04/06/14

Reflexións sobre o club de lectura de adultos

E non podía ser doutro xeito, tamén lle pedín ao meu lector favorito que me dixese que lle pareceu o club destes dous anos.



Jose Villar 






Cando T… me preguntóu se quería participar nun Clube de lectura que se estaba  poñendo en marcha na Biblioteca Municipal, a bote pronto penséi o mesmo que cando M... –un amigo metido en politica- me invita a un meeting da sua formación :” A min xa me tes convencido, non é preciso que vaia “.
Despóis, falando ca miña filla e unha amiga dela do Instituto, preguntéi pola impulsora de dito clube, e dinme: “Si, unha profesora de galego, que xa montóu outro clube no Insti; unha miudiña e rebulideira, que sempre anda cun metro cúbico de libros debaixo do brazo, e ten un blog de libros...”
Y ante a posibilidade de coñecer a tal raro especimen de perigosa activista/entusiasta dos credos  literarios, díxenme:   “Apúntome a viaxe”.
Agora, despóis dunha travesía de  doce? meses e  dez? Libros, pido, coma Kavafis, “que a viaxe sexa longa”, pois –ata este punto-  chea de aventuras e coñecemento xa o foi sobradamente.
O disfrute colectivo de moi diversas propostas literarias  -pretéritas ou actuais-  , a posta en común da aproximación individual de cada quen a esas propostas  -feito moi enriquecedor- , e o inmenso luxo que supón a presenza do “culpable” de esas propostas,  coido que é algo impagable tanto pra aqueles que xa creemos que a literatura é unha gran compañeira na viaxe vital, como pra quen se achegue sin tanta devoción.
E por iso que solicito a municipalidade a continuidade de este imprescindible servicio público do Clube de Lectura, e asimesmo unha medalla o Valor e o Mérito Literario pra a combativa artífice do mesmo,  a cal sabemos ten querencia polos pins e antuviadas de prender na roupa.
Graciñas.

Reflexións sobre o segundo club de lectura

Na miña viaxe polo Carballiño, tamén houbo club de lectura:





Mauro ten a ben lembrar aqueles tempos



MAURO CIBEIRA:



Un club de lectura é un sitio onde a xente se reúne e establece a lectura dun libro para logo comentar que impresións lle transmitiu. Ou polo menos, isto  era o que eu tiña entendido por un club de lectura.
Sen embargo, dinme de conta do equivocado que estaba cando estiven por primeira vez nun deles. No club de lectura aprendín que unha mesma historia agocha moitas cousas que nunca vemos á primeira. Os detalles que uns perciben a outros pásanlle por alto, facendo que a historia sexa diferente para cada un. Antes de estar no club realmente pensaba que os libros contaban historias iguais para todos e que logo cada un sacáballe unha lectura diferente. Agora entendo que a diferenza comeza nada máis lir o libro.
Tamén aprendín canto lle podes sacar a unha historia se contas con moitos puntos de vista. Todo o que un non se para a pensar outro dáballe mil voltas e facíache ver canto podemos pasar por alto distintos lectores nas mesmas liñas.

O mellor do club de lectura era, sen dubida, a xente. Todos reunidos, divertíndonos cun hobby tan marabilloso como é a lectura, intercambiando opinións, aprendendo os gustos dos demais e recomendando libros para seguir lendo. Eu creo que, a fin de contas, iso era o máis importante.
Se algo así foi posible foi grazas ao interese que amosou a profesora Gracia en crear o club de lectura. Creo que facía unha gran labor, xa que presentaba libros entretidos acordes a nosa idade e intereses, amenos e que daban moito para comentar. Pero o máis importante é que ela mesma participaba dos debates, mostrando as súas opinións coma unha máis do club, sen mostrar ningunha diferenza de rango cos alumnos implicados. Ademais, ela mesma estaba encantada de que lle recomendasen libros ou que presentasen unha forma distinta de ver unha historia a que ela tiña. Creo que esa apertura cara os alumnos e esa disposición a escoitar é o que facía que resultase tan cómodo asistir ao club e disfrutar relaxadamente.

Realmente foi una experiencia que repetiría miles de veces. E mil veces máis. Creo que a calquera ao que lle guste a lectura lle encantaría un club coma ese no que poder dar renda solta a unha actividade tan entrañable e máxica como é a lectura.

