04/06/14

Reflexións sobre o segundo club de lectura

Na miña viaxe polo Carballiño, tamén houbo club de lectura:





Mauro ten a ben lembrar aqueles tempos



MAURO CIBEIRA:



Un club de lectura é un sitio onde a xente se reúne e establece a lectura dun libro para logo comentar que impresións lle transmitiu. Ou polo menos, isto  era o que eu tiña entendido por un club de lectura.
Sen embargo, dinme de conta do equivocado que estaba cando estiven por primeira vez nun deles. No club de lectura aprendín que unha mesma historia agocha moitas cousas que nunca vemos á primeira. Os detalles que uns perciben a outros pásanlle por alto, facendo que a historia sexa diferente para cada un. Antes de estar no club realmente pensaba que os libros contaban historias iguais para todos e que logo cada un sacáballe unha lectura diferente. Agora entendo que a diferenza comeza nada máis lir o libro.
Tamén aprendín canto lle podes sacar a unha historia se contas con moitos puntos de vista. Todo o que un non se para a pensar outro dáballe mil voltas e facíache ver canto podemos pasar por alto distintos lectores nas mesmas liñas.

O mellor do club de lectura era, sen dubida, a xente. Todos reunidos, divertíndonos cun hobby tan marabilloso como é a lectura, intercambiando opinións, aprendendo os gustos dos demais e recomendando libros para seguir lendo. Eu creo que, a fin de contas, iso era o máis importante.
Se algo así foi posible foi grazas ao interese que amosou a profesora Gracia en crear o club de lectura. Creo que facía unha gran labor, xa que presentaba libros entretidos acordes a nosa idade e intereses, amenos e que daban moito para comentar. Pero o máis importante é que ela mesma participaba dos debates, mostrando as súas opinións coma unha máis do club, sen mostrar ningunha diferenza de rango cos alumnos implicados. Ademais, ela mesma estaba encantada de que lle recomendasen libros ou que presentasen unha forma distinta de ver unha historia a que ela tiña. Creo que esa apertura cara os alumnos e esa disposición a escoitar é o que facía que resultase tan cómodo asistir ao club e disfrutar relaxadamente.

Realmente foi una experiencia que repetiría miles de veces. E mil veces máis. Creo que a calquera ao que lle guste a lectura lle encantaría un club coma ese no que poder dar renda solta a unha actividade tan entrañable e máxica como é a lectura.

E Ainara fai o propio:
 AINARA GARCÍA DOVAL
 

Foi durante o meu primeiro curso de bacharelato cando tiven o pracer de unirme ó club de lectura. Creado pola nova profesora de galego, Gracia Santorum, todavía descoñecíamos a grande influenza que tanto a pertenza ó clube coma a chegada de Gracia ian ter para nós.
Para a maioría tratábase dunha experiencia nova, xa que a pesares de que todos compartiamos o pracer de sumerxirnos nun bo libro, sempre o fixeramos en solitario e gardando para cada un todo aquelo que unha nova historia deixaba detrás trala derradeira páxina. Non podíamos evitar sentir polo tanto unha mestura de nervios e emoción ante a perspectiva de mergullarnos en novos océanos de letras na compañía de outros. Co paso do tempo cada nova reunión era a ledicia de saber que aqueles “outros” se convertiran en amigos, e que tiñamos con nós á mellor mestra de mergullo que puideramos ter pedido.
E é que qué curioso é escoitar e coñecer as pegadas que un libro deixa nunha persoa. A satisfacción de discutir entre murmurios a sorte daqueles personaxes que se facían ainda máis reais polo feito de compartilos entre nós. Sentir que construiramos pontes de letras.
Así, viaxamos co señor Pip, percorremos Auria baixo choiva e vento levando no peto ós esmorgantes de Blanco Amor e choramos bágoas de laranxa lima con Vasconcelos. Tivemos o privilexio de coñecer a homes e mulleres que plasmaran por escrito a súa paixón en forma de historias, xente que sen coñecer sequera nos roubara sorrisos e suspiros.
Ben grazas ás novas teconoloxías (cómo esquecer aquela videoconferencia con Agustín Fernández Paz tras derrubar  uns cantos Valados) ben formando literalmente parte do noso círculo lector coma no caso de Rosa Aneiros, Begoña Caamaño ou María Reimóndez, vivimos unha enchenta de novas experiencias. Se durante meses desfrutaramos das súas obras, a nosa curiosidade cómo lectores quedou máis que satisfeita ó podermos escoitar en primeira persoa a aqueles seres tan cheos de misterio para nós como son OS AUTORES.
Sinto agora mesmo mentres apuro estas liñas, que pasen os anos que pasen falo no nome de todos cando repito GRAZAS. A ti, Gracia, por dárno-la chave para abrir coa lectura portas  que nos levaron non so até historias apaixoantes, senón até persoas cheas de paixón con quen poder compartilas.
Grazas, e nesta ocasión de forma persoal, por pedirme estas liñas. Foi un pracer estando lonxe da casa poder achegarme un pouco a todos vós ca memoria, e volver durante un intre á terra.
 

Ningún comentario: