28/05/14

Remate do club de "Lecturas pola Igualdade"

Agora é MARTINA DOMÍNGUEZ quen fala:




Para min o club de lectura foi unha experiencia inolvidable e moi útil. Nestes dous anos aprendín moito e crecín como persoa.
Cando Gracia nos propuxo a idea de formar o club eu aceptei dende o primeiro momento, gústame ler e pareceume interesante a idea de compartir a miña opinión con outros lectores.
Cada xoves que quedabamos comiamos xuntos e despois comentabamos o libro, o tema era a desigualdade da muller. O papel de Gracia era un pouco de moderadora e ía indicando quen falaba. Ao final saltabamos dun tema a outro e riamos cos comentarios duns e doutros polo que sempre nos divertiamos.
É ben certo que algúns libros foron máis amenos ca outros, pero sempre me gustaron. Cando os lía evadiame da miña realidade e vivía outras historias moi diferentes como cos libros de "Persépole" ou "Malala", ou algunhas que poden ser máis normales como en "El monstruo de ojos verdes". 
A día de hoxe en lugares como o noso país a sociedade disfrázase de igualitaria, cando é ben certo que segue habendo unha gran diferenza entre homes e mulleres.
Os membros do club vimos, en maior ou menor medida, toda a hipocrisía que hai e agora intentamos non caer neses erros e mirar ó mundo coas lentes violetas.
A min, persoalmente, tocoume moi fondo este tema e comecei a fixarme na xente do meu entorno. E, lamentablemente, descubrín o machismo todo que tiñan tan metido dentro. 
Non creo que actualmente estea habendo un progreso social nin moito menos. Sinto rabia e impotencia ao saber que non podo cambiar o mundo. Enfuréceme pensar que nunca chegará a existir unha igualdade real e mundial. O meu único consolo é saber que eu non son así, e que podo axudar á xente do meu entorno a non caer niso.
O club de lectura fíxome abrir os ollos en moitos aspectos e creo que é moi importante que máis adolescentes tomen consciencia disto, xa que nós somos o futuro e este e un dos maiores problemas que acarrean consecuencias catastróficas.
Debería haber milleiros de clubs de lectura para aprender e saber desta situación xa que fai falta un espertar de todas as mulleres e homes para combater a desigualdade.
Finalmente, só dicir que estou moi agradecida a Gracia por formar o club de lectura, aguantarnos durante dous anos e ensinarnos tanto!

27/05/14

Remate do club de "Lecturas pola Igualdade"

E seguimos con ANA COLMEIRO CORRAL:





O club de lectura, para min, foi un espazo do día cheo de evasión e ideas novas. Un espazo do día que calquera lectora ou lector sabería apreciar. Os intercambios de impresións e as diferentes opinións fixeron del un lugar rico no referido á cultura literaria. Tantos libros novos e tantas propostas para próximos encontros estouraron na miña cabeza dun modo sutil, de forma que desexase cada vez máis ferventemente as reunións dos lectores.
Sempre me chamaba a atención que os alumnos se queixasen por ler os libros obrigatorios para aprobaren e ata me daba rabia, xa que non entendía esa frenética busca do número de páxinas deses libros para poder queixárense libremente pola súa amplitude. Porén, os compañeiros do club de lectura desexabamos libros novos, novas aventuras ás que ir e novas opinións que compartir os uns cos outros, sen importar se o libro era grande ou non.
O que máis me gustaba del era o fluír de opinións no que todos participabamos e que, ao ser un club do centro e non un alleo a el, as opinións saían con máis facilidade e naturalidade, sen medo a dicir algo que non fose correcto ou a equivocarnos, xa que, quen máis e quen menos tiña alí aos seus amigos e falaba con máis sinceridade. A confianza coa profesora tamén xogou un papel importante para levar a cabo o club e que funcionase tan ben foi grazas a ela. Non houbo nunca temas tabús e falounos sempre con claridade, cousa que moitos outros profesores non farían e cousa que ademais axudou á escolla dos libros.
No referente ao tema ou orientación temática dos libros vou moi contenta. O primeiro ano o tema era a violencia de xénero, tema moi pouco debatido e castigado, ao meu pesar. Todos nós comezamos a ler libros sobre iso (machismo, diferenzas sexistas, violencia...) e comezamos tamén a darnos conta de moitas situacións que antes non calificabamos de desigualdade. Cando agora vemos algo relacionado con iso na nosa vida cotiá e nos chama a atención,  desexamos estalo contando nun dos encontros dos xoves e queremos debater sobre os feitos que nós mesmos vimos, sen acudir a feitos que leramos nun libro. O segundo ano os temas xa foron máis libres, pero sempre relacionados coa igualdade da muller. Lemos libros preciosos e cada un trataba de cousas diferentes o que lle deu moita diversidade aos nosos encontros.
Saio deste club de lectura encantada, con moitos títulos que desexo compartir co mundo e tamén con moitos amigos e amigas lectores cos que querería seguir compartindo as nosas mellores vivencias literarias.

26/05/14

Remate do club de "Lecturas pola Igualdade"

Isto é o que nos di SONIA FRAMIÑÁN:




Estes dous últimos cursos tiven a sorte de poder participar nun club de lectura sobre a violencia de xénero e a igualdade da muller, que sen dúbida dou para moito. Realmente este club serviume para abrir os ollos a un mundo no que cada vez parece relucir máis a violéncia de xénero e o machismo, sobre todo entre os adolescentes (algo que eu nunca chegaría a imaxinarme).

   Antes de comezar neste club, teño que recoñecer que non vía o machismo e a discriminación da muller como algo tan extendido, xa que case por todos os medios intentan taparnos os ollos ante a maioría das inxustizas cometidas, e  nunca pensei que iso sucederia tan cerca de min, no meu entorno. Despois destes dous cursos son consciente da e xente machista que hai a día de hoxe, e teño que dicir que estou asustada da gran catidade de mulleres e sobre todo mozas que teñen estes pensamentos e sen darse conta atentan contra elas mesmas. Día a día vexo multitude de frases e  actos por parte de xente nova que me parecen aborrecibles, non dou crédito de que non sexan conscientes do que realmente están defendendo. Penso que non hai concienciación ningunha na sociedade, porque mesmo xente que afirma rotundamente defender as mulleres ante todo,  ven na súa vida cotiá actos machistas e discriminatorios dos que eles mesmos non se dan conta. Actualmente están aumentando estes casos de acoso entre os máis novos e os adolescentes, algo totalmente intolerable ao que parece ser que ninguén lle dá importancia. Eu pola miña parte penso loitar contra estes actos e intentar non ser partícipe deles, pero non chega só con iso, todos e cada un de nós debemos tomar conciencia e loitar pola igualdade entre xéneros. 
  En definitiva, teño moito que agradecerlle a este club de lectura que me destapou o telón a tanta desigualdade, e sobre todo, á profesora organizadora, Gracia Santorum que loitou por concienciarnos a cada un dos componentes. GRAZAS !

25/05/14

Remate do club de "Lecturas pola Igualdade"

Pedinlle aos membros do club que fixesen unha pequena reflexión sobre o que supuxo para eles e elas pertencer ao noso club de lectura.
Comezamos con ALBA MOREIRA:






A miña andaina no clube de lectura comezou o ano pasado cando a miña mestra de galego, Gracia, me ofreceu pertencer a un, sen dubidalo, aceptei, e este ano tamén. Dende o principio co primeiro libro que lin, O diario violeta de Carlota,  comecei a darme conta de moitas cousas en relación coa diferencia de xénero, o sexismo e as moitas sutilezas despectivas que existen actualmente na sociedade e que por mala sorte non hai moitas persoas que se percaten disto. Pertencer ao clube de lectura aportoume unha gran cantidade de coñecementos: Sei como vivia Malala cando era pequena, coñecín Afganistán na súa compaña, os costumes... ademais de ler toda a súa historia e admirar a valentía que demostra tendo só a miña idade; lin poemas de María Reimondez escritos dende a India e souben que é fundadora dunha ONG nesa cidade, comprendín que a violencia non só é física, e que continuamente na prensa, na televisión,  na radio, nas redes sociais e nós mesmos aínda que non nos deamos conta falamos de maneira machista. Grazas a este clube, e a Gracia, agora eu teño gafas violetas, coma Carlota a protagonista do primeiro libro de moitos que lerei sobre todo o relacionado coa muller para ser unha fiel defensora de todas nós e por suposto de min mesma.

22/05/14

Moda Galega Reloaded


Que ben acertar así coas lecturas. Este libro de poesía supón o punto final para as nosas reunións do club, para sempre, porque eu  marcho do centro. E, a verdade, non podía maxinar mellor despedida que arredor dun libro que provocou un gran debate. Chamoume a atención que todos e todas quixeron comparalo co último libro de Carlos Negro, Penúltimas tendencias, algo que eu non fixera previamente. Gustoulles o estilo directísimo da autora para criticar eses aspectos da sociedade que caen unha e outra vez no machismo e os estereotipos aos que se deben someter as mulleres.

15/05/14

Remate do club de lectura de 2º da ESO



     Xa que ler e escribir son unha parella que, a cotío, vai collidiña da man, este ano, nas xuntanzas do club de lectura de segundo da ESO, decidimos traballar sobre o relato curto, co propósito de redactar algún conto.

     Seleccionamos, para falar deles, contos de libros, xéneros e tons ben variados entre si, xa que na variedade está o gusto. Transitamos desde a narrativa poética contida en Ai, Filomena, Filomena e outros contos, de Miquel Obiols, pasando polo xénero de terror ou un clásico como Roald Dahl, ata as historias que se condensan n’O Rei Oso Branco e outros contos marabillosos, de Tim Bowley.

     Os contos iniciais caracterizáronse polo seu fondo lirismo, do que non estiveron exentas as pinceladas críticas. Ademais, ler converteuse nun gozo visual, grazas ás ilustracións que acompañaron a música das palabras en contos como “A Terra está na Lúa” ou “A mesa encantada”, editados por Kalandraka.

