27/01/10

Despedida de Andrea no club de lectura

Unha gran mágoa: unha das nosas integrantes marcha para México. Botarémola de menos. Todo o club se desviviu hoxe por lle facer unha festa de despedida antes de nos sentar a falar da nosa última lectura e de moitos outros libros que xorden en cada reunión.


Tamén lle pedimos un discurso de despedida, algo que a min, particularmente, encheume de emoción. Hai tan só catros meses que nos coñecemos, que formamos o club, e as súas palabras foron especiais: un dos mellores recordos que levo comigo é este club; aquí fixen amigos novos, aquí compartín paixóns. Pídovos que o curso próximo, aínda que non estea Gracia convosco, sigades tendo este club, non deixedes que esmoreza. Porque é moito máis importante do que nun principio parece, e porque a xente que non pertence a el non ten nin idea do que está a perder.

Ata sempre, Andrea.

A miña planta de laranxa lima

Cheo de lembranzas, un libro marabilloso para todas as idades que hai que ler nalgún momento da vida: A miña planta de laranxa lima de José Mauro de Vasconcelos, publicado pola editorial Primerapersona. Iso si, cun pano ao voso carón, non coñezo a case ninguén que sexa capaz de reprimir as bágoas.
Cando llo levei por primeira vez ao Departamento, leuno a miña querida Teresa. Cando mo volveu, prohibiumo ler. Sempre desexa evitar que eu sufra! E daquela obedecín, claro. Pero como non lelo? Si, efectivamente, o libro é dunha tristura inconmensurábel. Pero, tan sumamente tenro...
Foi o último libro proposto no club de lectura. Pero, curiosamente, acabouno lendo medio instituto. Sobre todo, gran parte do profesorado. Un boca a boca que funcionou sen case a miña intervención. Do Departamento de Galego ao de Español, deste ao de Inglés, de aquí ao de Historia, Música... Todo un éxito!
Seguramente a maior parte de vós xa o coñecedes. Se non o lestes aínda, non tardedes moito, é unha auténtica fermosura. Dá igual os anos que teñas, podes lelo con dez ou con oitenta: vaiche gustar. O contario é impensábel. Ou imposíbel.


Jose Mauro de Vasconcelos - Mi planta de naranja lima