27/05/14

Remate do club de "Lecturas pola Igualdade"

E seguimos con ANA COLMEIRO CORRAL:





O club de lectura, para min, foi un espazo do día cheo de evasión e ideas novas. Un espazo do día que calquera lectora ou lector sabería apreciar. Os intercambios de impresións e as diferentes opinións fixeron del un lugar rico no referido á cultura literaria. Tantos libros novos e tantas propostas para próximos encontros estouraron na miña cabeza dun modo sutil, de forma que desexase cada vez máis ferventemente as reunións dos lectores.
Sempre me chamaba a atención que os alumnos se queixasen por ler os libros obrigatorios para aprobaren e ata me daba rabia, xa que non entendía esa frenética busca do número de páxinas deses libros para poder queixárense libremente pola súa amplitude. Porén, os compañeiros do club de lectura desexabamos libros novos, novas aventuras ás que ir e novas opinións que compartir os uns cos outros, sen importar se o libro era grande ou non.
O que máis me gustaba del era o fluír de opinións no que todos participabamos e que, ao ser un club do centro e non un alleo a el, as opinións saían con máis facilidade e naturalidade, sen medo a dicir algo que non fose correcto ou a equivocarnos, xa que, quen máis e quen menos tiña alí aos seus amigos e falaba con máis sinceridade. A confianza coa profesora tamén xogou un papel importante para levar a cabo o club e que funcionase tan ben foi grazas a ela. Non houbo nunca temas tabús e falounos sempre con claridade, cousa que moitos outros profesores non farían e cousa que ademais axudou á escolla dos libros.
No referente ao tema ou orientación temática dos libros vou moi contenta. O primeiro ano o tema era a violencia de xénero, tema moi pouco debatido e castigado, ao meu pesar. Todos nós comezamos a ler libros sobre iso (machismo, diferenzas sexistas, violencia...) e comezamos tamén a darnos conta de moitas situacións que antes non calificabamos de desigualdade. Cando agora vemos algo relacionado con iso na nosa vida cotiá e nos chama a atención,  desexamos estalo contando nun dos encontros dos xoves e queremos debater sobre os feitos que nós mesmos vimos, sen acudir a feitos que leramos nun libro. O segundo ano os temas xa foron máis libres, pero sempre relacionados coa igualdade da muller. Lemos libros preciosos e cada un trataba de cousas diferentes o que lle deu moita diversidade aos nosos encontros.
Saio deste club de lectura encantada, con moitos títulos que desexo compartir co mundo e tamén con moitos amigos e amigas lectores cos que querería seguir compartindo as nosas mellores vivencias literarias.

Ningún comentario: