07/12/11

Sainetes



A primeira incursión teatral foi a de ler varios sainetes de José Cedena. Este autor ten os seus libros 5 Sainetes en buca de carcajadas e + Sainetes = Risa na editorial Éride.

Hoxe imos comentar dous sainetes: "O.G. T." e "El oculista de la vista".

David Pérez Matanzas:

"O.G. T." gustoume moito polos seus personaxes e porque é moi divertida, comezando polo propio título e os nomes de personaxes.
"El oculista de la vista": estivo moi ben porque mostra as confusións que poden chegar a existir por mor dunha persoa que fala e confunda todo, incluídos os que están ao seu carón.


Andrea Mijares:

"O.G. T.": Esta obra gustoume moito, é moi divertida porque os personaxes teñen nomes absurdos pero fan e din cousas moi simpáticas.
"El oculista de la vista": Non lle topei a graza a esta obra, penso que é batante absurda.

Jonathan Rubia:

A min gustoume máis "O.G. T." porque é máis divertida, pero as dúas estiveron moi ben. Se lésemos máis obras deste tipo eu sería moito máis lector.

Lino Peleteiro:

"O.G. T.": Esta obra gustoume moito porque dá moita risa e xogan cos nomes da xente.
"El oculista de la vista": Gustoume moito, é un estilo divertido do que se poden tirar moitas conclusións sobre as faladurías e os malos rollos.

Javier Rodríguez:

"O.G. T.": Encantoume o argumento e a orixinalidade da historia, así como o divertimento que supón a súa lectura. Non creo que sexa difícil de representar.
"El oculista de la vista": É unha historia moi boa e dá para cavilar moito para ver como se pode entender mal o que aparentemente é tan sinxelo.

David Macía:

"O.G. T.": Gustoume moito esta obra porque é moi divertida e fai moita graza. Os personaxes teñen nomes moi graciosos e o propio título xa o deixa adiviñar.
"El oculista de la vista": Tamén é moi graciosa, encántanme este tipo de obras, que ademais de seren moi graciosas permiten tirar algunhas conclusións do que alí se le.

14/11/11

El monstruo


Comezamos a traballar con álbums ilustrados cun grupo de catro alumnas e un alumno de 3º de Diversificación. Os primeiros álbums escollidos son álbums de calidade comprometidos, por traballar temas que nos levan máis alá. De feito, esta lectura levounos a ver "El bola".

Daniel Álvarez:

O libro non me gusta porque os nenos soñan cun monstro e lles berra e os maltrata, e supostamente é seu pai. E non me gusta porque isto ocorre na realidade máis do que pensamos e deberiamos facer algo para que o maltrato non exista.

Estefanía López Antelo:

Este libro paréceme pouco realista, xa que ver un monstro... pero á vez moi interesante porque os nenos refírenes ao pai cunha metáfora, é dicir, cando se refiren ao monstro en realidade refírense ao pai. O maltrato é máis común do que parece.

Katia Gaiteiro Pichel:

Creo que conta unha historia moi real porque en moitas familias os nenos ou as mulleres son maltratados polo seu pai ou polo seu home e non o denuncian porque teñen medo, e cando os nenos o intentan dicir, a algúns non lles fan caso porque pensan que todo é produto da súa imaxinación. Hoxe en día non se debe ter medo a denuncialo porque hai moita xente que pode axudar e non agardar a que ocorra unha desgraza.

Andrea Garrido:

O libro non me gusta porque trata unha historia moi triste aínda que aporta unha verdade, que hai moitos nenos maltratados polos pais ou outros familiares.

01/11/11

Cambio de rumbo

Este curso o noso club de lectura cambia por mor das circunstancias e como adaptación ao medio en que nos desenvolvemos: imos facer dous grupos, dous clubs, ambos para atender alumnado con dificultades, un grupo con quen comentaremos álbums ilustrados, e outro con que leremos obras de teatro, abrindo a posibilidade a unha representación final; este grupo xorde pola necesidade da lectura e como integración de persoas que veñen de fóra.
A ver que sae.

15/05/11

Mexillóns para cear


As opinións:


Carolina Gulías:

Non me gustou porque é moi extenso, complicado de ler e aburrido; prefiro outros tipos de libros ou de álbums ilustrados.


Guadalupe Barreiro:

Non me gustou tanto como os outros, porque faise un pouco longo con toda a historia do pai cando non volve e os problemas cos irmáns.

12/04/11

El príncipe de los enredos

As opinións das lectoras:


Carolina Gulías:

Gustoume moito porque trata do egoísmo dun corvo que se extrapola á nosa sociedade: a malediciencia que tanto dano pode provocar.
Foi un dos meus álbums preferidos.


Guadalupe Barreiro:

Foi un dos libros que máis me gustou porque trata de ensinar que sempre hai alguén que se está metendo no medio co fin de empeorar as cousas. O exemplo do corvo é moi bo porque pola súa culpa fixo secar a árbore

22/03/11

Nós tamén plantamos árbores

O mes de marzo adicámolo aos Dereitos da Natureza, polo que o libro escollido foi O home que plantaba árbores de Jean Giono.

Guadalupe Barreiro, sobre o libro:

Trata dun home que vai polo deserto e no medio deste encontra unha casa: é a casa dun home que vive só co seu gando. O home ofrécelle auga e refuxio ao viaxeiro e queda alí durante un tempo. Cando o viaxeiro se dá conta de que o home está a plantar landras no deserto, faille moitas preguntas. Ao longo de moitos anos, o home seguiu plantando árbores ata que, xa moi maior, ve o seu froito: un terreo cheo de árbores no deserto. Agora estas árbores están protexidas, aínda que ninguén sabe quen as plantou.
O libro gustoume moito porque vese reflectida a esperanza do home e o cariño co que fai as cousas.

A Carolina Gulías tamén lle gustou o libro polo de cariño á natureza que este transmite.

28/02/11

Con "A caixa de cartón"


En febreiro falamos de inmigración. E o álbum que nos serviu para debater sobre este tema foi A caixa de cartón.

Isto é o que opina Nerea García Vázquez sobre este libro:

É un libro triste que está baseado na realidade: a xente que todo o temos rímonos dos que pouco teñen. Neste caso, unha xente que sobreviviu a unha tempestade no mar, con caixas de cartón como casas, dannos unha lección de vida. Como gardar os recordos nunha caixa de cartón.

Guadalupe Barreiro di que este foi un dos libros que máis lle gustou, xa que relata unha historia de tristura pero aínda así cabe a esperanza e a ledicia.

Carolina Gulías volve a redundar na tristura do relato.

25/01/11

Analizando o nazismo


No mes de xaneiro comezamos a quenda dos álbums ilustrados.
O primeiro libro escollido foi Fume para falar da Segunda Guerra Mundial, xunto con "A historia de Erika".


Nerea García Vázquez opina de "Fume":

Esta historia tamén é triste e real. Baséase na Segunda Guerra Mundial, na que secuestraron a moitas familias xudías e xitanas e as meteron en campos de concentración. Neste horrible lugar fanse dous nenos amigos, que acabarán morrendo, tal como sucede na realidade, na cámara de gas.

Guadalupe Barreiro cre que o libro reflicte moi bena dor das guerras e das separacións familiares.

Carolina Gulías cre que o libro serve para achegar máis o coñecemento da Segunda Guerra Mundial e como o pasaban as familias.

Respecto á "A historia de Erika", Guadalupe di que o principio é triste pero que lle gustou porque Erika conta orgullosa a proeza dos seus pais por salvala, por iso cre que no ceo as estrelas son a imaxe da valentía dos seus pais. Porén, a Carolina, o libro non lle gustou.

23/12/10

Arredor de "Tristes Armas"


A reunión do mes de decembro foi moi especial, xa que xuntamos os dous clubs de lectura, comemos na biblioteca a comida de nadal e falamos de Tristes Armas. Un libro que nos levou a falar da Guerra Civil, da separación dos pais, da fraternidade, de sentimentos... Tivo moito éxito entre o alumnado, que unha vez máis opinou que remataba "mal".
Carolina Gulías opina que o libro é moi triste pola temática en si, pola separación das nenas e dos pais.
Guadalupe Barreiro di que o libro non lle gustou tanto coma outros porque prefería que o final fose mellor.
Carolina Gulías está de acordo con Guadalupe.

26/11/10

Arredor de "A piragua"


O martes 23 xuntámonos co club de lectura de 2º ciclo para falarmos de "A piragua", obra de teatro de Cándido Pazó editada por Laiovento.
O libro seica lles encantou, algo que intuiamos porque é, realmente, unha pequena obra mestra. Mágoa non ter a obra de teatro gravada para pórlles o vídeo. Eu, que tiven a sorte de vela representada en Ribadavia o verán pasado, fiquei namorada da obra.
E é que non podiamos ter mellor elección para este mes, e máis para estas datas, que esta obra que aborda o tema da violencia de xénero dun xeito tan descarnado e brutal. Con saltos no tempo e cun atmosfera diferente, semella que en lugar de estarmos lendo unha obra de teatro estivésemos lendo unha novela ben artellada onde cada frase é insustituíble.


25/11/10

A piragua


Comentario de Sarai López:

É un libro moi fácil de ler por ser unha obra de teatro. Gustoume moito porque conta a historia con certo sentido do humor e ao mesmo tempo trata un tema moi importante na nosa sociedade, como é a violencia machista ou a violencia contra a muller.
Tamén me gustou porque mete un teatro dentro doutro, é dicir, hai tres persoas que son actores e actrices, ou cando menos desexan selo; mestura dous tempos diferentes e ten espazo para unha historia de amor.
Un libro moi completo.


Comentario de Carmen Campos:

Pareceume un libro que expresaba moi ben o que é a violencia de xénero, e ademais explícao dun xeito amento. É un libro moi sinxelo de ler e recoméndollo a todo o mundo.


19/11/10

A casiña azul

Nerea García Vázquez opina deste libro:

Este libro gustoume porque dalgún modo fala de casos reais. O maltrato e a violencia de xénero son dous dos problemas máis frecuentes na sociedade española que se poderían evitar.
Eu como muller non entendo a reacción por parte dos homes pero tampouco entendo por que a muller non reacciona.
Quizais se as leis foran máis estritas e duras, o número de mulleres asasinadas, 62 no que levamos de ano 2010, reduciría considerablemente.
Tamén estaría ben que unha muller maltratada escribise un libro para demostrar o inferno no que viven.

Guadalupe Barreiro di:

Gustoume o libro porque reflicte a vida dunha nena e os continuos malos tratos do pai, e ao mesmo tempo gustoume a parte de misterio da casa que cambia de cor polas noites.
O que me pareceu moi ben foi que lle quitaran a custodia da rapaza ao pai, xa que non a merecía.

Carolina Gulías afirma:

Pareceume ben que lle quitasen a custodia da nena ao pai. Non merece o cariño da filla.

18/11/10

Arredor de "A casiña azul"


O martes día 16 deste mes xuntámonos por primeira vez co club de lectura de 1º ciclo para falarmos arredor de "A casiña azul", escrito por Sandra Comino e publicado pola editorial Galaxia. O libro xira arredor da violencia exercida sobre unha nena por parte do seu pai, o medo, a mentira, a vergoña. De todo isto falamos este día onde as nenas de 2º de ESO por primeira vez se xuntaban arredor dun libro para esmiuzalo e tirar as aportacións que cadaquén tiña dentro de si.
O libro foi escollido este mes por precisamente tratar o tema da violencia de xénero.
Seica lles gustou moito, un acerto de primeiras sempre é propicio!

03/11/10

Comezamos

Unha nova andaina para este noso club de lectura que semella "itinerante" estes últimos anos. Con novas lecturas, con novo alumnado, con novas enerxías, botamos a andar este curso en Forcarei con 3 clubs diferentes: un de primeiro ciclo da ESO e un de segundo ciclo; ademais, tentaremos levar un de lectura en voz alta para alumnado específico e onde explotaremos, sobre todo, o álbum ilustrado.
Xa que o mes de novembro é o mes sinalado como "Contra a violencia contra a muller", os libros iniciais xiran arredor deste tema:
"A casiña azul"
"A piragua"

18/06/10

Con María Reimóndez

A última reunión do club foi tan especial que marchamos de excursión a Vigo. Nun día totalmente esgotador e caloroso, coñeciomos a María Reimóndez, de que leramos O Club da calceta, e con ela falamos, cansos, de mulleres e homes, de machismo, de diferenzas sociais, de ONGs, da vida...
Sabiamos que María estaba facéndonos un grande favor por nos atender, posto que xa cansara de falar deste libro, polo que lle estamos dobremente agradecidas.
E tamén, como non, agradecidas a Beni por nos prestar a súa biblio e por agasallarnos coa súa presenza. Quizais noutra ocasión poidamos xuntar ambos clubs de lectura.