30/06/15

Historia das mulleres galegas

O últimos libro deste curso, xa rematado, foi o pequeno e interesante Historia das mulleres galegas de Pepe Carreiro. Resultou curioso como todos os membros do club chamaron a atención sobre un mesmo punto: o machismo vén de mooooito atrás, non é algo inventado de novo, é tan antigo como a Humanidade. E pregúntase por que. Pero sobre todo pregúntanse ata cando.




Un libriño que é todo un acerto porque espalla con entusiasmo un coñecemento ao que debemos achegarnos. Compaxinando banda deseñada e textos breves, estes de carácter reflexivo mais marcado polos principios da sinxeleza, a ironía e mais a suxestión para abrir novos focos de interese tras a lectura, achega cun tratamento de “parodia histórica” vivencias que protagonizaron mulleres do común e que sostiveron, desde o anonimato ao que as condenou e condena a historia, o mundo tal e como o coñecemos.


18/06/15

Funambulistas


O último libro deste curso foi Funambulistas de Mercedes Leobalde, a quen lle damos as grazas por vir ata aquí, sobre todo logo da penosa e traballosa viaxe que realizou xa que quedou sen coche a metade de camiño. Canto o sentimos! Pero ben pagou a pena falar con ela de todos e cada un dos seus relatos, de como comezou a escribilos, que lle empurrou a facelos... Foi unha noite ben agradable na súa compaña!




Funambulistas é un monllo de relatos ou microrrelatos -vinte e seis- que non deixa indiferente e, o que resulta aínda de máis valor, paga a pena lelos todos. Orixinalidade, sorpresa, estilo, ironía, ligazóns, parodia... de todo hai neste libro. E vaia por diante que o acollín con certa reserva porque eu prefiro ler novela. Porén, abraioume a profundidade, a exactitude das situacións, as ligazóns que establece en ocasións entre uns relatos anteriores e outros posteriores... a metáfora da vida que nos devora e que no libro vai marcando un ritmo pausado e nunca esgotador, ofrecéndonos moito para cavilar. Paseamos por temas tan importantes como a violencia de xénero, a moral católica, a maternidade adolescente... e mentres lemos decatámonos de que a autora é capaz de mesturar estes temas co humor, con distancia, con brevidade.

13/06/15

Clausura XII bienal Laxeiro


No noso afán de vivir novas experiencias e de trasladar á sociedade a cantidade de actividades que un club de lectura pode realizar, colaboramos co encargado do museo "RAmón Mª Aller" na Clausura da XII Bienal "Pintor Laxeiro" con lectura de poemas insertados na conferencia do filósofo Santiago Losada Carregal.
O acto foi mesmo portada do Faro de Vigo e nova no seu interior, tal como consta aquí.



 

04/06/15

Febre

Curiosamente, este foi o libro que menos gustou a todos e cada un/unha dos compoñentes do club. Algúns, mesmo non o remataron, xa que saben que un dos seus Dereitos é non proseguir unha lectura que disgusta. Falamos de igualdade da muller, de posguerra, da Segunda Guerra Mundial, da falta de escrúpulos, do Amor, da vinganza…  Pero non convenceu. A pesar do meu ánimo!!!