E Ainara fai o propio:
 AINARA GARCÍA DOVAL
 

Foi durante o meu primeiro curso de bacharelato cando tiven o pracer de unirme ó club de lectura. Creado pola nova profesora de galego, Gracia Santorum, todavía descoñecíamos a grande influenza que tanto a pertenza ó clube coma a chegada de Gracia ian ter para nós.
Para a maioría tratábase dunha experiencia nova, xa que a pesares de que todos compartiamos o pracer de sumerxirnos nun bo libro, sempre o fixeramos en solitario e gardando para cada un todo aquelo que unha nova historia deixaba detrás trala derradeira páxina. Non podíamos evitar sentir polo tanto unha mestura de nervios e emoción ante a perspectiva de mergullarnos en novos océanos de letras na compañía de outros. Co paso do tempo cada nova reunión era a ledicia de saber que aqueles “outros” se convertiran en amigos, e que tiñamos con nós á mellor mestra de mergullo que puideramos ter pedido.
E é que qué curioso é escoitar e coñecer as pegadas que un libro deixa nunha persoa. A satisfacción de discutir entre murmurios a sorte daqueles personaxes que se facían ainda máis reais polo feito de compartilos entre nós. Sentir que construiramos pontes de letras.
Así, viaxamos co señor Pip, percorremos Auria baixo choiva e vento levando no peto ós esmorgantes de Blanco Amor e choramos bágoas de laranxa lima con Vasconcelos. Tivemos o privilexio de coñecer a homes e mulleres que plasmaran por escrito a súa paixón en forma de historias, xente que sen coñecer sequera nos roubara sorrisos e suspiros.
Ben grazas ás novas teconoloxías (cómo esquecer aquela videoconferencia con Agustín Fernández Paz tras derrubar  uns cantos Valados) ben formando literalmente parte do noso círculo lector coma no caso de Rosa Aneiros, Begoña Caamaño ou María Reimóndez, vivimos unha enchenta de novas experiencias. Se durante meses desfrutaramos das súas obras, a nosa curiosidade cómo lectores quedou máis que satisfeita ó podermos escoitar en primeira persoa a aqueles seres tan cheos de misterio para nós como son OS AUTORES.
Sinto agora mesmo mentres apuro estas liñas, que pasen os anos que pasen falo no nome de todos cando repito GRAZAS. A ti, Gracia, por dárno-la chave para abrir coa lectura portas  que nos levaron non so até historias apaixoantes, senón até persoas cheas de paixón con quen poder compartilas.
Grazas, e nesta ocasión de forma persoal, por pedirme estas liñas. Foi un pracer estando lonxe da casa poder achegarme un pouco a todos vós ca memoria, e volver durante un intre á terra.
 

02/06/14

Reflexións sobre o primeiro club de lectura

Pedín a varias persoas que estiveron  connosco neste club de lectura e neste blogue que reflexionase sobre o que supuxo para elas estaren aquí. 
Este foi o primeiro club de lectura no que participei. Foi hai xa sete anos no IES Pintor Colmeiro:


Estas son as palabras de

ANDREA DUNIA DÍAZ CASAL:


O clube de lectura comezou como unha extensión da química que existía entre nós, os alumnos, e Gracia, a nosa profesora de galego no instituto. Para min todo comezou con aquela lista de libros que tiñamos que ler para a clase de galego. Podiamos escoller nós, asique a cousa, en principio, chamaba a atención por ser tan sinxela. Foi aí cando a literatura nos enganchou a todos. Todo o que Gracia nos ofrecía eran portas que nós, cada un na medida que quixese explorar, podiamos ir abrindo e descubrindo as cousas marabillosas que teñen os libros dentro, e todo o que nós tiñamos dentro tamén. Foi unha etapa marabillosa, no clube reuniámonos para merendar, e sempre había algún invitado especial, algún autor co que charlar sobre practicamente de todo (eramos un grupo bastante disperso e faladeiro, costaba centrarse no tema) e pasabamolo xenial. Aquelas tardes convertíanse nun xeito de aprender a comunicarnos, a expresarnos, a escoitar. Agora pensando naquelas tardes sei que naquel tempo, ainda que non pasaron tantos anos, descubrín tantas cousas nos libros que lia que é imposible expresar o importantes que foron para facerme medrar. Para min é algo demasiado grande como para poder expresalo con palabras. Naquel clube de lectura medramos todos, ese é o gran mérito daquelas charlas. Cada un de nós descubriu o lector que leva dentro, e moitas cousas máis. Só podo dicir grazas.




THALÍA TROITIÑO GONZÁLEZ


            A verdade é que resulta complicado nun primeiro momento poñerse a reflexionar sobre aspectos pasados, porque aínda que só fai catro anos dende que saín do instituto a miña memoria vólvese moi preguiceira. Quero recordar eses momentos de lectura, eses clubs de lectura que vivín durante unha boa tempada, e véñenme a mente imaxes que representan momentos, vivencias, todo recordos fugaces, pero recordos.
            Tras cavilar neses recordos vólvense en ideas e acontecementos máis nítidos, aínda que para min resulta complicado separar as clases de galego nas que Gracia me aconsellaba moitos libros, dos clubs, pois ambos eran momentos nos que realmente o pasaba ben. Pódese dicir que de certa maneira se espertou en min o gusto pola lectura, o verdadeiro sentimento de satisfacción e de atracción polo mundo ficticio e, a veces, non tan ficticio. Penso que isto se deu por ser o momento no que lía o que me apetecía e non o que estaba ditado polo centro, ou mesmo, porque non me sentía tan obrigada a ler algo. Ou, quen sabe, simplemente por que si, porque era o momento oportuno.
            Dos títulos que vou recordando, podo destacar Sabor a ti de Miguel Suárez, Siddhartha de Hermann Hesse,  Seda de Alessandro Baricco, Diario de Ana Frank de Ana Frank...; e moitos máis. Podo dicir que algúns, sen dúbida, marcaron os meus gustos literarios, polo menos os de aquela época, xa que podo dicir que estes foron mudando ao longo do tempo, pasando por épocas de gusto polo misterio e o crime, outras de novelas de amor, outras de pura ficción... e aínda ao día de hoxe o meu gusto vai variando. Na actualidade estou nunha época na que me gustan as novelas que mesturan ficción e realidade, as baseadas na historia da Guerra civil, da posguerra, na Europa do século XX... Podo destacar Dime quién soy de Julia Navarro. Con isto teño que dicir que me considero unha persoa lectora, pero non unha lectora habitual ao cen por cen, senón que vou por temporadas, ao mellor nunhas semanas leo uns cuantos libros e despois paso un mes sen ler nada. Non porque perda ese gusto, senón porque nese momento non me apetece sentarme a ler un libro. Iso si, considero que ler libros é unha tarefa vital e importante en todo ser humano, pois é a maneira de manter viva a nosa imaxinación, a nosa inquedanza, a nosa ansia por culturizarnos, por intentar enriquecernos un pouco máis. 
            Dos clubs de lectura teño que destacar que o que realmente máis me apaixonaba eran as visitas de diferentes autores, algo que, dende o meu punto de vista, nos acercaba as vivencias de quen fixera o libro, nos enriquecía como persoas e nos facía sentirnos importantes e partícipes no que era unha quedada literaria. Creo que clubs coma estes son os que realmente fan ver a importancia da literatura, do gusto por ler.
            Teño que dicir que cando traballamos o tema do Sáhara, tomei contacto cunha realidade un tanto descoñecida para min, sabía a grandes rasgos de que ía o tema, pero non albergaba a gravidade do asunto. Aquí lin libros nos que se trataba o problema mediante historias realmente bonitas. Podo dicir que me gustoume moito o libro de Palabras de Caramelo, unha historia triste pero realmente bonita e que sen dúbida recomendaría ler tanto se tes 15 anos como se tes 25. Outro, Territorio Ocupado de Fran Alonso, un libro que engancha e con diversas imaxes da realidade. Ademais este foi un dos autores que nos visitou e que sen dúbida agrado. Estes son dous dos libros lidos, dous dos libros que enriqueceron a miña bagaxe literaria e me fixeron apreciar máis o mundo que a min me tocou vivir, que cando menos era menos complicado que o do resto.
            Non me gustaría rematar esta breve reflexión sen dicir que recomendaría a todos participar neste tipo de experiencias, pois son realmente positivas. E nas que creo que a figura do mestre/a que te aconsella e que fai posible eses encontros é realmente importante e ao mesmo momento motivante.