08/02/13

Monstruo de ojos verdes

Este mes de febreiro a xuntanza foi para falar de "Montruo de ojos verdes" de Joyce Carol Oates publicado pola editorial SM.

Segundo a opinión de todos os membros do club, este libro converteuse nun dos seus preferidos, non houbo ningunha opinión "disidente" e todos compartimos a nosa satisfacción ante unha boa lectura.


Unha historia agresiva, coma o pai, cunha nai que non sente forzas para loitar... e un monstro de ollos verdes que nun principio nos desconcerta posto que para nada é quen esperabamos. Pero este será determinante para saír dunha angustiosa situación e buscar outros camiños que seguir.
O xeito de ofrecernos o relato é fantástico: os lectores imos intuíndo a triste realidade, pero esta non se nos amosa ata o final, posto que temos tan só a perspectiva da protagonista, unha moza de 14 anos que en todo quere compracer ao seu pai e moitas veces non se atreve nin sequera a cuestionar o seu carácter. Pero dános, iso si, suficientes indicios para saber que é o que realmente ocorre. E iso é o bo deste libro: que non presupón que ao lector/a haxa que lle explicar nada, debe percatarse por si mesmo de que é o que acontece, aínda ocultando datos ou distorsionando algunhas realidades.


O que opina....
Ana Colmeiro Corral:

Sexa en castelán, en galego ou en ruso, este libro é un dos libros máis bonitos e á vez, máis tristes que lin na miña vida.
Sufrín moito con el. Enfadeime, maldición, xurei, e ao final chorei, porque sentín unha impotencia moi grande. Porque fóra da ficción tamén ocorre isto. E eu nada podo facer para impedilo.
Unha lectura imprescindible que pon os nervios a flor de pel.

01/02/13

Enderezo descoñecido

Este xoves 31 de xaneiro tivemos a primeira reunión do club de lectura de adultos na Biblioteca Municipal. O primeiro libro que lemos en común foi o de Enderezo descoñecido de Kressman Taylor, publicado por Xerais na nosa lingua.
O libro serviunos para falar do Nazismo pero tamén fomos moito máis alá: de que somos capaces as persoas? Como reaccionariamos? É extrapolable a situación da Alemaña dos anos 30 á España actual? Seriamos agora quen de aceptar un noso "salvador" tal como está a situación económica?