Amosando publicacións coa etiqueta Vergoñas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vergoñas. Amosar todas as publicacións

26/11/10

Arredor de "A piragua"


O martes 23 xuntámonos co club de lectura de 2º ciclo para falarmos de "A piragua", obra de teatro de Cándido Pazó editada por Laiovento.
O libro seica lles encantou, algo que intuiamos porque é, realmente, unha pequena obra mestra. Mágoa non ter a obra de teatro gravada para pórlles o vídeo. Eu, que tiven a sorte de vela representada en Ribadavia o verán pasado, fiquei namorada da obra.
E é que non podiamos ter mellor elección para este mes, e máis para estas datas, que esta obra que aborda o tema da violencia de xénero dun xeito tan descarnado e brutal. Con saltos no tempo e cun atmosfera diferente, semella que en lugar de estarmos lendo unha obra de teatro estivésemos lendo unha novela ben artellada onde cada frase é insustituíble.


18/11/10

Arredor de "A casiña azul"


O martes día 16 deste mes xuntámonos por primeira vez co club de lectura de 1º ciclo para falarmos arredor de "A casiña azul", escrito por Sandra Comino e publicado pola editorial Galaxia. O libro xira arredor da violencia exercida sobre unha nena por parte do seu pai, o medo, a mentira, a vergoña. De todo isto falamos este día onde as nenas de 2º de ESO por primeira vez se xuntaban arredor dun libro para esmiuzalo e tirar as aportacións que cadaquén tiña dentro de si.
O libro foi escollido este mes por precisamente tratar o tema da violencia de xénero.
Seica lles gustou moito, un acerto de primeiras sempre é propicio!

14/11/09

A Igrexa e o Holocausto

Recoméndovos encarecidamente este artigo de Jorge M. Reverte sobre como a Igrexa mirou para outro lado no Holocausto nazi (ningunha novidade esa de mirar para outro lado).

De Adolf Hitler dicía o escritor austríaco Karl Kraus que nada podía dicir, precisamente porque era incapaz de comprendelo. Hitler pensaba que a relixión católica era negativa porque a montaran os xudeus; pero era unha relixión -desmontable- non unha raza como a dos xudeus, raza que debía exterminar.
En España, a Igrexa dos anos da posguerra non rexeitou o exterminio, seguramente pola tradición antixudía española, unha tradición relixiosa sobre todo. Claro que non houbo colaboración directa da Igrexa española: houbo indeferencia.

21/02/08

Graffitis



A arte antiga é a testemuña protagonista das nosas orixes, unha testemuña fráxil ante axentes como o tempo, o clima, a luz... ou a barbarie humana.
Nunhas pinturas prehistóricas de 6000 anos de antigüidade na cova do Diaño, no Sáhara Occidental -un dos maiores xacementos rupestres prehistóricos do sur do país- apareceron... nada máis nin nada menos ca graffitis.
Joaquim Soler, investigador da Universidade de Girona descobreu como un oficial exipcio, Mahmud, e un keniano, Issa, gravaran os seus nomes nas paredes onde aparecían as pinturas prehistóricas. Oficiais da ONU, cascos azuis destinados no Sáhara Occidental para controlar o cumprimento de acordo de paz entre Marrocos e a Fronte Polisaria.
O máis curioso é que Issa se graduara en "ética do mantemento da paz" nunha academia militar. Os termos "comprensión", "cooperación" e "paz internacionais" son un todo fundado no principio das relacións de amizade entre os pobos e o Estado que teñen sistemas sociais e políticos diferentes. Se este home está graduado en "ética", é dicir, conduta, moral, norma, comportamento... como é que non respecta e non diferenza o que se pode ou non se pode facer?.
Pero este só se suma a outras pintadas e sinaturas de case tres metros que tapan valiosísimos debuxos prehistóricos. Nomes e apelidos, escritos sen ningún pudor.
O patrimonio do Sáhara Occidental sofre este expolio desde hai anos de forma sistemática. Violan unha xoia de inalculabre valor en metade do deserto que constitúe un museo aberto as 24 horas do día; pode ser o máis grande do mundo, e sen dúbida ningunha, é un dos xacementos prehistóricos máis importantes coñecidos. Violar o patrimonio cultural deste pobo é violar o patrimonio de toda a humanidade. Faltarlle o respecto á cultura significa que a todos e a todas nos están a expoliar.