02/06/09

Con Alberto Lema

Hoxe celebramos a que pode ser a última reunión do noso club. Despois da lectura tan interesante que nos proporcionou "Unha puta percorre Europa", tivemos a sorte de departir co seu autor o por que e a súa propia opinión sobre a novela, o feito de narrar e moitos outros temas de actualidade, coma a música, a televisión, a literatura galega... E todo isto, mentres comiamos, posto que a súa xenerosidade foi tal que veu ao noso centro a mediodía, único momento da súa xornada laboral en que quedaba libre. Non poderemos pagar nin agradecer suficiente o seu sacrificio e bondade. Moitas grazas, Alberto, e ata sempre.



Grazas, Ernesto, por traénolo.

Unha puta percorre Europa

Comentario de Andrea Díaz

"Unha puta percorre Europa"? Pero Gracia, que me das?

Dúas feministas lesbianas á morte; fanse pasar por putas para reivindicar dun xeito bastante radical os dereitos da muller.
Capítulos curtos, fáciles de ler, vocabulario sinxelo, divertido, unha lectura desordeada na que á medida que vas chegando ao final vas esperando que todo se solucione nun gran capítulo esclarecedor, pero non. Iso está ben.
Despois de lelo, páraste a pensar e pensas realmente que un libro así pódese chamar: "Unha puta percorre Europa"

Unha puta percorre Europa

Comentario de Susana Cumbraos


Unha puta percorre Europa
Alberto Lema
Galaxia


Unha puta percorre Europa é un libro feminista. Un libro que defende os dereitos da muller dun xeito brusco. Maneiras agresivas de obter a liberdade da muller.
O poder como un obxecto sexual.
Na historia exponse a idea de dúas mozas que pretenden sufocar a desigualdade. Acabarán cos homes que tratan ás mulleres coma seres inferiores, seres sometidos ao sexo masculino.
A trama é moi entretida posto que entrelaza a novela policíaca coa amorosa coa feminista.
O final é totalmente sorprendente. O autor conseguiu despistarme!

Unha puta percorre Europa

Comentario de Antía Iglesias

Gústame moito o libro pois a división dos capítulos fai que sexa de lectura rápida e o tema que trata é moi interesante.
Trátase dunha reinvidicación dos dereitos das mulleres dun xeito un tanto especial, duns personaxes curiosos, cada un agocha unha personalidade moi diferente e intrigante.
Aínda que o final é moi raro, gustoume moito.

01/06/09

Unha puta percorre Europa

Comentario de Thalía Troitiño


Este libro gustoume, non só pola historia, senón tamén porque foi collelo e querer rematalo. Lese moi rápido e é fácil de entender.
Só co título que ten xa invita a lelo, polo menos en min espertou moita curiosidade. O feito de ter uns capítulos tan curtos fai que sigas lendo sen darte conta de que tan ben podes estar empezando como rematando.
Creo que a historia en si xa chama a atención, pois dúas lesbianas que se fan pasar por putas e que matan aos seus clientes xa é sorprendente. Creo que é un xeito moi sutil de informar como está a sociedade.
Recomendo este libro porque se que vai gustar a todo o mundo

31/05/09

Unha puta percorre Europa

Comentario de Carla Gómez Ferradás

É unha novela bonita na que dúas mulleres comezan a matar "clientes" da prostitución. Son dúas feministas que loitan polos dereitos que lles corresponden, xa que as mulleres polo simple feito de selo, teñen menos dereitos cós homes.
Ao desenvolverse en Santiago faise máis cercana.
Gustoume moito

30/05/09

Unha puta percorre Europa

Comentario de Agustina

Que dicir deste libro? É unha novela curta e sinxela, e enganchoume nada máis ler o título. A que é rara? Pois o título...
Gustoume a sinxeleza do libro, poucas páxinas perfectamente construídas. Gustoume a historia, as protagonistas, o que elas querían, polo que se facían pasar... O feito de seren lesbianas constituíu unha sopresa que me impactou.
O libro encantoume

24/05/09

Fume

Agustina cre que...

Alucinada. Esa foi a miña cara cando a profe de galego nos veu con este libro. Pensei que xa non estabamos en idade... Tanto debuxo e tan pouco texto!!!
E tan pronto comecei a lectura, as primeiras páxinas, os primeiros debuxos... ENCANTOUME!!!
Este libro é moi simple e curto, pero despois de ler cada páxina a miña maxinación saía de min tentando facer as páxinas máis extensas pola miña conta. Ademais, eu estiven en Auswitch. E iso axudoume a maxinar e comprender mellor o libro.
Gustaríame que o lésedes. É unha pasada.

23/05/09

Fume

Comentario de Carla Gómez

Simplemente terrorífico
É incrible o que se fixo e aínda se fai con moita xente tratándoa así. Como somos os seres humanos capaces deste tipo de atrocidades? Como somos quen de mirar para outro lado?
O libro é precioso. Porén, eu non teño palabras.

19/05/09

Fume

Comentario de Andrea Díaz

É incrible a cantidade de cousas que se poden sentir en só tres minutos que leva follear as páxinas deste libro.
Na historia, tan importantes as palabras coma as ilustración.
Sinxelo.

18/05/09

Fume

Comentario de Thalía Troitiño

Este libro gustoume xa que reflicte moi ben o que viviron moitas persoas cos nazis.
Ten unha maneira de combinar a pouca letra que ten, pero que á vez di todo o necesario, cuns grandes debuxos. Son debuxos escuros, que case carecen de cor, pero que amosan a tristeza e os horrores que nos campos de concentración se vivía.
Cada un dos debuxos que aparecen, fixéronme reflexionar longamente na tortura de vida que estas persoas pasaron alí.
Un dos que máis me gustou foi no que aparecen as "casas da cheminea". Un xeito tan simple de amosar a morte de miles de persoas: saíndo por esa cheminea.
O final gustoume polo feito da inocencia dos rapaces, estes van camiño da morte sen sequera decatarse. O protagonista só agarda a que a súa nai non se enfade nin se preocupe por non estar na casa cando ela chegue. A inocencia e a crenza de que vai volver.
Recomendo este libro non só polo argumento, de grande importancia, senón polas ilustracións tan fascinantes que contén. Un libro que se le en apenas dez minutos pero do que podes aprender moito. Moito.

22/04/09

Encontro con Miguel Anxo Murado

Que sorte temos neste club! Non só lemos lecturas que nos ensinan e sorprenden, que nos fan reflexionar sobre os Dereitos Humanos, sobre a sorte que temos por estar a vivir aquí, por tocarnos esta vida... senón que tamén recibimos de primeira man información sobre o libro escollido: podemos dialogar co escritor e presentarlle as nosas dúbidas, as nosas reaccións ante o escrito, as preguntas que xorden...
Desta volta lemos Fin de século en Palestina: un documento de primeira man sobre o que acontece en Israel e en Palestina. E ademais do que aprendemos co libro, Murado contounos o que neste non aparece e el viviu alá: os odios, os amores, as relixións, as batallas. Un día a día cheo de anécdotas que amablemente compartiu connosco mentres nos abraiaba coa súa conversa doce e amble, co seu sorriso...
Quedámonos con moitas cousas: cos fundamentalismos, coa idea errónea dunha sociedade israelí avanzada, co po meténdose polos recunchos, co medo, coa educación dos palestin@s... e moitas outras cousas que permanecerán na nosa memoria.




Moitas, moitas grazas, Miguel Anxo, por todo o que nos deches.
Grazas, Fernando e editorial Galaxia por permitirnos este luxo.

Ruído


Comentario de Antía Iglesias Otero

Ruído
Miguel Anxo Murado
Galaxia



É a mostra dos relatos do día a día dunha guerra.
Os que máis me gustaron foron "Ruído" e "Insomnio". O primeiro é un relato contado por xornalistas no que se fala da morte de xente inocente, que non ten nada que ver cos enfrontamentos. O segundo transmite a dor que tamén senten os que están loitando fronte á morte de xente inofensiva.

16/04/09

Fin de século en Palestina

Enma dinos que...

Ao darme o profe o libro e velo tan groso quitoume un pouco as ganas de lelo, pero tras escoitar varios comentarios positivos cara el comecei a lelo.
O libro é como un diario que mostra perfectamente o día a día da guerra en Oriente Medio.
Quizais o que máis me gustou do libro é a adaptacion do autor aos continuos bombardeos e a maneira de narralos.

15/04/09

Fin de século en Palestina


Comentario de Antía Iglesias Otero


Fin de século en Palestina
Miguel Anxo Murado
Galaxia


É a mostra da realidade dos conflitos das guerras actuais, por iso este libro foi especial, porque ás veces méteste na pel do narrador e vives cos continuos bombardeos e experimentos a guerra.
É impresionante o xeito de reflectir como son capaces de durmir co estoupido das bombas e o modo no que estas se converten nalgo normal e diario.