14/02/17

Rosa Parks. La lucha contra el racismo


Para dar a coñecer figuras de mulleres senlleiras utilizamos este libro no club de lectura pola igualdade:  Rosa Parks. O libro está publicado por Vicens Vives na súa colección "Cucaña. Biografías": Rosa Parks. La lucha contra el racismo é de Paola Capriolo con ilustracións de Tha.
Desta volta, o libro gustoulles por saber máis sobre esta muller que non coñecían.

11/02/17

Mamá quiero ser feminista

A primeira reunión do club de lectura pola igualdade que realizamos na biblioteca pública foi arredor de Mamá quiero ser feminista, un libro que nos abriu moitos camiños polos que sucar as nosas palabras. A verdade é que deu moito de si.



http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2017/02/11/segunda-sesion-club-lectura-feminista/1621575.html

27/01/17

Todo o tempo do mundo





Foi un gustazo estar con Xosé Monteagudo no club de lectura, compartir con el a nosa emoción por este libro que nos encantou e coñecer moitos dos seus segredos á hora de escribir o libro. Iso si, non soltou ren sobre o que anda a escribir, así que quedamos coa intriga.

17/01/17

Monstruo de ojos verdes



O club de lectura pola igualdade reuniuse para falar sobre Monstruo de ojos verdes de Joyce Carol Oates publicado pola editorial SM. Repetimos libro porque co anterior club de lectura tivera moito éxito. E desta volta a miña sopresa é que o libro non gustou, só houbo unha moza que opinou o contrario. Isto lévame a replantexarme as opcións de lectura, debido, coido, á madurez dos e das integrantes. Que disgusto!

10/12/16

Un novo club

Tiñamos moitas ganas de que Lalín contase cun club de lectura que xuntase adult@s e alumnado, pais e nais con fillos e fillas, mozas que queren ser libres.... E conseguímolo, abofé! Onte botamos a andar o Club de Lectura Feminista do Concello. E nunca pensamos ter tanto éxito. 30 persoas interesáronse en participar




http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2016/12/09/maria-gracia-santorum-lopez-traballamos/1585146.html

E aquí a reunión. A biblioteca fíxose pequena e teremos que buscar un lugar máis axeitado. A xente, de pé detrás do fotógrafo.


O libro co que imos comezar:



05/12/16

O diario violeta de Carlota





O primeiro libro escollido para iniciar o Club de Lectura da Igualdade foi o O diario violeta de Carlota de Gemma Lienas, publicado pola editorial Galaxia. Veunos moi ben como libro introdutorio sobre o tema da igualdade, xa que moitos e moitas deles e delas non se percataran da cantidade de situacións machistas que viven a cotío. Foi unánime o gusto polo libro.

26/11/16

Un ano máis, contando contra a violencia (III)

Este ano foron os membros de dous dos clubs do Laxeiro os que decidiron unirse para contar contos pola Igualdade e contra a violencia de xénero. Onde foi?  en "Violarte". Si, seis mozas e mozos do club de lectura pola Igualdade están en 1º de Bacharelato e outras 6 mozas do club de lectura "Lois Pereiro" foron as protagonistas nesta xornada onde nenos e nenas escoitaban con atención os relatos dos contos que estas mozas e mozos estiveron dispostos a contar toda unha tarde de sábado.








15/10/16

Camiños na auga

A primeira reunión deste curso xirou arredor da obra de Manuel Núñez Singala, Camiños na auga. Tivemos o pracer de reunirnos con el para falar de emigración, de solidariedade e desesperación, de negros albinos... Unha lectura interesante que nos fixo reflexionar sobre moitos aspectos da sociedade e da nosa condición de "normais"


06/07/16

Sueños en el umbral

Este será o último libro que leremos no club da igualdade este curso. Como chegaron os exames, a excursión... reunirémonos a principios de xullo.


17/06/16

Labrego con algo de poeta




O pasado xoves 16 visitounos no Clube de Lectura da Biblioteca Municipal "Castelao" de Silleda, Mercedes Queixas, autora da biografía de Manuel María "Labrego con algo de poeta".
Esta exitosa publicación foi editada hai uns meses por Galaxia co gallo das Letras Galegas dedicadas en 2016 ao poeta da Terra Chá e nela, @s lectores deste clube, atopamos un estupendo exercicio didáctico non só pensado en divulgar a figura, o pensamento e sentimentos do poeta chairego, se non que tamén unha atractiva provocación para indagar na súa lírica, a cal reflicte a historia e o presente da nosa Galiza contemporánea.
Os versos sinceramente limpos, as coherentes vivencias e a paixón pola Patria, axúntanse neste percorrido para nos descubrir a alguén que tomou a función de poeta como un oficio da realidade social do País ou un radiografo etnográfico do lar, da casa, do pobo, da vida do noso e d@s nos@s con vocación atemporal e permanente.
Coincidimos con Mercedes Queixas en que o o obxectivo de tentar popularizar o autor máis prolífico literatura galega e a súa obra comprometida e veraz foran acadados. E, sobre todo, agradecémoslle que conceptualizase deste xeito a súa obra para interpretar a súa vida, porque isto lle deu un resultado brillante e esclarecedor.








E tamén na prensa:


23/05/16

Eleanor y Park


Cando me recomendou este libro Luz Paramio, non maxinaba o éxito que ía ter entre as alumnas e alumnos. Todas e todos coinciden en que o libro engancha de tal xeito que foron incapaces de deixar de lelo ata rematalo.
O autor é  Rainbow Rowell e está publicada por Alfaguara
 Como pode ser unha historia de amor tan boa? Porque non é cursi, porque afástase dos termos correntes en como se escribe unha historia de amor para presentarnos simultaneamente os sentimentos de dous personaxes case marxinais que non se namoran a primeira vista e que van superando dificultades aos poucos. E o final, aberto, chega a ser angurioso.
É un libro sensible, que agocha moito máis ca unha historida de amor, e ao mesmo tempo encántanos este amor adolescente imparable e trastornado. Mesmo anhelamos volver a sentir ese voo de bolboretas do primeiro amor. É un libro con alma, e isto non sempre se topa. 
E non o lemos por ser unha historia de amor, obviamente. Por moi boa que sexa. Lémola porque detrás hai unha historia que se agocha que resulta moi suxerente e suxestiva para o noso club. E diso falamos, por suposto.


05/05/16

Con Carlos Negro


No club de lectura de adultos de Silleda non paramos de ler poesía! Agora, podemos dicir que nos encanta e que non nos mete medo ningún seguir léndoa. Vale, certo é, o próximo libro non vai ser de poesía... pero non nos importaría!!!
Desta volta gozamos como nunca co libro de Carlos Negro. Ben, gozamos co seu libro e coa súa presenza.


Lemos o seu último libro de poesía, Penúltimas tendencias, un libro necesario coa coincidencia de gustar a todo o lectorado que compón o noso club.


Case todos e todas salientaron a parte de "Puntos de fuga" e a empatía coa que se fala, poesía social, profunda, amena. Que non se queda no subxectivo senón que se fai universal, empática. É un poemario reactivo e transgresor, cada poema innova, algo que vén suxerido polo título.
Celia conta como foi apuntando versos e seccións porque lle gustaban moitísimo, xa que ademais hai poemas metapoéticos
Carlos contounos que hai poemas que se complementan. .O libro naceu como unha reflexión persoal (diante do espello, afeitándose, pregúntase quen é coma home), é unha poesía de intervención, mete o dedo en cousas candentes. Detrás dos poemas hai experiencias persoais, xa que a poesía debémola relacionar coa vida. 
O profesorado debe preguntar "que sentes?" "a ti que che provoca?", debe buscar textos próximos ás experiencias da xente coa que se traballa; trátase de desacralizar a poesía, quitarlle a solemnidade.
Que é a poesía? A poesía dá respostas verdadeiras a preguntas moi difíciles. Explica todas as definicións que non veñen no dicionario.
Carlos tamén asegura que está canso de que os homes teñan que ser heroes. Machos soltos salvando a humanidade, coma os heroes d Marvel. Na construción da épica esquecerónse das mulleres, de aí o tópico.
Tenta utilizar o humor, aínda que non sempre se pode, como cando fala da violencia de xénero.
Ás veces o machismo é tan obvio que nin se ve. Si que Carlos corre un risco sendo obvio, pero é necesario facer reivindicacións.
Hoxe en día o mercado apropiouse da linguaxe, igual que a publicidade; algunhas estratexias poéticas son apropiarse das técnicas publicitarias, visuais, de slogan. Ou sexa, combater coas súas armas. Os tempos piden un xiro para que a xente reaccione.
O libro é un libro de espellos, copias doutras estruturas de poemas, xa que os textos que nos seducen podemos levalos ao noso terreo.

25/04/16

La hija de la criada


O mes de abril reuninos arredor deste libro : La hija de la criada de Barbara Mutch que publica Alianza editorial. Unha suxestión dunha das alumnas membro deste club hai dous anos en Silleda, Ana Colmeiro, a quen lle agradecemos a recomendación.
  Un libro que nos achega ao réxime do apartheid surafricano na boca dunha criada negra e da súa señora branca. Hai que destacar que a verdadeira protagonista da novela é, desde logo, aquela que lle dá título ao libro, e que conta a súa experiencia en primeira persoa, incluíndo anacos do diario da señora que tanto quere, Cathleen, facéndoo en cursiva para que non haxa dúbida ningunha. O libro, ademais de falar de amor, de educación, de respecto e de boas e malas persoas, centrándose nas figuras femininas, sobre todo, que adquiren unha dimensión  moi relevante sobre as masculinas -aínda que estas sexan ás veces mesmo desencadeantes das situacións límite máis importantes da novela- reflicte as duras condición de vida da poboación negra do país africano e mesmo as diferenzas de cor xa que ser mestizo era un pecado máis grave e insolente que ser negro. Que xa é dicir!.
O apartheid trouxo consigo unhas desigualdades tan tremendas e unha situación tan escabrosa que aínda agora debemos sorprendernos coa maldade do ser humano (branco). A nosa protagonista deberá aprender a loitar e a sobrevivir.
Ás veces o ritmo da novela é un pouco brusco e cambia sen interseccións, mesmo o final semella un pouco abrupto, pero coido que paga a pena a súa lectura. Unha análise máis dos conflitos múltiples que o ser humano provoca cando deixa de ser humano. É dicir, a cotío.
Un libro que tivo éxito e gustou a todas e a todos.

31/03/16

Con Raúl Vacas

Desta volta xuntámonos o día 30 de abril tres clubs de lectura arredor de Señal, de Raúl Vacas: o club de lectura de poesía do IES Laxeiro, o club de lectura de igualdade do mesmo centro e o club de adultos. Toda unha experiencia estética arredor dun libro de poemas e arredor dunha persoa única. Tan intensa foi que nos esquecemos de realizar fotografías.
Señal está publicado pola editorial Mundanalrüido e conta cunhas magníficas ilustracións de Sara Morante, diálogo perfecto co texto. Dividida en tres partes, cada unha dela aborda os tres grandes temas da Literatura, o amor, a morte e a vida.
Sobre o amor e o sexo, lemos imaxes cargadas de sensacións, de cor, unha introdución fresca ao impulso sexual e audacia no ronsel da paixón. O contraste entre o que foi intenso e xa non o é, o baleiro, a morte do amor que foi... O mundo unifícase en torno a un ser simbólico. Apreciamos tamén a entrega total do ser amado máis alá da vida, "amor máis alá da morte" como en Quevedo. O amor na vellice é permanecer xuntos na hecatombe final, entrañable final feliz dos contos que celebran o encontro amoroso.
Na segunda parte, a voz poética pregúntase como explicar o inexplicable, ás veces ocorre o máis terrible, existe unha procura infructuosa que condena os amantes á morte, aínda que o amor case a vence; pero hai que aprender a afastarse cando hai un erro, cando queda o baleiro despois do amor, non hai lugar para enterrar as bágoas.
Na terceira e última parte, a morte. A soidade, a terra baleira, a incertidume, a obstinación por regresar. Lemos tamén o retorno á absoluta laxitude do gozo uterino, previo á vida humana; mesmo unha exposición de hipóteses e desexos. No baleiro amoroso medran a morte e a devastación, unha loita de contrarios no propio ou alleo sexo.

Raúl Vacas falounos de que é necesaria a visión literaria para falar de morte e de sexo, temas que na vida cotiá ocúltanse nas conversas. Tamén comentou como influíran os seus autores preferidos na escrita deste libro: Alejandra Pizarnik, Dámaso Alonso, Rafael Pérez Estrada, Rafael Alberti, Leopoldo Panero... O libro está feito á súa medida, por ser o seu proxecto máis persoal. Afástase da rima e de estruturas métricas, xa que non hai límites á hora de escribir.
Falou tamén da poesía en xeral. De que non hai que traducir de xeito literal cada verso, xa que o poema o que quere é transmitir sentimentos. Non cómpre entendelo todo, só debemos dialogar coa poesía: "ha hecho mucho daño la solemnidad en poesía"; poesía como invitación a vivir, con intensidades diferentes, a recuperar, a xogar.
E por suposto, comentou tamén a falta de palabras para falar de amor, de sexo, da pouca naturalidade coa que se tratan temas como o da morte.
LER TEN QUE VER CON ELIXIR.