26/05/17

Entre Sapos e Sereas

A última reunión do club de lectura de adultos celebrouse onte e veu acompañada de Ana Cabaleiro e o seu libro de relatos Sapos e Sereas.
Unha vez máis, un pracer compartir o tempo coa escritora.
No Faro de Vigo.


19/05/17

Educando no feminismo

 A reunión de varios clubs de lectura, todos eles pola igualdade da muller, foi para celebrar e comentar estes dous pequenos libros de Chimamanda Ngozi Adichie:  Todos teriamos que ser feministas, unha reflexión sobre o feminismo e a súa existencia necesaria e incondicional. A autora fala dende unha dobre condición, a de muller e a de africana, polo que seguramente sabe máis de desigualdade que outras moitas persoas. Esta conferencia baseouna, por tanto, en como semella imposible non ser feminista nun mundo que nega a igualdade, ou sexa, dereitos humanos básicos, á metade da poboación.
No libro fala de variadas cousas, dende aclarar que o feminismo non é contrario ao machiscmo, do que significa, das connotacións negativas que arrastra, da necesidade de seguir loitando pola igualdade... Relata asemade algunhas experiencias persoais que sufriu como muller e como muller negra, resaltando que son tan só un exemplo máis, porque hai miles. E eses miles de exemplos deixan claro que os homes non reciben o mesmo trato cás mulleres. A solución? A educación. Só con esta seremos quen de construír unha mellor cultura e respecto.
E o outro libro do que falamos foi: Querida Ijeawele. Cómo educar en el feminismo. Un pequeno manual para unha amiga que vén de ter unha nena, un libro con sentido común que a autora desprega en 15 suxestións para educala como se debe, é dicir, educala na igualdade. Estas suxestións pasan por varias reflexións, como algo que a priori podería semellar tan evidente como non dicirlle a unha nena que non pode facer algo por ser simplemente iso, nena; fala dos prexuízos sociais, das cores da roupa, dos xoguete, da maquillaxe, da sexualidade.
Fala de Educación, con maiúscula, porque esa palabra leva dentro outras moitas, como respecto, amor, lectura, interrogantes, dignidade. A autora, cuestionando a linguaxe, os roles de xénero, o matrimonio ou a obriga de gustar defende así a Educación. Fala asemade, para criticalo, do "feminismo light", ese que se exerce dende a benevolencia masculina pero que non pasa a proba esencial: o cambio de suxeito
 Chama a atención como esta autora fala de racismo e de sexismo e fai fincapé en que este último fai moito máis dano. Ela, que saber o que é ser muller e negra, recorda ademais como o mundo está feito dende unha óptica branca, dende un pelo liso, dende unha estética afastada. Esa estética que non se debe procurar por ser allea.