Onte estivemos no club de lectura con Héctor Cajaraville e o seu De remate, premio Xerais
2015. Así que esta foi a miña última lectura, o que constituíu unha boa
elección, xa que houbo momentos lectores ben agradables e divertidos.
Emprega o autor unha prosa fresca, fluída, na que destaca a ausencia de
dramatismo a pesar da realidade que vive o protagonista, algo que se
desvela xa no prólogo do libro; este afastamento é quizais un dos
mellores logros da novela, que reflicte unha vida calquera chea de
sombras e de luces con final tráxico, sendo a pesar diso unha novela
lúdica cun contrapunto final na última carta. Así pois, o optimismo que
regala o libro agradécese sobre todo por esa retranca que domina os
artigos, uns artigos que nos fan desexar comprar o xornal onde escribe o
protagonista para seguir a lelo. Deses artigos, eu -deformación
profesional- destaco os lingüísticos, pero o mellor de todos é, sen
dúbida, "Castrofobia no autobús" onde consegue verdadeiras gargalladas; o
feito de que este sexa un dos primeiros artigos engade valor ao libro,
pois aumenta as ganas de seguir a lectura. Realmente, esa é a parte que
máis me gusta pola aproximación irónica á realidade e o seu xogo de
palabras constante. Unha retranca que botamos tantas veces de menos na
nosa prosa! Con esta, o autor consegue fotografarnos como somos,
retratar a nosa singularidade, construír retallos vívidos da nosa
idiosincrasia.
A destacar asemade a autocrítica que contén o texto. Dentro desta
crítica ficcional realízase unha crítica ao mundo do xornalismo,
profesión do autor, e unha crítica social que se entrevé mesmo nos
correos que se escriben. A crítica é un fío condutor da novela, un
elemento cohesionador importante.
Un libro diferente que paga a pena ler.