20/12/12

Unha nova proposta

 Imos comezar unha nova experiencia que agardamos dea os seus froitos e sexa do interese daquelas persoas ás que lles apeteza compartir lecturas. Un club de lectura de adultos que realizaremos na biblioteca municipal polas noites, por ser esta céntrica e porque o concello vainos axudar a subvencionar a compra dos libros.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2012/12/23/educacion-club-lectura-biblioteca-silleda/0003_201212V23C99912.htm

19/12/12

...Con locura, amor y malos tratos

Só coñecía este cómic por recomendación de Carme, e foi todo un acerto propólo para este club. É, sinxelamente, xenial. En ...Con locura, amor y malos tratos nárrase a historia dunha parella na que se reproducen estereotipos sexistas que desembocan en distintos tipos de agresións por parte da figura masculina. O feito de escoller as figuras non humanas, por exemplo, paréceme dun gran acerto, tendendo ao mesmo tempo ao afastamento pero tamén ao achegamento da historia. O feito de tantas imaxes en branco, sen nada que dicírense...

O que opina....
Ana Colmeiro Corral:

Aínda que é curto, dá a entender con moita claridade quen é o que manda nunha parella e quen é o que sofre o humor.
Penso que este libro é unha chamada de atención para que tanto homes como mulleres nos deamos conta de que o home toma o poder porque se lle permite facelo.

22/11/12

Persépole

Publicou Rinoceronte recentemente este boísimo cómic de Marjane Satrapi que constituíu o noso segundo libro de reunión deste curso.
Teño que confesar que non houbo nin un só alumno nin alumna que non gozase con esta lectura, un libro que nos axudor a falar de totalitarismos relixiosos e diferenzas que veñen só motivadas por ser muller. Foi curioso como lles custaba comprender que estivesen lendo unha obra autobiográfica que resulta ser ao mesmo tempo un importante testemuño histórico e unha boa documentación sobre mundos, culturas e relixións que lles son alleas.


O que opina....
Ana Colmeiro Corral:

Nada sabía da vida da muller en Irán. Hai un sufrimento que só afecta ás mulleres: o machismo e a violencia de xénero. Mesmo hai mulleres que culpan a outras, sendo elas tan machistas coma os homes.
Supoño que España era así hai décadas.

25/10/12

O diario violeta de Carlota

O primeiro libro escollido para iniciar o Club de Lectura foi o O diario violeta de Carlota de Gemma Lienas, publicado pola editorial Galaxia. Veunos moi ben como libro introdutorio sobre o tema da igualdade.
 O diario violeta de Carlota achega un montón de situacións cotiás caracterizadas polo vesgo do machismo, algo que nin vemos polo acostumados que estamos a convivir con elas. Creo que é un bo xeito de lles abrir os ollos e de dar pé ás novas lecturas que vaiamos confrontando.

E o tempo non chegou a nada. Primeiro, as discusións xeradas entre dous bandos opostos: os rapaces aseguraron que o libro lles pareceu esaxerado e que non é para tanto. As mozas, enfadadas, crían que o libro acerta de cheo.
E as discusións impediron que abordarasemos a situación da muller no deporte, a situación no mercado laboral, etc, etc. 
E é que hai moito que falar sobre o tema.

O que opina....
Ana Colmeiro Corral:

Paréceme un libro moi acertado e quen en verdade che fai ver as cousas das que antes non te dabas conta.
Odio as persoas como o marido de Mercedes que lle tira unha boneca ao seu fillo porque é "de nenas". Ou que cren que "os homes non choran"
Xa sei que hai quen cre que o libro esaxera, pero a min paréceme que o machismo goberna o mundo.





