25/04/13

Tonas de laranxa


É case medianoite. Hai pouco cheguei do club de lectura de Silleda, e aínda perdura o sorriso pintado nos beizos, a ilusión pendurada na alma, a cobiza segreda de ter acertado, o arume e o feitizo das palabras, o artista cincelando a obra. Vimos de estar con Manuel Lorenzo Baleirón. E a súa personalidade humilde, entrañable e vital engaiolounos e embruxounos a todas e a todos. Miraba as car
as das persoas que compoñen ese club e vía nelas a ilusión, a ledicia de ler, a inquedanza por compartir. Que orgullo de club! Que agasallo á vida!



E as palabras de Manuel:
O libro xurdiu dun conto que escribiu a miña filla de 60 folios. Non podía quedar aí.
Tratamos de recuperar a palabra que se perdeu. A lingua é prestada, recollida da linguaxe patrimonial da nosa zona, Dodro, e da linguaxe literaria: Faulkner, García Márquez, Carroll,  Fernández Flórez, Cunqueiro, Rosalía (versos completos: Rosalía toca a cerna de nós), Eusebio, Tim Burton, contos infantís, Camões, Saramago, Lezama Lima, Rimbaud... Cunqueiro é o mellor escritor galego, por iso hai moito de Cunqueiro; está por riba de todos.
O que articula o noso cerebro é a linguaxe. E o que artella o país é a lingua. A novela foi unha pelexa coas palabras. E unha procura consciente da prosa poética.
O soño do poeta coas palabras crea illas. Cómpre buscarlles o andar coma os canteiros ás pedras. Hainas ocas que nos acubillan e dondas para poder acariñalas. Pero tamén as hai enganosas, ásperas, ouricentas.
Só coas palabras podemos chegar a ser quen somos. Se de algo estamos feitos é de palabras.
Nunha película do cineasta Theo Angelopoulos, un poeta que regresa a Grecia despois de moitos anos quere facer un canto pola liberdade do país pero leva tanto fóra que xa non dá lembrado os nomes que precisa. E pagará por recuperalas.
Agustín García Calvo dixo que a linguaxe é a única cousa non natural que se nos dá de balde. Mentres que a linguaxe organiza o noso mundo individual, o noso pensamento, arredor da lingua artéllase a nosa conciencia como pobo. A lingua é a nosa maneira de estar no mundo. E sseguimos a ter que defendela.
Eusebio escribiu que só existe aquilo que pode ser soñado. "O recendo da camelia mollada enchía de luz o camiño". Alguén lle comentou como podía ser iso, sendo que as camelias non arrecenden. Dá igual. Nos poemas olen as camelias e os paxaros cantan pola noite. Na literatura todo é posible. Dicía Cunqueiro: "só existe aquilo que pode ser soñado".
O libro é un xogo da linguaxe. Eu escollo as súas historias de amor, pero o tema principal é o tempo, hai moitísimas referencias ao tempo; pisar os reloxos significa que o amor pode vencer o tempo.

Entre as palabras de Manuel, a opinión dos integrantes do club. Vía neles e nelas e satisfacción por ter lido unha gran obra. E quedamos coas palabras de Carme: "Imaxineime indo por un prado coa herba moi alta, tentando avanzar". Non é acaso unha imaxe da mellor poesía? "Hoxe toda a mañá, mentres traballaba coa desbrozadora, cavilaba no teu libro". E o trunfo da lectora iniciática na nosa lingua. E o noso trunfo por estar ao seu carón.

18/04/13

Cometas en el cielo

Este mes foi moi especial, posto que puidemos ler esta novela como tal ou como cómic. Algúns dos integrantes decidiron ler ambas versións para poder comparar. O libro foi todo un éxito.



Ao seu carón estaba o outro libro da mesma autora, que alguén tamén leu para poder comparar e falar da vida que noutros lugares do mundo levan as mulleres


















De amizade, de covardía, de traizón, de sentimentos, de bondade, de
inseguridades, de abandono, de crueldade, de esperanzas, de redencións, de oportunidades, de relacións familiares, de segredos, de violencia... de tantos e tantos temas puidemos falar!
 
 
 
 
 
 
 
 

Realmente é unha novela moi coidada, de gran impacto gráfico e que sintetiza perfectamente as partes máis importantes daquela historia de K. Hosseini.
Unha obra dura, unha historia de traizón doun tesouro: a amizade incondicional. Moitos temas, moitas reflexións provocou esta lectura.
 

22/03/13

Poetízate




A reunión deste mes (onte) na Biblioteca Castelao de Silleda foi unha homenaxe ao Día que nos reunía: o Día da Poesía. Así que convidamos aos integrantes a ler Poetízate e tivemos o inmenso orgullo de contar con Fran Alonso para falar de poesía e introducirnos neste camiño que non sempre é doado de lector@s de poesía. Coido que despois desta sesión será máis doado!

Fran lembrounos que o mundo recibíanos con poesía: arrolos, nanas... E que nos xogos sempre está presente. Isto forma parte de que asumimos a poesía como o noso patrimonio cultural, asumímolo e incorporámolo á nosa tradición.
A percecpción da poesía como algo obxecto de estudo é o que nos obriga a afastarnos dela, involuntariamente. A lectura de poesía debe ser deshinibida, guste ou non, eomocione ou non.
Vivimos nun mundo fragmentario e a arte non pode ser allea. A concepción da poesía á como a arte.
O importante é a comunicación e o que o poema nos di. Non temos que andar a procura de significados. Gozar con ela, coas súas palabras, coa súa sonoridade. Se queremos sentila, é a nosa opción.

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2013/03/22/silleda-saca-poesia-calle-departe-escritor-fran-alonso/778461.html

21/03/13

Poetízate

Afastámonos nesta ocasión do que era o noso tema central, a Igualdade, para ler poesía. Tamén a reunión deste mes foi completamente diferente: os membros do club asistiron ao recitado poético que Fran Alonso nos ofreceu no instituto arredor do libro que previamente leramos: Poetízate. Así que tivemos a oportunidade de escoitar poesía, dramatizada, con música, cantada, vista. Unha xornada completamente diferente pero máis emocionantes, sen dúbida.

01/03/13

Lume de cobiza


Esta reunión do club foi ben especial: parolar arredor do libro co propio autor! Ademais, como é un autor ben próximo, as horas pasaron deseguida e fíxosenos noite ben pecha. E é o que ten, tanto por contar, tanto por transmitir!

Estamos a falar de Miguel Anxo Fernández e o seu libro Lume de cobiza publicado pola editorial Galaxia. Un libro que nos enganchou a todas e a todos, por ser doado de ler e pola súa trama que non deixa respiro. Queremos dar as nosas máis expresivas grazas a Miguel Anxo por ter o detalle de se achegar a Silleda, nun día ben frío e unha noite xeada, para compartir lectura e pinchos connosco!

http://www.farodevigo.es/portada-deza-tabeiros-montes/2013/03/01/intensa-jornada-debate-lectura-casa-cultura-silleda/766182.html
 

08/02/13

Monstruo de ojos verdes

Este mes de febreiro a xuntanza foi para falar de "Montruo de ojos verdes" de Joyce Carol Oates publicado pola editorial SM.

Segundo a opinión de todos os membros do club, este libro converteuse nun dos seus preferidos, non houbo ningunha opinión "disidente" e todos compartimos a nosa satisfacción ante unha boa lectura.


Unha historia agresiva, coma o pai, cunha nai que non sente forzas para loitar... e un monstro de ollos verdes que nun principio nos desconcerta posto que para nada é quen esperabamos. Pero este será determinante para saír dunha angustiosa situación e buscar outros camiños que seguir.
O xeito de ofrecernos o relato é fantástico: os lectores imos intuíndo a triste realidade, pero esta non se nos amosa ata o final, posto que temos tan só a perspectiva da protagonista, unha moza de 14 anos que en todo quere compracer ao seu pai e moitas veces non se atreve nin sequera a cuestionar o seu carácter. Pero dános, iso si, suficientes indicios para saber que é o que realmente ocorre. E iso é o bo deste libro: que non presupón que ao lector/a haxa que lle explicar nada, debe percatarse por si mesmo de que é o que acontece, aínda ocultando datos ou distorsionando algunhas realidades.


O que opina....
Ana Colmeiro Corral:

Sexa en castelán, en galego ou en ruso, este libro é un dos libros máis bonitos e á vez, máis tristes que lin na miña vida.
Sufrín moito con el. Enfadeime, maldición, xurei, e ao final chorei, porque sentín unha impotencia moi grande. Porque fóra da ficción tamén ocorre isto. E eu nada podo facer para impedilo.
Unha lectura imprescindible que pon os nervios a flor de pel.

01/02/13

Enderezo descoñecido

Este xoves 31 de xaneiro tivemos a primeira reunión do club de lectura de adultos na Biblioteca Municipal. O primeiro libro que lemos en común foi o de Enderezo descoñecido de Kressman Taylor, publicado por Xerais na nosa lingua.
O libro serviunos para falar do Nazismo pero tamén fomos moito máis alá: de que somos capaces as persoas? Como reaccionariamos? É extrapolable a situación da Alemaña dos anos 30 á España actual? Seriamos agora quen de aceptar un noso "salvador" tal como está a situación económica?

10/01/13

A cabeza de Medusa

O primeiro libro deste 2013 foi A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre. Un libro que nos achegou á tremenda experiencia da violación na adolescencia, as causas persoais e as consecuencias sociais. Como poder enfrontarse a tan terrible e humillante experiencia? Porque o máis difíciel é esquecer, pero tamén o día a día no que deben mirar o mundo que as rodea, que non sempre llo pon fácil.

O que opina....
Ana Colmeiro Corral:

É un libro precioso que é coma se vivises ti todo o que nel ocorre. É unha auténtica animalada o que ten que vivir unha rapaza despois de ser violada. Tamén é certo que hai boas persoas que axudan, pero o feito de que unha soa pesoa acuse a outra de "buscalo" por ir en minisaia resulta tremendamente enoxoso. O que máis me chocou foi a actitude dalgúns profesores por non afastarse da estudipez xeral. Supónselles máis cultura.

20/12/12

Unha nova proposta

 Imos comezar unha nova experiencia que agardamos dea os seus froitos e sexa do interese daquelas persoas ás que lles apeteza compartir lecturas. Un club de lectura de adultos que realizaremos na biblioteca municipal polas noites, por ser esta céntrica e porque o concello vainos axudar a subvencionar a compra dos libros.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/12/23/educacion-club-lectura-biblioteca-silleda/0003_201212V23C99912.htm

19/12/12

...Con locura, amor y malos tratos

Só coñecía este cómic por recomendación de Carme, e foi todo un acerto propólo para este club. É, sinxelamente, xenial. En ...Con locura, amor y malos tratos nárrase a historia dunha parella na que se reproducen estereotipos sexistas que desembocan en distintos tipos de agresións por parte da figura masculina. O feito de escoller as figuras non humanas, por exemplo, paréceme dun gran acerto, tendendo ao mesmo tempo ao afastamento pero tamén ao achegamento da historia. O feito de tantas imaxes en branco, sen nada que dicírense...

O que opina....
Ana Colmeiro Corral:

Aínda que é curto, dá a entender con moita claridade quen é o que manda nunha parella e quen é o que sofre o humor.
Penso que este libro é unha chamada de atención para que tanto homes como mulleres nos deamos conta de que o home toma o poder porque se lle permite facelo.

22/11/12

Persépole

Publicou Rinoceronte recentemente este boísimo cómic de Marjane Satrapi que constituíu o noso segundo libro de reunión deste curso.
Teño que confesar que non houbo nin un só alumno nin alumna que non gozase con esta lectura, un libro que nos axudor a falar de totalitarismos relixiosos e diferenzas que veñen só motivadas por ser muller. Foi curioso como lles custaba comprender que estivesen lendo unha obra autobiográfica que resulta ser ao mesmo tempo un importante testemuño histórico e unha boa documentación sobre mundos, culturas e relixións que lles son alleas.


O que opina....
Ana Colmeiro Corral:

Nada sabía da vida da muller en Irán. Hai un sufrimento que só afecta ás mulleres: o machismo e a violencia de xénero. Mesmo hai mulleres que culpan a outras, sendo elas tan machistas coma os homes.
Supoño que España era así hai décadas.

25/10/12

O diario violeta de Carlota

O primeiro libro escollido para iniciar o Club de Lectura foi o O diario violeta de Carlota de Gemma Lienas, publicado pola editorial Galaxia. Veunos moi ben como libro introdutorio sobre o tema da igualdade.
 O diario violeta de Carlota achega un montón de situacións cotiás caracterizadas polo vesgo do machismo, algo que nin vemos polo acostumados que estamos a convivir con elas. Creo que é un bo xeito de lles abrir os ollos e de dar pé ás novas lecturas que vaiamos confrontando.

E o tempo non chegou a nada. Primeiro, as discusións xeradas entre dous bandos opostos: os rapaces aseguraron que o libro lles pareceu esaxerado e que non é para tanto. As mozas, enfadadas, crían que o libro acerta de cheo.
E as discusións impediron que abordarasemos a situación da muller no deporte, a situación no mercado laboral, etc, etc. 
E é que hai moito que falar sobre o tema.

O que opina....
Ana Colmeiro Corral:

Paréceme un libro moi acertado e quen en verdade che fai ver as cousas das que antes non te dabas conta.
Odio as persoas como o marido de Mercedes que lle tira unha boneca ao seu fillo porque é "de nenas". Ou que cren que "os homes non choran"
Xa sei que hai quen cre que o libro esaxera, pero a min paréceme que o machismo goberna o mundo.





06/10/12

Unha nova andaina

Volvemos ás orixes, ao IES Pintor Colmeiro. Si, este blogue e o seu Club de Lectura xa leva cinco anos lendo, primeiro en Silleda, pero tamén chegou ao Carballiño e logo voou ata Forcarei. Sempre co mesmo espírito: a defensa dos Dereitos Humanos mediante a lectura. Este curso, de volta en Silleda, o tema será o da IGUALDADE da MULLER. Todos os libros versarán arredor deste tema, e o alumnado ao que vai dirixido será nesta ocasión -coido que por vez primeira- 3º da ESO.
Hai que dicir que a iniciativa tivo unha moi boa acollida en 3º ESO-A: apuntáronse 11 alumnas e alumnos, e por vez primeira o noso club terá máis homes ca mulleres. Tratándose ademais deste tema, é todo un éxito.
A última hora, engadiuse unha alumna de 4º da ESO, moi interesada en participar. 
Benvidos a todos e a todas!

22/05/12

Engurras

Cambiamos de terzo e acudimos a un cómic que está a arrasar grazas, en parte, á súa versión cinematográfica. Logo veremos o filme.



Susana Lamas:

Este libro encantoume, sobre todo polas parvadas que fan os vellos. Houbo unha parte na que me sentín un pouco triste porque me recordaba a mina avoa que tiña demencia senil.
Estefanía López Antelo:

Este libro pareceume moi interesante xa que narra a historia dun señor e como pasa de vivir na casa coa familia a vivir nunha residencia de anciáns con completos descoñecidos. Alí faise amigo do seu compañeiro de cuarto

Andrea Garrido:

Este libro gustoume moito, xa que fala da realidade dos señores maiores, da vellice, e da súa soidade; nalgúns casos a familia abandónaos coma se fosen animais, e outros os seguen visitando coma se nada.


Daniel Álvarez:

O libro gustoume porque mostra como un ancián con Alzheimer intenta esquecerse de que ten esa enfermidade. Desgrazadamente hai moitas persoas que teñen esta enfermidade pero o que hai que facer é que esas persoas o pasen ben coma outras persoas calquera.

Katia Gaiteiro:

Este libro pareceume moi bonito e realista porque nos fala dunha enfermidade como o Alzhéimer que hoxe en día está moi presente nas nosas vidas e debemos coidar ás persoas que o sofren porque a calquera nos pode pasar.

20/05/12

Bajarse al moro




Javier Rodríguez García:

Esta obra de teatro gustoume moito ao principio porque é máis cómica pero o final é moi serio e mesmo dramático, ademais non me gusta a crítica á sociedade que subxace.

David Pérez Matanzas:
Este libro non me gustou moito porque é moi aburrido: eu o que quero é ler comedias. O final non o entendín, semella inacabado.
Lino Peleteiro:

Este libro gustoume grazas á parte que ten de comedia. Todos os personaxes gústanme moito, sobre todo a nai de Alberto.

Jonathan Rubia:

A min gustoume moito porque fai rir e fala das drogas, tema ben interesante sempre.

Andrea Mijares:

Este libro pareceume divertido ao principio, ademais de entretido. O final do libro non me gustou porque non foi tan divertido, nin acabou tan ben como eu pensaba. Estes libros así gústanme moito. O meu personaxe preferido foi o de Dona Antonia.