26/11/10

Arredor de "A piragua"


O martes 23 xuntámonos co club de lectura de 2º ciclo para falarmos de "A piragua", obra de teatro de Cándido Pazó editada por Laiovento.
O libro seica lles encantou, algo que intuiamos porque é, realmente, unha pequena obra mestra. Mágoa non ter a obra de teatro gravada para pórlles o vídeo. Eu, que tiven a sorte de vela representada en Ribadavia o verán pasado, fiquei namorada da obra.
E é que non podiamos ter mellor elección para este mes, e máis para estas datas, que esta obra que aborda o tema da violencia de xénero dun xeito tan descarnado e brutal. Con saltos no tempo e cun atmosfera diferente, semella que en lugar de estarmos lendo unha obra de teatro estivésemos lendo unha novela ben artellada onde cada frase é insustituíble.


25/11/10

A piragua


Comentario de Sarai López:

É un libro moi fácil de ler por ser unha obra de teatro. Gustoume moito porque conta a historia con certo sentido do humor e ao mesmo tempo trata un tema moi importante na nosa sociedade, como é a violencia machista ou a violencia contra a muller.
Tamén me gustou porque mete un teatro dentro doutro, é dicir, hai tres persoas que son actores e actrices, ou cando menos desexan selo; mestura dous tempos diferentes e ten espazo para unha historia de amor.
Un libro moi completo.


Comentario de Carmen Campos:

Pareceume un libro que expresaba moi ben o que é a violencia de xénero, e ademais explícao dun xeito amento. É un libro moi sinxelo de ler e recoméndollo a todo o mundo.


19/11/10

A casiña azul

Nerea García Vázquez opina deste libro:

Este libro gustoume porque dalgún modo fala de casos reais. O maltrato e a violencia de xénero son dous dos problemas máis frecuentes na sociedade española que se poderían evitar.
Eu como muller non entendo a reacción por parte dos homes pero tampouco entendo por que a muller non reacciona.
Quizais se as leis foran máis estritas e duras, o número de mulleres asasinadas, 62 no que levamos de ano 2010, reduciría considerablemente.
Tamén estaría ben que unha muller maltratada escribise un libro para demostrar o inferno no que viven.

Guadalupe Barreiro di:

Gustoume o libro porque reflicte a vida dunha nena e os continuos malos tratos do pai, e ao mesmo tempo gustoume a parte de misterio da casa que cambia de cor polas noites.
O que me pareceu moi ben foi que lle quitaran a custodia da rapaza ao pai, xa que non a merecía.

Carolina Gulías afirma:

Pareceume ben que lle quitasen a custodia da nena ao pai. Non merece o cariño da filla.

18/11/10

Arredor de "A casiña azul"


O martes día 16 deste mes xuntámonos por primeira vez co club de lectura de 1º ciclo para falarmos arredor de "A casiña azul", escrito por Sandra Comino e publicado pola editorial Galaxia. O libro xira arredor da violencia exercida sobre unha nena por parte do seu pai, o medo, a mentira, a vergoña. De todo isto falamos este día onde as nenas de 2º de ESO por primeira vez se xuntaban arredor dun libro para esmiuzalo e tirar as aportacións que cadaquén tiña dentro de si.
O libro foi escollido este mes por precisamente tratar o tema da violencia de xénero.
Seica lles gustou moito, un acerto de primeiras sempre é propicio!

03/11/10

Comezamos

Unha nova andaina para este noso club de lectura que semella "itinerante" estes últimos anos. Con novas lecturas, con novo alumnado, con novas enerxías, botamos a andar este curso en Forcarei con 3 clubs diferentes: un de primeiro ciclo da ESO e un de segundo ciclo; ademais, tentaremos levar un de lectura en voz alta para alumnado específico e onde explotaremos, sobre todo, o álbum ilustrado.
Xa que o mes de novembro é o mes sinalado como "Contra a violencia contra a muller", os libros iniciais xiran arredor deste tema:
"A casiña azul"
"A piragua"