     Non obstante, o xénero estelar para os rapaces e rapazas que conformaron o club foi o relato de terror. Lemos un clásico –Edgar Allan Poe-. Dedicámoslle un tempo ao comentario d’ “O pozo e o péndulo”, entre outras historias. Prestamos atención a ese comezo alucinatorio da narración, aos efectos de despersonalización que calquera forma de tortura provoca nos seres humanos e á resistencia do prisioneiro protagonista…. Houbo outro libro cuxas historias resultaron un éxito –Cuentos de terror de los objetos malditos, de Chris Priestley-. Baixo o marco do rapaz que demanda insistentemente un novo conto de medo ao seu tío, asistimos á dimensión dos obxectos que son e non son a un tempo, das vellas bonecas de porcelana de expresión fixa e ameazante ou das voces demoníacas que, en ocasións, se instalan na conciencia e no corazón dos seres humanos. Historias como “La No-Puerta”, “El demonio del banco”, “El marco dorado”… dan fe de todo isto.

     Xa que os gustos da coordinadora do club tamén contan, para min, Roald Dahl –e de seguro que non digo nada novo nin original- é un gran mestre neste xénero. Os comezos in media res, a mestría na alternancia áxil de narración, descrición e díálogo, os finais cortantes e irónicos –coma o gume dunha navalla-, o peso das inferencias en contos como “La subida al cielo”… constitúense en leccións para unha arquitectura do relato curto. Con “Katina” adentrámonos no nome dunha “nena da guerra”, marcada pola orfandade existencial e un heroísmo suicida que condensa en si o espírito de rebelión dos pobos asoballados –neste caso, a Grecia invadida polos nazis na Segunda Guerra Mundial-. Con “O gran gramatizador automático”, entramos nun debate apaixonante: para que se crea ou escribe? Para satisfacer o mercado, lograr éxito monetario ou social ou porque se han seguir os ditados do propio corazón e da conciencia? Roald Dahl lémbranos que, tantas veces, os persoais propósitos do creador comportan exclusión social e mesmo fame… que a mensaxe non pode ser máis actual nun mundo coma este que nos toca vivir. Se teño que escoller unha historia construída sobre o peso das inferencias, esa sería “La subida al cielo”. Nela, Roald Dahl aborda, con gran intelixencia e sutileza, o tema do maltrato de xénero, da violencia encuberta e silandeira que, ás veces, non se exerce de modo aberto, senón nos pequenos xestos, a través do ton, en situacións difíciles de probar máis aló do ámbito do dous; quizais unha das formas máis terribles de violencia!

     Outras historias, como “Barbazul”, inscrita n’O Rei Oso Branco e outros contos marabillosos, permitíronnos falar dos “cuartos obscuros” das persoas maltratadoras, en contraste co seu “brillante e solícito ser social, público”.

     En resumo, os contos, os relatos breves son sempre leccións de vida; nas súas recurrencias aportan seguridade aos nenos, que nos piden, insistentemente, que llelos contemos da mesma maneira. Coma nun mundo no que a xustiza sexa posible, o conto aporta a certeza de que o ben e a bondade serán recompensados, de que aquilo que non entendemos porque nos sobrepasa nun momento determinado será un parto benéfico nun futuro non moi lonxano, cando encaixemos o que  ocorre e atisbemos o seu porqué.

     Narrar é sempre aprazar a morte –coma nos contos d’As mil e unha noites-, gañar terreo fronte aos perigos, confabular a desgraza. Neste sentido, “Pés de Pluma”, ese personaxe iroqués, orfo, invisible para o tío que o cría, torpe…cosegue enganar o puma que ameaza con devoralo grazas ás súas dotes como contacontos, xa que as palabras serven parar algo, aínda que esteamos nun mundo que as devalúa, as deturpa tan a cotío e  de xeito tan degradante. Pola nosa parte, nos clubs de lectura, aínda acreditamos na bondade, a lucidez e a forza dos relatos polas verdades que nos dispensan, a compañía que nos aportan, por tantas cousas…

24/04/14

A desaparición de Esme Lennox


Un dos libro con máis éxito das lecturas destes dous anos acadouno sen dúbida ningunha este que hoxe nos reuniu: A desaparición de Esme Lennox gustou absolutamente a todos e a todas. Destacaron a forma de ser narrado e falamos sobre todo de como a sociedade pretende ocultar a todos aqueles qeu son diferentes por algún motivo. Estrañoulles que unha das causas das rarezas da nosa protagonista fose, por exemplo, o seu anceio de educación en igualdade, algo realmente imprensable naquelas épocas.

04/04/14

A visita de Anxos Sumai onte, na prensa

Novamente, os xornais da comarca recollen o noso encontro do club de lectura que tivo lugar onte á tarde coa presenza de Anxos Sumai para falarmos do seu último libro.



http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2014/04/04/anxos-sumai-asiste-encuentro-club/998932.html