E volvemos ao teatro! Desta volta, para escachar a rir, dende logo. Marián Bañobre e Isabel Risco son dúas actrices complestas que saben bailar, actuar e improvisar. Do mellor que vimos ultimamente! E ao rematar, entre os pinchos ofrecidos, a nosa foto de rigor. Que luxo contar con xente así na escena galega!
14/11/15
24/10/15
Imos ao teatro (III)
Sempre que podemos facemos algunha actividade diferente á mera lectura compartida. O 23 de outubro fomos ao teatro a ver "Noiteboa", do lalinense Álex Sampayo, con Ernesto Chao, Mela Casal e Guillermo Carbajo, a quen tivemos a sorte de coñecer e fotografarnos con eles. Un luxo!
02/10/15
Un animal chamado néboa
Comezou o mes de outubro. Pois ben, canda el comezamos asemade o club de lectura. O día 1, para sermos exactos.
Xa sabedes que me gusta experimentar. Desta volta propúxenlles ao alumnado do club de lectura pola Igualdade do Laxeiro que lesen tamén Un animal chamado néboa e que se xuntasen ao club de lectura de Adult@s de Silleda. Aceptaron.
Dábame un pouco de medo pola idade das pequenas. Pero ao mesmo tempo aproveitaba a que viñeran algunhas mamás e visen "in situ" como se desenvolve unha sesión dun club de lectura. E "picalas" para que lesen elas tamén.
Un resultado fantástico: demos no cravo.
Porque, está claro, o libro paga a pena. E de que maneira! Todos e todas concordaron en que era unha auténtica pasada e que a pesar da súa dureza cumpría lelo e aprender. Ledicia Costas acompañounos coma sempre, con esa dozura que a caracteriza e a firmeza das súas palabras.
E houbo un broche de ouro. Un auténtico luxo que quero compartir con todos e todas vós: coñecín a Issiris en 3º de ESO, cando levaba en Galicia menos dun ano; estaba exenta da Lingua Galega, pero pedíame libros para estudar e lía todo canto lle daba; tiña máis interese ca ninguén. Logo, apuntouse ao club de lectura que daquela formei no instituto de Silleda. E vina medrar. E madurar.
Agora está en 2º de Bacharelato. Ademais de ser unha moza que ten moi claro o que quere ser e o que quere facer, canta e toca a guitarra. E cando un libro lle chega ao corazón, é capaz de compoñer. Desta volta, o libro de Ledicia consegui tocarlle esa febra que consegue mover o corazón e as cordas de Issiris. Así que, agora, Un animal chamado néboa ten banda sonora. E aínda que a gravación foi caseira e non estabamos preparados para esta sorpresa, sei que vos vai encantar. Como a Ledicia. Que marchou leda de Silleda.
30/06/15
Historia das mulleres galegas
O últimos libro deste curso, xa rematado, foi o pequeno e interesante Historia das mulleres galegas de Pepe Carreiro. Resultou curioso como todos os membros do club chamaron a atención sobre un mesmo punto: o machismo vén de mooooito atrás, non é algo inventado de novo, é tan antigo como a Humanidade. E pregúntase por que. Pero sobre todo pregúntanse ata cando.
Un libriño que é todo un acerto porque espalla con entusiasmo un coñecemento ao que debemos achegarnos. Compaxinando banda deseñada e textos breves,
estes de carácter reflexivo mais marcado polos principios da sinxeleza, a
ironía e mais a suxestión para abrir novos focos de interese tras a
lectura, achega cun tratamento de “parodia histórica” vivencias que protagonizaron
mulleres do común e que sostiveron, desde o anonimato ao que as condenou
e condena a historia, o mundo tal e como o coñecemos.
18/06/15
Funambulistas
O último libro deste curso foi Funambulistas de Mercedes Leobalde, a quen lle damos as grazas por vir ata aquí, sobre todo logo da penosa e traballosa viaxe que realizou xa que quedou sen coche a metade de camiño. Canto o sentimos! Pero ben pagou a pena falar con ela de todos e cada un dos seus relatos, de como comezou a escribilos, que lle empurrou a facelos... Foi unha noite ben agradable na súa compaña!
