28/11/13

A nosa reunión de onte, en Caderno da Crítica

Pouco máis que podo dar as grazas por vivir a experiencia, garimosa e raiana coa emoción, que me brindou Gracia Santórum como coordinadora do Club de Lectura que se xunta nas instalacións da Biblioteca Municipal Daniel Castelao de Silleda.
       Atopar un grupo de persoas interesadas nas dimensións que suscita a figura de Celso Emilio Ferreiro a través da lectura de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro é, non o dubido, unha das satisfaccións máis grandes que me puido dar este libro.
     Grazas, pois, pola xenerosidade e o agarimo de todas as persoas que asistiron e das responsables políticas e técnicas que tamén asistiron e polos seus agasallos. Grazas en especial a Luís Ferreiro, unha vez máis, e de novo a Gracia, Xosé Villar e Matías Rodríguez pola conversa e mais polo raxo que tan ben axudou a escorrentar o frío.

Grazas, Ramón Nicolás

A primeira reunión do club, na prensa

O Faro de Vigo de Deza recolle hoxe a nosa reunión de onte:


El club de lectura de Silleda dedicó ayer una sesión a la figura del escritor celanovés Celso Emilio Ferreiro a través del análisis de su biografía, escrita por Ramón Nicolás Rodríguez y titulada Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro. Al acto, celebrado en la biblioteca municipal Daniel Castelao, acudió el hijo del fallecido escritor y presidente de la fundación que lleva su nombre, Luis Ferreiro, que aportó su visión personal sobre la vida y obra de su progenitor.
Nicolás y Ferreiro fueron recibidos antes del encuentro por la edil de Cultura, Margarita Campos. La reunión brindó la oportunidad a los asistentes de conocer de primera mano el trabajo literario y político de Celso Emilio Ferreiro, tomando como referencia no solo los datos aportados en la biografía sino también por su propio hijo.

Unha noite inesquecible




Se agardabamos con ilusión a chegada de Ramón Nicolás e Luís Ferreiro, a despedida foi un clamor. O encontro deste noso club de lectura foi tan especial que todas e todos gardarémolo no noso recordo, ben seguro.
E quedamos coas palabras de ambos:

. Ramón Nicolás:
Esta biografía non tería sido como é se non fose pola Fundación Celso Emilio e o seu fillo, quen conservou os documentos do autor..
Confesou este que á hora de redactar lle dera moitas voltas porque non tiña certo como enfocalo. Que facer con tanta documentación? E así recomendounos a biografía Eba diante dun xuíz ausente, xa que lle serviu de inspiración.
A estrutura da biografía está baseada nas cartas. O corpus epistolar é inmenso, pero non temos as cartas emitidas por Celso Emilio polo que tivo que facer un exercicio de reflexión para tentar saber cales eran respostas ou as cartas previas do escritor.
Insistiu Ramón Nicolás que este libro non é del só, senón que tamén o é do fillo, Luís, e doutras persoas que entrevistou, xa que as entrevistas foron determinantes e moi ricas para el como experiencia. Así que, asegura, é un libro coral porque hai moitas voces.

. Luís Ferreiro:
Non queriamos unha haxiografía nin unha louvanza. Si tiñamos claro que todo o que se dixese no libro debía estar ben documentado, xa que todos os documentos son públicos e todos eles serven para contrastar o que se diga na biografía. Asemade, queriamos dar resposta a todas as trolas da "cultura oficial" galega.
A biografía, aínda así, está incompleta porque van aparecendo máis datos e máis cartas desde que se publicou. Mesmo había dous capítulos máis preparados que non saen no libro por mor do seu grosor: que ocorreu con Celso Emilio dende a súa morte?

. Ramón Nicolás:
Fóra de reflectir un acto político ou literario quería trazar o perfil do ser humano. Porque Celso Emilio era unha persoa de carne e óso, con contradicións como calquera outra persoa.  A este respecto, non houbo xamais ningunha imposición por parte da Fundación.
A figura de Celso Emilio é unha das máis grandes iconas da Literatura Galega fóra de Galicia. É o primeiro escritor galego coñecido grazas ás edicións bilingües daquela época.

. Luís Ferreiro:
Moraima tiña un criterio literario determinante na publicación dos poemas de Celso Emilio e do seu pulimento.

27/11/13

Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro

Con moita ilusión agardamoRamón Nicolás, autor do libro escollido para comezar este segundo curso en compañía: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro publicado por Xerais. Unha visita que vén con sorpresa incluída!
s hoxe no Club de Lectura de adult@s a visita de
Se hai unha biografía dun autor que peche a posibilidade de seguir investigando esa é esta. Ramón Nicolás non deixa un petisco sen profundar, sen analizar, sen ofrecernos absolutamente toda a información posible. E faino de tal xeito que, finalmente, será imposible non amar a poesía deste poeta que se sitúa no cume máis alto da Historia da nosa Literatura. Saberemos coa lectura deste libro da infancia de Celso Emilio en Celanova, da súa participación na guerra, do seu exilio, da volta a Madrid. Todo iso, máis coñecido, estará rodeado de moitísima máis información que a maioría dos mortais descoñeciamos; teremos, agora, unha visión completa da loita que supón unha vida como a de Celso Emilio.
Pero quizais o que máis sobresaia da lectura dunha biografía sexa que leamos este libro coma se fose unha novela, e aí radica precisamente a maxia que lle infire Ramón Nicolás á escrita: sabe que achegarse a un ensaio sempre é máis difícil do que o é unha novela e é quen de transformar ambas nunha narración biográfica áxil e entretida. Asemade, Ramón Nicolás, dende o respecto e o amor a esta figura, pode maxinar escenas que o papel nos transportará para vivilas canda Celso Emilio.

Unha das integrantes do noso club é mai dunha miña alumna de 1º de Bacharelato. O outro día pregunteille en clase se a súa nai lera o libro. A resposta, chea de cariño e ledicia da nena foi: "Miña nai está pesadísima. Di que está namorada de Celso Emilio e que quere ler toda a súa poesía". Fiquei feliz. Iso significa que a elección foi axeitada e que o club serve para... moito, moito!!! E para ela vai este pensamento de Celso Emilio: os poetas son “desenversados” porque os seus versos permanecen para sempre.

“A casa vai ficando baleira. Hai moito rebumbio nela, todo remexido, todo fóra do seu sitio en ben de tarecos esparexidos que non se sabe aínda se irán a parar aos baúis ou cumprirá desfacerse deles de vez..., semella como se levantasen o campamento logo dunha longa tempada instigando o inimigo, por riba este raro calmizo que reina nun estraño mes de maio como este.
CEF senta no seu despacho minúsculo da casa, hoxe máis escuro e tenebroso ca nunca; a mesa xa varrida dos poucos enseres que sempre tivo arriba dela, os andeis da biblioteca só deixan ver a poeira que delimitaba a posición dos vellos libros agora metidos en caixas, pasa un dedo pola madeira mentres prende outro cigarro...”

08/11/13

Club de Lectura do primeiro ciclo da ESO (I)

 Inauguramos este curso un Club de Lectura para o primeiro ciclo da ESO. A profe que o leva é Celia Lamela. A temática: o relato curto.

Nesta primeira xuntanza de onte comentamos dous contos incluídos no libro Ai, Filomena, Filomena e outros contos, de Miquel Obiols, ilustrados por Miguel Calatayud e editados por Kalandraka. As historias escollidas foron "A Terra está na Lúa" e "A mesa encantada". Calquera das dúas caracterízase polo seu fondo lirismo, no ámbito dunha narrativa poética e un tanto "naïf". Ese lirismo vese acrecentado polas espléndidas ilustracións de Miguel Calatayud, nas sempre preciosistas edicións de Kalandraka.
"A Terra está na Lúa" permitiunos a rapaces e profesoras situarnos na tesitura dun planeta que se subleva e ten todo o dereito do mundo na súa subversión. A Terra "enrabéchase" con causa, xa que homes e mulleres non deixamos de agredila. O conto deu pé a unha reflexión sobre as múltiples formas de agresión humana: as guerras, a devastación dos recursos planetarios como se fosen inesgotables ou ilimitados, o consumo sen xeito e que non responde a necesidades reais das persoas... Puidemos atender tamén á especial disposición tipográfica do texto, profundamente poética e vangardista, na que as formas tratan de reproducir os efectos evocados polo significado.
"A mesa encantada" é un conto presentado desde unha perspectiva narrativa insólita, a dun obxecto que fala sobre a súa xenealoxía e a súa historia autobiográfica. Como en toda biografía que se precie, o "laboratorio amoroso" é fundamental e esta mesa de carballo non deixa de falar sobre as sensacións que lle imprime no corpo o seu primeiro amor ou sobre os soños de liberación asociados ao encontro amoroso. A saudade tamén ten cabida neste conto, que rezuma tenrura. Na literatura todo é posible e ata os obxectos falan, aman e soñan...