30/05/14

Remate do club de "Lecturas pola Igualdade"

E isto opina  Nasty Tovmach:






O club de lectura para min significou máis ca un club de lectura.
Non era o típico onde ti chegabas despois de haber lido un libro, e simplemente falar dese libro.
Este club de lectura foi un lugar onde podiamos comentar opinión moi persoais, tanto nosas como do libro, sen que nunca nos xulgaran. Alí podíaste expresar libremente, e compartilo co resto dos integrantes do club.
Dicir que estes dous anos no club de lectura me encantaron, quédaselle corto.
Os libros gustáronme moito, non pola historia, xa que sempre era triste. Se non porque che fan abrir os ollos, e darte de conta de cousas que tiñas diante das túas narices que as ignorabas completamente.
Tamén hai que dicir que este club non sería o mesmo sen a profesora que a organizaba todo. Non sei como sería con outra, pero tal e como foi con ela, dubido moito que haxa outro.
¡Moitas grazas, Gracia, por estes dous anos dedicándonos un tempo tan valioso!
 

29/05/14

Remate do club de "Lecturas pola Igualdade"

Imos con JULIÁN GÓMEZ VILLAMAYOR:



O club de lectura foi unha nova experiencia para min xa que nunca antes estivera nun. Ao principio custoume apuntarme porque non me gustaba moito ler pero apetecíame aprender cousas novas e quizais ao final me acabase gustando, tal como ocorreu.
Os libros que tivemos que ler ían de violencia machista e de igualdade da muller, algo do que se fala pouco nas aulas e fóra, pero neste club de lectura percateime de moitas cousas, cousas que vía diariamente e non me daba conta de que algunhas situacións son machistas. Este club de lectura fixo que vise o mundo doutro xeito.
Aínda que non todos os libros me gustaron, a maioría estaban ben e aprendías moito; o feito de falarmos do libro facía que aprendésemos máis cousas xa que os teus compañeiros se decataban de cousas ás que un mesmo non lle dera importancia.
Eu recomendo esta experiencia xa que se goza moito máis da lectura. E tamén quero agradecerlle á profesora ofrecernos esta oportunidade realmente inesquecible.

 E ANDRÉS CANGAS:



Para comezar, quero dicir que foi unha experiencia inigualable, xa que puiden compartir as miñas opinións sobre  os libros con outra xente e sacar máis conclusións e poder ver outros puntos de vista nos libros. Gustaríame repetir esta experiencia para o ano. Felicitar á miña profesora por organizar cousas así. O tema a tratar foi moi interesante porque os libros trataban sobre violencia de xénero e machismo, algo que hai que erradicar canto antes.
 

28/05/14

Remate do club de "Lecturas pola Igualdade"

Agora é MARTINA DOMÍNGUEZ quen fala:




Para min o club de lectura foi unha experiencia inolvidable e moi útil. Nestes dous anos aprendín moito e crecín como persoa.
Cando Gracia nos propuxo a idea de formar o club eu aceptei dende o primeiro momento, gústame ler e pareceume interesante a idea de compartir a miña opinión con outros lectores.
Cada xoves que quedabamos comiamos xuntos e despois comentabamos o libro, o tema era a desigualdade da muller. O papel de Gracia era un pouco de moderadora e ía indicando quen falaba. Ao final saltabamos dun tema a outro e riamos cos comentarios duns e doutros polo que sempre nos divertiamos.
É ben certo que algúns libros foron máis amenos ca outros, pero sempre me gustaron. Cando os lía evadiame da miña realidade e vivía outras historias moi diferentes como cos libros de "Persépole" ou "Malala", ou algunhas que poden ser máis normales como en "El monstruo de ojos verdes". 
A día de hoxe en lugares como o noso país a sociedade disfrázase de igualitaria, cando é ben certo que segue habendo unha gran diferenza entre homes e mulleres.
Os membros do club vimos, en maior ou menor medida, toda a hipocrisía que hai e agora intentamos non caer neses erros e mirar ó mundo coas lentes violetas.
A min, persoalmente, tocoume moi fondo este tema e comecei a fixarme na xente do meu entorno. E, lamentablemente, descubrín o machismo todo que tiñan tan metido dentro. 
Non creo que actualmente estea habendo un progreso social nin moito menos. Sinto rabia e impotencia ao saber que non podo cambiar o mundo. Enfuréceme pensar que nunca chegará a existir unha igualdade real e mundial. O meu único consolo é saber que eu non son así, e que podo axudar á xente do meu entorno a non caer niso.
O club de lectura fíxome abrir os ollos en moitos aspectos e creo que é moi importante que máis adolescentes tomen consciencia disto, xa que nós somos o futuro e este e un dos maiores problemas que acarrean consecuencias catastróficas.
Debería haber milleiros de clubs de lectura para aprender e saber desta situación xa que fai falta un espertar de todas as mulleres e homes para combater a desigualdade.
Finalmente, só dicir que estou moi agradecida a Gracia por formar o club de lectura, aguantarnos durante dous anos e ensinarnos tanto!

27/05/14

Remate do club de "Lecturas pola Igualdade"

E seguimos con ANA COLMEIRO CORRAL:





O club de lectura, para min, foi un espazo do día cheo de evasión e ideas novas. Un espazo do día que calquera lectora ou lector sabería apreciar. Os intercambios de impresións e as diferentes opinións fixeron del un lugar rico no referido á cultura literaria. Tantos libros novos e tantas propostas para próximos encontros estouraron na miña cabeza dun modo sutil, de forma que desexase cada vez máis ferventemente as reunións dos lectores.
Sempre me chamaba a atención que os alumnos se queixasen por ler os libros obrigatorios para aprobaren e ata me daba rabia, xa que non entendía esa frenética busca do número de páxinas deses libros para poder queixárense libremente pola súa amplitude. Porén, os compañeiros do club de lectura desexabamos libros novos, novas aventuras ás que ir e novas opinións que compartir os uns cos outros, sen importar se o libro era grande ou non.
O que máis me gustaba del era o fluír de opinións no que todos participabamos e que, ao ser un club do centro e non un alleo a el, as opinións saían con máis facilidade e naturalidade, sen medo a dicir algo que non fose correcto ou a equivocarnos, xa que, quen máis e quen menos tiña alí aos seus amigos e falaba con máis sinceridade. A confianza coa profesora tamén xogou un papel importante para levar a cabo o club e que funcionase tan ben foi grazas a ela. Non houbo nunca temas tabús e falounos sempre con claridade, cousa que moitos outros profesores non farían e cousa que ademais axudou á escolla dos libros.
No referente ao tema ou orientación temática dos libros vou moi contenta. O primeiro ano o tema era a violencia de xénero, tema moi pouco debatido e castigado, ao meu pesar. Todos nós comezamos a ler libros sobre iso (machismo, diferenzas sexistas, violencia...) e comezamos tamén a darnos conta de moitas situacións que antes non calificabamos de desigualdade. Cando agora vemos algo relacionado con iso na nosa vida cotiá e nos chama a atención,  desexamos estalo contando nun dos encontros dos xoves e queremos debater sobre os feitos que nós mesmos vimos, sen acudir a feitos que leramos nun libro. O segundo ano os temas xa foron máis libres, pero sempre relacionados coa igualdade da muller. Lemos libros preciosos e cada un trataba de cousas diferentes o que lle deu moita diversidade aos nosos encontros.
Saio deste club de lectura encantada, con moitos títulos que desexo compartir co mundo e tamén con moitos amigos e amigas lectores cos que querería seguir compartindo as nosas mellores vivencias literarias.