Política Territorial en colaboración co COAG. O Proxecto Terra levou o premio á mellor iniciativa galega a prol da banda deseñada 2004, que otorgan o Concello de Ourense e a Casa da Xuventude de Ourense. En Portugal titulouse A mansão dos Pimpão (Ed.Asa) e en Francia La demeure des Gomez.

O libro baséase nas experiencias dun urbanita que no trance de sacarlle rendemento á vella casa da aldea entra en contacto con veciños ignorantes, construtores sen escrúpulos e alcaldes corruptos. A definición dos personaxes é maxistral, incluído o que podería ser o aparellador municipal, que en dúas viñetas trata de poñer un pouco de sentidiño nesta orxía de avaricia.