30/01/09

Primeira reunión deste curso 08-09

Se o curso pasado o noso club de lectura tiña como misión falarmos da situación do Sáhara e que o noso alumnado chegase a comprender as inxustizas cometidas con ese pobo esquecido, este curso o noso club de lectura segue unha liña semellante e o noso propósito é falarmos dos Dereitos Humanos, sempre a través de diferentes libros que traten calquera dos seus aspectos.
Os primeiros libros escollidos son froito da casualidade: son un préstamo interbibliotecario: O carteiro de Bagdad e Ninguén está só.

A pesar das inclemenzas do tempo, hoxe pola tarde reunímonos para comentar os dous libros de lectura que foron a nosa primeira proposta e que constituíron un préstamo das amigas do IES Río Cabe; grazas a elas todas as compoñentes do club de lectura tiveron tempo para a lectura dos dous libros. Pero como nada sae como se programa, esta tarde falamos só dun dos dous libros, xa que faltaba moita xente. E comezamos falando de O carteiro de Bagdad de Marcos Calveiro. Eu temía que lles parecese un libro moi infantil e sorprendeume a resposta unánime dos membros alí presentes: non só non lles pareceu infantil senón que lles encantou a todas elas. Porque é un libro realista e sensible, porque describe as inxustizas da guerra, como a relixión se interpón no diálogo entre os humanos, como a amizade pode traspasar barreiras... Un éxito rotundo, vaia.
Para falarmos de Ninguén está só reunirémonos en breve.

23/01/09

Ninguén está só

Carla opina:

É un libro moi bonito que nos fala dos Dereitos Humanos a través de anacos ou historias de libros de diferentes autores. Por exemplo, o mítico Barbazul e a súa historia sanguenta.
O que me chamou moito a atención é "A memoria dos soños" de Agustín Fernández Paz, que conta a historia do libro Noite de voraces sombras tamén del e que foi un dos libros máis marabillosos que lin, xa que fala da época da guerra civil aquí en Galicia e de todo o que sufriron aqueles que defendían os dereitos e a lingua dos galegos e que tan só querían ensinarlla á xente.

22/01/09

O carteiro de Bagdad


Comentario de Antía Iglesias Otero


É unha impresionante historia de como é a vida nun país en guerra: Irak. A familia de Abdulmahid encarna o perigo de algo tan normal como ir ao colexio, saír a xogar, ou mesmo durmir pola noites co ruído de bombas ou disparos.
É unha descrición da realidade do día a día e da angustia que están a sufrir todas as persoas que habitan países en guerra.

Eu pregúntome como se pode sobrevivir así. Ata que punto nos acostumamos a este tipo de situacións.

Ninguén está só

Comentario de Antía Iglesias

Un conxunto de fermosas historias, así é como o resumiría. Encantoume "Electrocardiograma plano", para min a mellor das historias de todo o libro, cun final impactante.
A calquera persoa lle vai encantar este libro porque ten de todo.

21/01/09

Ninguén está só

Comentario de Thalía Troitiño


Gustáronme todos os relatos pero o que máis me engaiolou foi o de Agustín Fernández Paz. O feito de que conte a historia dun profesor, e a situación que se vivía antes, durante e despois da guerra é algo que me apaixoa. Isto é porque considero que estes sucesos, a guerra civil española, é algo que tod@s debemos coñecer, pois iso non debe repetirse nunca. Non podemos permitir que nos goberne alguén que só pretende o ben propio e só respecta a aquele que teñen as súas mesmas ideas.
A palabra xustiza existe para algo, non está simplemente para oíla, lela ou escribila, senón para que esta se practique.
Outro dos relatos que me gustou moito foi o de Antonio Reigosa, pola orixinalidade con que está escrito. Amósanos como a vida dalgunhas persoas é tan fácil e doutras non o é. O branco cruza o mar por mor de sona ou cartos, por un récord, o negro faino por supervivencia xa que o seu país non lle ofrece recursos para sobrevivir.
Recomendo este libro pois ten historias moi bonitas e que merecen ser lidas, pois como ben di o poema de José Agustín Goytisolo

Ninguén está só. Agora
neste mesmo instante
tamén a ti e a min
nos teñen atados das mans.

Porque mentres nós nos lembremos do que pasa no mundo e do que moita xente está a vivir, non será un simple recordo senón persoas que loitan polas súas vidas.

20/01/09

O carteiro de Bagdad


Comentario de Carla Gómez Ferradás


Creo que este libro intenta amosarnos que por moitos problemas que teñamos, a familia e os amigos entás contigo en todo momento.
Á parte da guerra que está a vivir, a familia do protagonista ten que saír adiante. Día a día angústianse máis pola sorte que correrán pero deben enfrontarse ao seu día a día.
Por outra parte está a amizade, por moito que fosen de diferentes relixións a amizade continúa.
Logo tamén están os problemas que sofre o protagonista que está perdendo a súa infancia, a ledicia de xogar ou de ir ao colexio a aprender cousas novas por culpa dunha guerra que está destrozando o país.
A guerra é o peor que existe no mundo.

19/01/09

O carteiro de Bagdad


Comentario de Thalía Troitiño


O libro gustoume pois a historia pareceume apaixoante e moi sentida, xa que a situación que alí se está a vivir é tremenda. Vivir no medio da guerra é algo totalmente abrumador. Todas as persoas ven limitadas as súas liberdades e dereitos. Por exemplo, o gran protagonista desta historia é un neno que por culpa do que está a pasar está perdendo a súa infancia. El xa non pode ir á escola nin tampouco saír a ningún sitio, pois en menos de nada pode ser sorprendido por unha bomba. Nin sequera pode estar co seu mellor amigo, debido ás diferentes relixións.
Sorprendeume que non tentaran saír da cidade e marchar a un lugar seguro, pois aínda que non teño moitos cartos, si tiñan quen os podía axudar.
Valorei moito que o protagonista cumprira a promesa que lle fixera a seu pai cando este estaba mal. Sen dúbida ningunha, a parte que máis me gustou foi cando os dous amigos se volveron atopar, pois sen importarlles que os pillaran corren o risco de axudarse mutuamente.
E foi delicioso que a nai se atrevese a descubrir a cara.
Recomendo este libro pois é unha historia que fala da guerra pero tamén exalta os valores do amor, da amizade...