08/11/13

Club de Lectura do primeiro ciclo da ESO (I)

 Inauguramos este curso un Club de Lectura para o primeiro ciclo da ESO. A profe que o leva é Celia Lamela. A temática: o relato curto.

Nesta primeira xuntanza de onte comentamos dous contos incluídos no libro Ai, Filomena, Filomena e outros contos, de Miquel Obiols, ilustrados por Miguel Calatayud e editados por Kalandraka. As historias escollidas foron "A Terra está na Lúa" e "A mesa encantada". Calquera das dúas caracterízase polo seu fondo lirismo, no ámbito dunha narrativa poética e un tanto "naïf". Ese lirismo vese acrecentado polas espléndidas ilustracións de Miguel Calatayud, nas sempre preciosistas edicións de Kalandraka.
"A Terra está na Lúa" permitiunos a rapaces e profesoras situarnos na tesitura dun planeta que se subleva e ten todo o dereito do mundo na súa subversión. A Terra "enrabéchase" con causa, xa que homes e mulleres non deixamos de agredila. O conto deu pé a unha reflexión sobre as múltiples formas de agresión humana: as guerras, a devastación dos recursos planetarios como se fosen inesgotables ou ilimitados, o consumo sen xeito e que non responde a necesidades reais das persoas... Puidemos atender tamén á especial disposición tipográfica do texto, profundamente poética e vangardista, na que as formas tratan de reproducir os efectos evocados polo significado.
"A mesa encantada" é un conto presentado desde unha perspectiva narrativa insólita, a dun obxecto que fala sobre a súa xenealoxía e a súa historia autobiográfica. Como en toda biografía que se precie, o "laboratorio amoroso" é fundamental e esta mesa de carballo non deixa de falar sobre as sensacións que lle imprime no corpo o seu primeiro amor ou sobre os soños de liberación asociados ao encontro amoroso. A saudade tamén ten cabida neste conto, que rezuma tenrura. Na literatura todo é posible e ata os obxectos falan, aman e soñan...

Ningún comentario: