23/05/16

Eleanor y Park


Cando me recomendou este libro Luz Paramio, non maxinaba o éxito que ía ter entre as alumnas e alumnos. Todas e todos coinciden en que o libro engancha de tal xeito que foron incapaces de deixar de lelo ata rematalo.
O autor é  Rainbow Rowell e está publicada por Alfaguara
 Como pode ser unha historia de amor tan boa? Porque non é cursi, porque afástase dos termos correntes en como se escribe unha historia de amor para presentarnos simultaneamente os sentimentos de dous personaxes case marxinais que non se namoran a primeira vista e que van superando dificultades aos poucos. E o final, aberto, chega a ser angurioso.
É un libro sensible, que agocha moito máis ca unha historida de amor, e ao mesmo tempo encántanos este amor adolescente imparable e trastornado. Mesmo anhelamos volver a sentir ese voo de bolboretas do primeiro amor. É un libro con alma, e isto non sempre se topa. 
E non o lemos por ser unha historia de amor, obviamente. Por moi boa que sexa. Lémola porque detrás hai unha historia que se agocha que resulta moi suxerente e suxestiva para o noso club. E diso falamos, por suposto.


05/05/16

Con Carlos Negro


No club de lectura de adultos de Silleda non paramos de ler poesía! Agora, podemos dicir que nos encanta e que non nos mete medo ningún seguir léndoa. Vale, certo é, o próximo libro non vai ser de poesía... pero non nos importaría!!!
Desta volta gozamos como nunca co libro de Carlos Negro. Ben, gozamos co seu libro e coa súa presenza.


Lemos o seu último libro de poesía, Penúltimas tendencias, un libro necesario coa coincidencia de gustar a todo o lectorado que compón o noso club.


Case todos e todas salientaron a parte de "Puntos de fuga" e a empatía coa que se fala, poesía social, profunda, amena. Que non se queda no subxectivo senón que se fai universal, empática. É un poemario reactivo e transgresor, cada poema innova, algo que vén suxerido polo título.
Celia conta como foi apuntando versos e seccións porque lle gustaban moitísimo, xa que ademais hai poemas metapoéticos
Carlos contounos que hai poemas que se complementan. .O libro naceu como unha reflexión persoal (diante do espello, afeitándose, pregúntase quen é coma home), é unha poesía de intervención, mete o dedo en cousas candentes. Detrás dos poemas hai experiencias persoais, xa que a poesía debémola relacionar coa vida. 
O profesorado debe preguntar "que sentes?" "a ti que che provoca?", debe buscar textos próximos ás experiencias da xente coa que se traballa; trátase de desacralizar a poesía, quitarlle a solemnidade.
Que é a poesía? A poesía dá respostas verdadeiras a preguntas moi difíciles. Explica todas as definicións que non veñen no dicionario.
Carlos tamén asegura que está canso de que os homes teñan que ser heroes. Machos soltos salvando a humanidade, coma os heroes d Marvel. Na construción da épica esquecerónse das mulleres, de aí o tópico.
Tenta utilizar o humor, aínda que non sempre se pode, como cando fala da violencia de xénero.
Ás veces o machismo é tan obvio que nin se ve. Si que Carlos corre un risco sendo obvio, pero é necesario facer reivindicacións.
Hoxe en día o mercado apropiouse da linguaxe, igual que a publicidade; algunhas estratexias poéticas son apropiarse das técnicas publicitarias, visuais, de slogan. Ou sexa, combater coas súas armas. Os tempos piden un xiro para que a xente reaccione.
O libro é un libro de espellos, copias doutras estruturas de poemas, xa que os textos que nos seducen podemos levalos ao noso terreo.