06/10/12

Unha nova andaina

Volvemos ás orixes, ao IES Pintor Colmeiro. Si, este blogue e o seu Club de Lectura xa leva cinco anos lendo, primeiro en Silleda, pero tamén chegou ao Carballiño e logo voou ata Forcarei. Sempre co mesmo espírito: a defensa dos Dereitos Humanos mediante a lectura. Este curso, de volta en Silleda, o tema será o da IGUALDADE da MULLER. Todos os libros versarán arredor deste tema, e o alumnado ao que vai dirixido será nesta ocasión -coido que por vez primeira- 3º da ESO.
Hai que dicir que a iniciativa tivo unha moi boa acollida en 3º ESO-A: apuntáronse 11 alumnas e alumnos, e por vez primeira o noso club terá máis homes ca mulleres. Tratándose ademais deste tema, é todo un éxito.
A última hora, engadiuse unha alumna de 4º da ESO, moi interesada en participar. 
Benvidos a todos e a todas!

22/05/12

Engurras

Cambiamos de terzo e acudimos a un cómic que está a arrasar grazas, en parte, á súa versión cinematográfica. Logo veremos o filme.



Susana Lamas:

Este libro encantoume, sobre todo polas parvadas que fan os vellos. Houbo unha parte na que me sentín un pouco triste porque me recordaba a mina avoa que tiña demencia senil.
Estefanía López Antelo:

Este libro pareceume moi interesante xa que narra a historia dun señor e como pasa de vivir na casa coa familia a vivir nunha residencia de anciáns con completos descoñecidos. Alí faise amigo do seu compañeiro de cuarto

Andrea Garrido:

Este libro gustoume moito, xa que fala da realidade dos señores maiores, da vellice, e da súa soidade; nalgúns casos a familia abandónaos coma se fosen animais, e outros os seguen visitando coma se nada.


Daniel Álvarez:

O libro gustoume porque mostra como un ancián con Alzheimer intenta esquecerse de que ten esa enfermidade. Desgrazadamente hai moitas persoas que teñen esta enfermidade pero o que hai que facer é que esas persoas o pasen ben coma outras persoas calquera.

Katia Gaiteiro:

Este libro pareceume moi bonito e realista porque nos fala dunha enfermidade como o Alzhéimer que hoxe en día está moi presente nas nosas vidas e debemos coidar ás persoas que o sofren porque a calquera nos pode pasar.

20/05/12

Bajarse al moro




Javier Rodríguez García:

Esta obra de teatro gustoume moito ao principio porque é máis cómica pero o final é moi serio e mesmo dramático, ademais non me gusta a crítica á sociedade que subxace.

David Pérez Matanzas:
Este libro non me gustou moito porque é moi aburrido: eu o que quero é ler comedias. O final non o entendín, semella inacabado.
Lino Peleteiro:

Este libro gustoume grazas á parte que ten de comedia. Todos os personaxes gústanme moito, sobre todo a nai de Alberto.

Jonathan Rubia:

A min gustoume moito porque fai rir e fala das drogas, tema ben interesante sempre.

Andrea Mijares:

Este libro pareceume divertido ao principio, ademais de entretido. O final do libro non me gustou porque non foi tan divertido, nin acabou tan ben como eu pensaba. Estes libros así gústanme moito. O meu personaxe preferido foi o de Dona Antonia.

02/05/12

Letras nos cordóns


Outro novo álbum que adquirimos para o club de lectura, inmediatamente:



Susana Lamas:


Este libro encantoume por dous motivos: porque fala da importancia da lectura e tamén porque a nai ponse contenta de que a filla sexa profe e esa profesión é moi importante na nosa vida.

Daniel Álvarez:

Este libro gustoume porque a rapaza sempre está positiva aínda que lle pasan cousas negativas. Gústame tamén porque a rapaza é moi valente e nunca ten medo para ir aos lugares ela soa.

Andrea Garrido:

Este libro gústame moito porque lle dá a importancia á lectura, e a nena pequena maxina as letras en obxectos. A rapaza é moi positiva.

26/04/12

O principio

Tan pronto saíu publicado este álbum, mercámolo para o club.



Susana Lamas:

Este libro gustoume por unha parte e por outra non. 
Primeiro, o optimismo da xente que aínda que non teñan para comer nin para vestir, pero aínda así sacan tempo para disfrutar. Por iso me gustou.
Segundo, non me gustou porque as guerras póñenme moi triste.

Daniel Álvarez:

O libro non me gustou porque conta unha historia terrible na que ocorre unha guerra, e a familia ten que abandoar a súa cidade.

Andrea Garrido:

Este libro pareceume moi bonito, o narrador cóntanos unha terrible historia de guerras, que por sorte nós nunca estivemos nunha, ensínanos como el e a súa familia se quedan sen fogar e se teñen que ir vivir a un coche, xa que non teñen outra alternativas, e como afrontan todo o suceso. As ilustracións son unha pasada.

19/04/12

Las cinco advertencias de Satanás

Quizais a escolla desta obra non foi a máis axeitada: dos erros tamén se aprende. Quixemos aproveitar que existían varios exemplares no centro por non ter que gastar nunha nova, pero xa veredes como as opinións non son moi favorables. A experiencia dicíame que con Jardier Poncela acértase sempre pero desta volta non foi así..



Javier Rodríguez García:

Esta obra de teatro non me gustou porque o argumento acaba por aburrirme e foi cansina. Hai partes que me fan rir.

David Pérez Matanzas:
Este libro non me gustou nada porque é moi aburrido e tiven que ler moito. Ademais non me interesou o argumento.

Lino Peleteiro:
O libro gustoume porque a min tocoume o papel de Félix, e divertiume moito. Porén, é demasiado longo.

Jonathan Rubia:
A min gustoume moito porque apréndeche moitas cousas da vida cotiá e ademais é fácil de ler, aínda que é moi longa. Non serviría para representármola porque non a dariamos aprendido.
Andrea Mijares:
A min este libro non me gustou moito, non o atopei interesante. É un pouco aburrida, posiblemente porque interveñen moitos personaxes e o contido é un rollo.

21/03/12

La llave

Falamos de exilio ou emigración forzada a través deste fermoso álbum: "La llave" publicado por Lóguez:




Susana Lamas:

Este libro encantoume porque trata un tema moi actual. Tamén me gusta porque trata dos sentimentos dunha nena refuxiada e eu non os coñecía.

Daniel Álvarez:

O libro non me gustou porque a ninguén lle gusta ter que abandonar a súa propia casa na que viviu sempre por culpa dunha guerra. E hai que recoñecer que o feito de abandonar o teu país é o moi duro.

Katia Gaiteiro:

Gustoume porque hoxe en día iso pasa moitas veces e é moi duro ter que marchar do teu país e abandonar a túa casa e todas as túas cousas e non saber se vas volver algún día.

Andrea Garrido:

Non é un libro do meu gusto aínda que trata un tema real e actual no mundo árabe. Fálanos da inxustiza que supón marchar da propia casa e non poder facer unha vida normal.

Estefanía López Antelo:

Este libro é moi interesante e axúdanos a comprender mellor como se senten e como viven as mulleres refuxiadas. O libro narra a historia dunha nena que pasa de vivir nun lugar "desenvolvido" a vivir nunha tenda de lona, nun campamento de refuxiados sobrevivindo co básico e grazas á caridade.

26/02/12

Marta ante o espello

Aínda que esta obra de teatro é un monólogo lémola en voz alta entre todos os membros do club, xa que serviu de reflexión posterior sobre enfermidades tan graves como a Bulimia e a Anorexia.


David Pérez Matanzas:

Este libro non me gustou nada porque trata un tema moi forte, porque a rapaza morre por esa obsesión ou enfermidade e quen máis sofre son as persoas que están ao seu arredor. Cando xa está morta reflexiona e pensa que quere volver atrás porque antes a súa vida e moito mellor.

Lino Peleteiro:

O libro gustoume pero é moi triste porque as persoas que teñen anorexia non se salvan, non se curan así como así. E acaban dando noxo de delgadas que poden chegar a ser.

Jonathan Rubia:

A min este libro non me gustou nada porque case non se podía entender nin saber certo o contido do libro. A min resultoume aburrido.

Andrea Mijares:

A min este libro non me gustou. É un rollo aínda que é moi realista porque a historia que conta pásalle a moitas rapazas como Marta que morren desa enfermidade.



21/02/12

Cierra los ojos

Desta volta fomos a Cierra los ojos con texto de Victoria Pérez Escrivá e ilustracións de Claudia Ranucci. Publicado por Thule.



Susana Lamas:

Este libro gustoume por dúas razóns: a primeira polo tema, xa que os nenos cegos necesitan máis apoio e cariño para contrarrestar a súa falta. A segunda, polo xeito de tratalo. Precisamos de dúas lecturas, a segunda ben máis atenta cá primeira, para darnos conta do que en realidade acontecía.

Daniel Álvarez:

O libro gustoume porque me pareceu interesante o xeito de ver as cousas un neno cego e un neno que non o é. É moi interesante que un neno que non ve utilice o tacto para captar todas as sensacións e acaben vendo máis ca nós.

Katia Gaiteiro:

Este libro pareceume moi triste porque conta como ve as cousas un neno cego e outro que non o é: ambas son diferentes, e o primeiro déixase guiar polo segundo.

Andrea Garrido:

Este libros gustoume máis ou menos, fala de dous irmáns, un deles está cego, o outro dille como son os obxectos que el maxina. É moi triste, aínda que sexa realista.

26/01/12

Juul

Outro álbum impactante: Juul. Sobre o bulliyng





Daniel Álvarez:

Non me gusta o libro porque uns nenos se meten con Juul pola súa aparencia ata o punto que a Juul se lle ocorre facer parvadas como, por exemplo, meter a lingua no enchufe para que non se rían del por tatexar. E penso que isto é algo esaxerado, que na realidade estas cousas non suceden.

Estefanía López Antelo:

Este libro paréceme realista polo feito de que os nenos poden ser moi malos pero non creo que cheguen a estes extremos, como o de arrincar cabezas. Creo que o que este libro nos quere dar a ver é o maltrato na escola ou bulliyng, e que se non se toma ningunha medida pode ir a máis.

Katia Gaiteiro Pichel:

Este libro paréceme bastante esaxerado polas cousas que di pero á vez moi real porque hoxe en día moitos nenos e non tan nenos seguen acosando a outros, por algún defecto físico, por seren moi listos ou simplemente porque lle dá a gana, non se dan conta do dano que poden ocasionar na vítima, ás veces tanto como para chegar a suicidarse. E se se dan conta, semella que non lles preocupa.

Andrea Garrido:

Non me gustou este álbum, paréceme unha historia moi esaxerada. Peron, en certo modo, estas situacións son verdadeiras, non tan esaxeradas, pero os nenos que sofren acoso tenden a facer moitas parvadas. Este libro ensina que todos somos iguais, carne e óso. Dá igual a cor, o primeiro é a educación, e que non hai que marxinar a ninguén.

20/01/12

O achado do castro

Que ben o pasamos lendo esta obra de teatro! O achado do castro é xa un clásico dentro da literatura galega e Manuel Núñez Singala converteuse grazas a ela nun referente. Seguramente é a obra máis representada e lida en toda a comunidade educativa galega, e segue vixente ano tras ano.


David Pérez Matanzas:

Gustoume porque é divertido, os personaxes din cousas moi graciosas. Encantaríame vela representada e ir máis ao teatro para ver este tipo de obras.

Lino Peleteiro:

Gustaríame interpretar algunha obra así de divertida aínda que cambiaría este final por algo máis gracioso. Gustáronme moito os personaxes dos ladróns.
Creo que asistir a unha representación teatral é como ver unha película en directo, pero non quero ver dramas!

Jonathan Rubia:

Gústame ler teatro porque cada un de nós representa un personaxe e porque expresa moi ben as emocións. Esta obra é moi divertida e usa expresións raras e palabras case antigas. Do mellor que teño lido!

David Macía:

Gústame moito esta obra, sobre todo Caleno, o personaxe que me tocou a min. Ademais, pasámolo moi ben léndoa e tentando interpretala. Sempre pensei que o teatro era moi aburrido e agora comezo a pensar que non o é. Encantaríame ver unha representación desta obra.

Javier Rodríguez:

Gústame o teatro cando é divertido, pero teño que recoñecer que teño pouca experiencia teatral como para xulgar. Esta obra estivo moi ben e rin moito con ela, gustaríame representala dentro duns anos.