Amosando publicacións coa etiqueta Reflexión b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Reflexión b>. Amosar todas as publicacións
08/10/16
04/06/14
Reflexións sobre o club de lectura de adultos
E non podía ser doutro xeito, tamén lle pedín ao meu lector favorito que me dixese que lle pareceu o club destes dous anos.
|
Cando T… me preguntóu se quería participar nun Clube de lectura que se
estaba poñendo en marcha na Biblioteca Municipal, a bote pronto penséi o
mesmo que cando M... –un amigo metido en politica- me invita a un meeting da
sua formación :” A min xa me tes convencido, non é preciso que vaia “.
Despóis, falando ca miña filla e unha amiga dela do Instituto, preguntéi
pola impulsora de dito clube, e dinme: “Si, unha profesora de galego, que xa
montóu outro clube no Insti; unha miudiña e rebulideira, que sempre anda cun
metro cúbico de libros debaixo do brazo, e ten un blog de libros...”
Y ante a posibilidade de coñecer a tal raro especimen de perigosa
activista/entusiasta dos credos literarios, díxenme:
“Apúntome a viaxe”.
Agora, despóis dunha travesía de doce? meses e dez? Libros,
pido, coma Kavafis, “que a viaxe sexa longa”, pois –ata este punto- chea
de aventuras e coñecemento xa o foi sobradamente.
O disfrute colectivo de moi diversas propostas literarias -pretéritas
ou actuais- , a posta en común da aproximación individual de cada quen a
esas propostas -feito moi enriquecedor- , e o inmenso luxo que supón a
presenza do “culpable” de esas propostas, coido que é algo impagable
tanto pra aqueles que xa creemos que a literatura é unha gran compañeira na
viaxe vital, como pra quen se achegue sin tanta devoción.
E por iso que solicito a municipalidade a continuidade de este
imprescindible servicio público do Clube de Lectura, e asimesmo unha medalla o
Valor e o Mérito Literario pra a combativa artífice do mesmo, a cal
sabemos ten querencia polos pins e antuviadas de prender na roupa.
Graciñas.
Reflexións sobre o segundo club de lectura
Na miña viaxe polo Carballiño, tamén houbo club de lectura:
Mauro ten a ben lembrar aqueles tempos
Mauro ten a ben lembrar aqueles tempos
MAURO CIBEIRA:
Un club de
lectura é un sitio onde a xente se reúne e establece a lectura dun libro para
logo comentar que impresións lle transmitiu. Ou polo menos, isto era o que eu tiña entendido por un club de
lectura.
Sen embargo, dinme
de conta do equivocado que estaba cando estiven por primeira vez nun deles. No
club de lectura aprendín que unha mesma historia agocha moitas cousas que nunca
vemos á primeira. Os detalles que uns perciben a outros pásanlle por alto,
facendo que a historia sexa diferente para cada un. Antes de estar no club
realmente pensaba que os libros contaban historias iguais para todos e que logo
cada un sacáballe unha lectura diferente. Agora entendo que a diferenza comeza
nada máis lir o libro.
Tamén aprendín
canto lle podes sacar a unha historia se contas con moitos puntos de vista.
Todo o que un non se para a pensar outro dáballe mil voltas e facíache ver
canto podemos pasar por alto distintos lectores nas mesmas liñas.
O mellor do club
de lectura era, sen dubida, a xente. Todos reunidos, divertíndonos cun hobby
tan marabilloso como é a lectura, intercambiando opinións, aprendendo os gustos
dos demais e recomendando libros para seguir lendo. Eu creo que, a fin de
contas, iso era o máis importante.
Se algo así foi
posible foi grazas ao interese que amosou a profesora Gracia en crear o club de
lectura. Creo que facía unha gran labor, xa que presentaba libros entretidos
acordes a nosa idade e intereses, amenos e que daban moito para comentar. Pero
o máis importante é que ela mesma participaba dos debates, mostrando as súas
opinións coma unha máis do club, sen mostrar ningunha diferenza de rango cos
alumnos implicados. Ademais, ela mesma estaba encantada de que lle recomendasen
libros ou que presentasen unha forma distinta de ver unha historia a que ela
tiña. Creo que esa apertura cara os alumnos e esa disposición a escoitar é o
que facía que resultase tan cómodo asistir ao club e disfrutar relaxadamente.
Realmente foi una
experiencia que repetiría miles de veces. E mil veces máis. Creo que a calquera
ao que lle guste a lectura lle encantaría un club coma ese no que poder dar
renda solta a unha actividade tan entrañable e máxica como é a lectura.
E Ainara fai o propio:
AINARA GARCÍA DOVAL
Foi durante o meu
primeiro curso de bacharelato cando tiven o pracer de unirme ó club de lectura.
Creado pola nova profesora de galego, Gracia Santorum, todavía descoñecíamos a grande influenza que tanto a pertenza ó clube coma a
chegada de Gracia ian ter para nós.
Para
a maioría tratábase dunha experiencia nova, xa que a pesares de que todos
compartiamos o pracer de sumerxirnos nun bo libro, sempre o fixeramos en
solitario e gardando para cada un todo aquelo que unha nova historia deixaba
detrás trala derradeira páxina. Non podíamos evitar sentir polo tanto unha
mestura de nervios e emoción ante a perspectiva de mergullarnos en novos
océanos de letras na compañía de outros. Co paso do tempo cada nova reunión era
a ledicia de saber que aqueles “outros” se convertiran en amigos, e que tiñamos
con nós á mellor mestra de mergullo que puideramos ter pedido.
E é
que qué curioso é escoitar e coñecer as pegadas que un libro deixa nunha
persoa. A satisfacción de discutir entre murmurios a sorte daqueles personaxes
que se facían ainda máis reais polo feito de compartilos entre nós. Sentir que
construiramos pontes de letras.
Así,
viaxamos co señor Pip, percorremos Auria baixo choiva e vento levando no peto
ós esmorgantes de Blanco Amor e choramos bágoas de laranxa lima con
Vasconcelos. Tivemos o privilexio de coñecer a
homes e mulleres que plasmaran por escrito a súa paixón en forma de historias,
xente que sen coñecer sequera nos roubara sorrisos e suspiros.
Ben grazas ás novas
teconoloxías (cómo esquecer aquela videoconferencia con Agustín Fernández Paz
tras derrubar uns cantos Valados) ben formando literalmente parte
do noso círculo lector coma no caso de Rosa Aneiros, Begoña Caamaño ou María
Reimóndez, vivimos unha enchenta de novas experiencias. Se durante meses
desfrutaramos das súas obras, a nosa curiosidade cómo lectores quedou máis que
satisfeita ó podermos escoitar en primeira persoa a aqueles seres tan cheos de
misterio para nós como son OS AUTORES.
Sinto
agora mesmo mentres apuro estas liñas, que pasen os
anos que pasen falo no nome de todos cando repito GRAZAS. A ti,
Gracia, por dárno-la chave para abrir coa lectura portas que nos levaron non so até historias
apaixoantes, senón até persoas cheas de paixón con quen poder compartilas.
Grazas,
e nesta ocasión de forma persoal, por pedirme estas liñas. Foi un pracer estando lonxe da casa poder achegarme
un pouco a todos vós ca memoria, e volver durante un intre á terra.
02/06/14
Reflexións sobre o primeiro club de lectura
Pedín a varias persoas que estiveron connosco neste club de lectura e neste blogue que reflexionase sobre o que supuxo para elas estaren aquí.
Este foi o primeiro club de lectura no que participei. Foi hai xa sete anos no IES Pintor Colmeiro:
Estas son as palabras de
ANDREA DUNIA DÍAZ CASAL:
O clube de lectura comezou
como unha extensión da química que existía entre nós, os alumnos, e Gracia, a
nosa profesora de galego no instituto. Para min todo comezou con aquela lista
de libros que tiñamos que ler para a clase de galego. Podiamos escoller nós,
asique a cousa, en principio, chamaba a atención por ser tan sinxela. Foi aí
cando a literatura nos enganchou a todos. Todo o que Gracia nos ofrecía eran
portas que nós, cada un na medida que quixese explorar, podiamos ir abrindo e
descubrindo as cousas marabillosas que teñen os libros dentro, e todo o que nós
tiñamos dentro tamén. Foi unha etapa marabillosa, no clube reuniámonos para
merendar, e sempre había algún invitado especial, algún autor co que charlar
sobre practicamente de todo (eramos un grupo bastante disperso e faladeiro,
costaba centrarse no tema) e pasabamolo xenial. Aquelas tardes convertíanse nun
xeito de aprender a comunicarnos, a expresarnos, a escoitar. Agora pensando
naquelas tardes sei que naquel tempo, ainda que non pasaron tantos anos,
descubrín tantas cousas nos libros que lia que é imposible expresar o
importantes que foron para facerme medrar. Para min é algo demasiado grande
como para poder expresalo con palabras. Naquel clube de lectura medramos todos,
ese é o gran mérito daquelas charlas. Cada un de nós descubriu o lector que
leva dentro, e moitas cousas máis. Só podo dicir grazas.
THALÍA TROITIÑO GONZÁLEZ
A verdade é que resulta complicado
nun primeiro momento poñerse a reflexionar sobre aspectos pasados, porque aínda
que só fai catro anos dende que saín do instituto a miña memoria vólvese moi
preguiceira. Quero recordar eses momentos de lectura, eses clubs de lectura que
vivín durante unha boa tempada, e véñenme a mente imaxes que representan
momentos, vivencias, todo recordos fugaces, pero recordos.
Tras cavilar neses recordos vólvense
en ideas e acontecementos máis nítidos, aínda que para min resulta complicado
separar as clases de galego nas que Gracia me aconsellaba moitos libros, dos
clubs, pois ambos eran momentos nos que realmente o pasaba ben. Pódese dicir
que de certa maneira se espertou en min o gusto pola lectura, o verdadeiro
sentimento de satisfacción e de atracción polo mundo ficticio e, a veces, non
tan ficticio. Penso que isto se deu por ser o momento no que lía o que me
apetecía e non o que estaba ditado polo centro, ou mesmo, porque non me sentía
tan obrigada a ler algo. Ou, quen sabe, simplemente por que si, porque era o
momento oportuno.
Dos títulos que vou recordando, podo
destacar Sabor a ti de Miguel Suárez,
Siddhartha de Hermann Hesse, Seda
de Alessandro Baricco, Diario de Ana
Frank de Ana Frank...; e moitos máis. Podo dicir que algúns, sen dúbida,
marcaron os meus gustos literarios, polo menos os de aquela época, xa que podo
dicir que estes foron mudando ao longo do tempo, pasando por épocas de gusto
polo misterio e o crime, outras de novelas de amor, outras de pura ficción... e
aínda ao día de hoxe o meu gusto vai variando. Na actualidade estou nunha época
na que me gustan as novelas que mesturan ficción e realidade, as baseadas na
historia da Guerra civil, da posguerra, na Europa do século XX... Podo destacar
Dime quién soy de Julia Navarro. Con
isto teño que dicir que me considero unha persoa lectora, pero non unha lectora
habitual ao cen por cen, senón que vou por temporadas, ao mellor nunhas semanas
leo uns cuantos libros e despois paso un mes sen ler nada. Non porque perda ese
gusto, senón porque nese momento non me apetece sentarme a ler un libro. Iso
si, considero que ler libros é unha tarefa vital e importante en todo ser
humano, pois é a maneira de manter viva a nosa imaxinación, a nosa inquedanza,
a nosa ansia por culturizarnos, por intentar enriquecernos un pouco máis.
Dos clubs de lectura teño que
destacar que o que realmente máis me apaixonaba eran as visitas de diferentes
autores, algo que, dende o meu punto de vista, nos acercaba as vivencias de
quen fixera o libro, nos enriquecía como persoas e nos facía sentirnos
importantes e partícipes no que era unha quedada literaria. Creo que clubs coma
estes son os que realmente fan ver a importancia da literatura, do gusto por
ler.
Teño que dicir que cando traballamos
o tema do Sáhara, tomei contacto cunha realidade un tanto descoñecida para min,
sabía a grandes rasgos de que ía o tema, pero non albergaba a gravidade do
asunto. Aquí lin libros nos que se trataba o problema mediante historias
realmente bonitas. Podo dicir que me gustoume moito o libro de Palabras de Caramelo, unha historia
triste pero realmente bonita e que sen dúbida recomendaría ler tanto se tes 15
anos como se tes 25. Outro, Territorio
Ocupado de Fran Alonso, un libro que engancha e con diversas imaxes da
realidade. Ademais este foi un dos autores que nos visitou e que sen dúbida
agrado. Estes son dous dos libros lidos, dous dos libros que enriqueceron a
miña bagaxe literaria e me fixeron apreciar máis o mundo que a min me tocou
vivir, que cando menos era menos complicado que o do resto.
Non me gustaría rematar esta breve
reflexión sen dicir que recomendaría a todos participar neste tipo de
experiencias, pois son realmente positivas. E nas que creo que a figura do
mestre/a que te aconsella e que fai posible eses encontros é realmente
importante e ao mesmo momento motivante.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)





