20/12/13

Club de Lectura do primeiro ciclo da ESO (II)

Onte tivo lugar a segunda reunión do noso club d@s máis peques do instituto.



Esta segunda das sesións do club dedicouse aos relatos de terror de Edgar Allan Poe. Centrámonos, sobre todo, no comentario dun conto clásico do autor, "O pozo e o péndulo". Esta narración permitiunos falar de cuestións como a tortura física e psicolóxica levada a cabo pola Inquisición. O alumnado estivo especialmente atento aos efectos de despersonalización e degradación que calquera forma de tortura física ou psicolóxica, levada a cabo por persoas ou institucións, provoca no suxeito.
Entre os contos do autor escollemos "O pozo e o péndulo" porque, pese á súa sordidez, tamén representa a capacidade de loita e subversión das vítimas -neste caso, o prisioneiro privado de liberdade na cela-. Esa resistencia conduce á liberación e fala da saúde e non da morbidez que asolaga outros contos do autor, non por iso menos interesantes.

Prevemos unha terceira sesión -a próxima- dedicada ao medo, xa que o noso alumnado non se espanta con facilidade e demanda máis historias de terror: seguiremos con Poe, coa lectura e comentario d' "O gato negro" e tamén con tres historias do espléndido libro de relatos de Chris Priestley, Cuentos de terror de los objetos malditos.

E como ler é viaxar, propoñemos máis viaxes lectoras, a través da ironía, a emoción, o poder suxestivo ou as grandes leccións vitais dun clásico como Roald Dahl, ou por medio dos contos de Gianni Rodari. O club irase perfilando segundo os intereses e apetencias dos seus integrantes. Que as nosas viaxes lectoras nos sexan felices! Tentaremos compartilas con todos vós.

Feliz Nadal!

19/12/13

Febre

O Club de Lectura de 4º da ESO e 1º de Bacharelato segue, de momento, coa mesma temática do curso pasado: a igualdade da muller e a violencia de xénero.



A primeira reunión xirou arredor de Febre de Héctor Carré publicado por Xerais: un libro sobre a igualdade da muller, sobre a posguerra, sobre a Segunda Guerra Mundial, sobre a falta de escrúpulos, sobre o abuso da autoridade, sobre a esperanza, sobre o Amor, sobre a vinganza… Unha novela moi cinematográfica que gustou moito a todos os membros do club.
 Falamos da supostamente superioridade masculina que algúns personaxes da novela reclaman constantemente, así como diversas escenas que nos desquician ante a impunidade con que eran cometidos certos delitos. Gozamos dunha heroína que anhela unha liberdade case conquistada arestora confundíndoa mesmo coa imaxe de Katherine Hepburn, esa imaxe que a protagonista tomabaa como espello para loitar por ser muller, persoa, humana.

Para a próxima sesión é Alba quen propón o libro, algo que me sorprende gratamante. Porque quere saber máis de Malala, a quen admira, e que nos servirá para seguir na mesma liña semántica. 

Feliz Nadal!