Amosando publicacións coa etiqueta Razóns. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Razóns. Amosar todas as publicacións

25/01/08

Con Fran Alonso

Hoxe tivemos a sorte e o honor de que o autor do primeiro libro elixido nos acompañase na nosa reunión do club de lectura. E foi unha reunión tan amena e dinámica que en lugar da hora prevista estivemos dúas horas e media, falando da situación do Sahara e comprendendo e aprendendo moitas cousas sobre ese pobo e o xeito de vivir no deserto.
Primeiro Fran Alonso comezou a explicarnos o por que da nosa preocupación polo que parece maís afastado. Segundo el, as distancias son cada vez máis pequenas e as cousas que suceden lonxe aféctannos tanto como as máis cercanas. Un exemplo constitúeo a guerra de Irak, que inflúe directamente no prezo do petróleo e con el a inflación de todos os produtos que consumimos.
Ademais, Fran Alonso cre que como escritor a súa ollada, aínda vivindo aquí, debe dirixirse ao mundo enteiro, polo que debe existir o Sahara, Senegal, Montevideo..., el tenta botar unha ollada ao mundo porque precisamente a nosa sociedade é máis mestiza e plural.
Logo contounos a súa experiencia no Sahara e a situación actual sobre a que el se amosa tan pesimista.

27/12/07

A frase

Un día, soamente un día, para que o pobo saharaui acoda ás furnas e decida se desexa acceder á autodeterminación ou anexarse a Marrocos. Non é moito, verdade?

Mohamed Abdelaziz. Presidente da RASD

17/12/07

Momentos de silencio compartido

Mañá comeza a súa andaina o noso club de lectura Momentos de silencio compartido, un club que nace pola preocupación ante a falta de respecto polos Dereitos Humanos, e que este ano se centrará na situación do pobo saharaui. Coas lecturas propostas tentaremos achegarnos a este pobo, coñecer a súa situación... poñer un pequeno gran de area, en definitiva.
Aínda que temos previsto que as reunións se celebren os venres, para que así poidan asistir @s nos@s ex-alumn@s apuntad@s, o motivo de que esta primeira reunión se celebre este día da semana débese á aposta pola lectura no Nadal do primeiro libro proposto. E, por suposto, necesitamos achegarnos aos integrantes do club (o número supera as nosas expectativas con creces, xa que ademais dun elevado número de alumn@s de 4º, temos a nove mamás e outr@s tant@s ex-alumn@s) para explicar en que consiste o mesmo: un club de lectura que será máis que ler e comentar, posto que contará coa presenza de autores, o achegamento ás novas tecnoloxías, etc. Sabemos, por tanto, que mañá non contaremos coa presenza de todos os membros, pero estarán sempre debidamente informados para que xa no novo ano poidamos reunirnos en condicións.