13/06/15
Clausura XII bienal Laxeiro
No noso afán de vivir novas experiencias e de trasladar á sociedade a cantidade de actividades que un club de lectura pode realizar, colaboramos co encargado do museo "RAmón Mª Aller" na Clausura da XII Bienal "Pintor Laxeiro" con lectura de poemas insertados na conferencia do filósofo Santiago Losada Carregal.
O acto foi mesmo portada do Faro de Vigo e nova no seu interior, tal como consta aquí.
04/06/15
Febre
Curiosamente, este foi o libro que menos gustou a todos e cada un/unha dos compoñentes do club. Algúns, mesmo non o remataron, xa que saben que un dos seus Dereitos é non proseguir unha lectura que disgusta. Falamos de igualdade da muller, de posguerra, da
Segunda Guerra Mundial, da falta de escrúpulos, do Amor, da vinganza… Pero non convenceu. A pesar do meu ánimo!!!
27/05/15
Tamén sabemos contar
Por vez primeira, o noso Club de Lectura pola Igualdade realizou esta
actividade. E o resultado foi magnífico! Achegámonos ao colexio de
Prado para lles contar contos aos nenos e nenas de 1º e 2º. Estaba un
día estupendo e ocupamos os diferentes espazos verdes dos que este
colexio goza.
Logo, o alumnado de 6º quixo homanexear esta visita cun teatro de
sombras do conto "Orellas de bolboreta" que nos deixou pampos pola súa
profesionalidade.
A noticia, no Faro de Vigo. Mesmo fomos portada! Tamén va Voz de Galicia
Unha experiencia marabillosa!!!
O alumnado de 6º agasallounos despois cunha representación de "Orellas de bolboreta" en teatro de sombras. Unha auténtica delicia de traballo que os converte en profesionais!
20/05/15
O inferno de Marta
Despois de ler este libro de Pascual Alapont o grupo afirmou darse conta da realidade social que vivimos. Isto é algo que ocorre con frecuencia, el maltrátaa e logo pídelle perdón, obténdoo. Tamén din que no caso de Marta actuarían doutro xeito, denunciándoo... pero, claro está, é fácil dicilo desde fóra. Esa é a tremenda conclusión
15/05/15
Imos ao teatro (II)
Desta volta, fomos ver "As fillas bravas" de Chevere, moi acaído para o noso club por conter unha mensaxe que sensibiliza a sociedade fronte á violencia de xénero e a desigualdade. Ademais, pasámolo moi, moi ben.
Falamos de...
Actividades realizadas,
Club de Lectura pola Igualdade,
Humor,
Igualdade da Muller,
No teatro
18/04/15
Imos ao teatro (I)
O noso club de lectura pola Igualdade, disposto sempre a facer novas actividades, asistiu onte a unha representación de teatro en Lalín, que resultou ben, ben divertida. Para moitas das rapazas era a primeira vez que asistían a unha representación teatral "de maiores", e foi toda unha experiencia que agardamos poder repetir.
A obra foi :
Malasombra Producións: 'D.E.P. Unha comedia de morte' 16/04/15
Ladydi
Se hai un libro que marque un antes ou un despois nas nosas lecturas deste club é este. Absolutamente todos os membros deste club coinciden nun punto: foi o mellor libro deste curso. Gustou tanto que ata as súas nais desexan ler o libro, polo que estes aínda non virán aos andeis da biblioteca.
Cristina Costela afirma:
Este libro é un libro que me
sorprendeu bastante, móstranos a situción de moitas familias na cidade de
México e en todo ese país a través de Ladydi, unha nena de once anos que se fai pasar por neno
para evitar que os narcos a secuestren. Xunto as súa amigas, terá que
esconderse nos buratos cavados na terra para que os narcos non as atopen, xa
que o único que buscan é convertilas en escravas sexuais. A dureza que nos
transmite Ladydi, nun lugar marcado pola marihuana, narcotraficantes e amapolas
é terrible.
Guerrero é un lugar no que só hai
mulleres, porque os homes cruzan a fronteira de México con Estados Unidos na
procura dun futuro mellor, pero a maioría deles non regresa, deixando as súas
mulleres e fillas expostas á violencia dos narcos. Guerrero é un lugar no que as
condicións de vida son terribles e ata a natureza se converteu nunha enemiga. Unha vila na que
ninguén lle reza a Deus, porque nin se fían del… Aínda así, nesas condicións
Ladydi crece rodeada das súas amigas e ao carón dunha nai capaz de roubar,
maldicir e rir, con tal de sacar a súa filla adiante.
O que máis me impactou é como
tratan as rapazas, só por seren guapas, xa as secuestran para abusar delas,
roubándolles a súa infancia, con 11 anos, e é que van quedar marcadas para
sempre, e eu penso que nenas con once anos aínda teñen que desfrutar da
infancia e pasalo ben, porque nunca máis lles vai volver.
Tamén me impactou a forza de
vontade que ten a nai e Ladydi, que fai o que sexa por sacala adiante, aínda
que ás veces é Ladydi quen fai de nai da súa propia nai, que para ter once
anos é unha nena moi madura, debido ás circunstancias que lle tocaron vivir.
Unha realidade durísima, plasmada
neste libro que paga a pena ler.
15/04/15
Nai non hai máis ca unha
Hoxe, María Lado conquistounos. Definitivamente, a poesía vai entrando por unha porta cada vez máis grande nun club de lectura pouco acostumado a ler este xénero. A verdade, despois de ler a María Lado, despois de coñecela, despois de escoitala e despois de rir con ela, é imposible non amar a poesía. Pero é que María Lado é moita María Lado. Dun prato fai un obxecto kitsch. Imposible non adorar ese sentido do humor e ese sorriso. Para mostra:
María explicounos moitas cousas, o seu xogo coas negriñas, as manías que foi collendo dende moza, como o de non usar as negriñas, a necesidade de numerar os poemas deste libro...
Falounos de que ela pretendía que o neno estivese presente na poesía, que tivese voz propia nos poemas, da envexa que lle dá que o neno reciba todas as explicacións. Gústalle poñer a xente a falar nos seus poemas. Existe acaso demasiado diálogo nos seus poemas???
O primeiro texto do libro ofrece un contraste co resto dos poemas, xa que foi escrito por necesidade, porén, os outros foron feitos con oficio de facer ese libro que ela desexaba. E o que procuraba era a violencia, o ambiente sombrizo: é un poemario íntimo que fala dunha realidade existente; non é un libro ñoño, naif, sobre a maternidade, senón que existe a violencia detrás. Por exemplo, no poema número 13 tenta recrear o sucidio de Sylvia Plath, recreando a escuridade. Noutros poemas o que habita detrás e a violencia que supón o proceso hospitalario: a xente fai o seu traballo, as súas horas, pero non acompañan o enfermo: a tiranía está nos horarios. A violencia cotiá está no realismo dos poemas, así como que tamén pretendeu unir todas as nais do mundo.
oso, mamá, si?
Aproveitando a visita de María Lado ao club de lectura de adult@s, o noso club de lectura de poesía non quixo ser menos e tamén leu a esta autora que nos conquista alá por onde vai. Así, e con ela, a poesía vai gustando máis a este club de lectura que nun principio sentíase un pouco desbordado por este labor.
A
verdade, despois de ler a María Lado, despois de coñecela, despois de
escoitala e despois de rir con ela, é imposible non amar a poesía.
Con este libro despedimos as reunións deste curso, xa que o alumnado séntese presionado cos exames da terceira avaliación.
Con este libro despedimos as reunións deste curso, xa que o alumnado séntese presionado cos exames da terceira avaliación.
01/04/15
A editorial Kalandraka fala de nós
Hai uns días comentabamos que a editorial Kalandraka diríxirase a nós para recoller opinións sobre o club de lectura. Foron tan amables que ata non quixeron dar traballo, bastoulles recoller as palabras pronunciadas o día da reunión dos clubs de lectura convocada pola Consellería. Aquí está o resultado do seu traballo:
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)


































