22/06/13

O remate do club de adultos na prensa

O Faro de Vigo do Deza fíxome unha entrevista por mor de recoller as miñas impresións despois de rematar a andaina deste ano co club de lectura de adultos na biblioteca do concello:

A profesora Gracia Santorum coordina, ademais, o blog "Trafegando ronseis". // Bernabé/Gutier

O Clube de Lectura de Silleda botou a andar en decembro como unha especie de complemento para aqueles pais que non podían acudir ó clube de lectura dos seus fillos matriculados no IES Pintor Colmeiro. A súa coordinadora, a profesora Gracia Santorum, traballa neste tipo de colectivos dende hai cinco anos.
- Tanto no clube do instituto coma no de adultos, cada lectura vén acompañada dun debate sobre o contido do libro e, na maioría dos casos, nun encontro co autor. Isto, sen dúbida, tén que fomentar aínda máis o gusto pola lectura.
-Así é. A min paréceme moi importante que a literatura estea viva. Para achegarlle a literatura á xente nova, hai que botar man dos autores vivos porque, entre outras cousas, coñecelos pode axudar a que algún neno se decida a ser escritor. No caso do clube de adultos, eu propúxenlle ler libros en galego e recoñezo que pode ser unha dificultade, porque moitos dos asistentes ou non se formaron en galego ou non están acostumados a ler nesta lingua. E, ó final, dánse conta de que non é tan difícil ler en galego.
-Na primeira reunión, os 15 asistentes falaron dos seus gostos á hora de ler. ¿Houbo sitio para a poesía, que segue sendo un xénero minoritario?
-Si, lemos a antoloxía Poetízate, na que aparecen dende textos de Rosalía de Castro ata poemas de Dores Tembrás (gañadora do último concurso de poesía do Concello de Carral). Durante estes seis meses, tivemos espazo para a novela, como Enderezo descoñecido, e o ano que vén o primero libro será unha biografía, posto que a un dos participantes lle atrae ese xénero.
-¿Cal é o perfil dos membros do clube trasdezano?
-Temos un pouco de todo. Hai unha persoa xubilada, dúas nais cos seus fillos e un pai coa súa filla. Quero destacar esta cuestión, porque aínda que agora non é moi frecuente, si que é moi importante que as familias compartan lecturas. En contra do que se pensa, os adolescentes de hoxe en día len moito, pero tamén dispoñen de internet e videoxogos e actividades extraescolares, co que hai nenos que están estresados e non dispoñen do tempo suficiente pra ler.
-Fala dunha persoa maior no clube. ¿Hai que fomentar a participación activa dos veciños de máis idade na lectura?
-Sen dúbida, e niso teñen que incidir as bibliotecas públicas. Éstas deben adaptarse ó seu contexto e ós seus lectores. Hoxe en día, coa crise, cada vez acoden máis parados e máis persoas sen teito ás bibliotecas, polo que estes centros teñen que dispoñer de libros, pero tamén de postos de lectura de xornais, de páxinas en internet. Eu sempre digo que a lectura frecuente é o mellor medio que temos para apoderarnos da linguaxe e das súas creacións.

Ningún comentario: