O último libro deste curso foi Funambulistas de Mercedes Leobalde, a quen lle damos as grazas por vir ata aquí, sobre todo logo da penosa e traballosa viaxe que realizou xa que quedou sen coche a metade de camiño. Canto o sentimos! Pero ben pagou a pena falar con ela de todos e cada un dos seus relatos, de como comezou a escribilos, que lle empurrou a facelos... Foi unha noite ben agradable na súa compaña!
Funambulistas é un monllo de relatos ou microrrelatos -vinte e
seis- que non deixa indiferente e, o que resulta aínda de máis valor,
paga a pena lelos todos. Orixinalidade, sorpresa, estilo, ironía,
ligazóns, parodia... de todo hai neste libro. E vaia por diante que o
acollín con certa reserva porque eu prefiro ler novela. Porén, abraioume
a profundidade, a exactitude das situacións, as ligazóns que establece
en ocasións entre uns relatos anteriores e outros posteriores... a
metáfora da vida que nos devora e que no libro vai marcando un ritmo
pausado e nunca esgotador, ofrecéndonos moito para cavilar. Paseamos por
temas tan importantes como a violencia de xénero, a moral católica, a
maternidade adolescente... e mentres lemos decatámonos de que a autora é
capaz de mesturar estes temas co humor, con distancia, con brevidade.