25/01/08

A historia de Fran

"No libro conto a historia a través das súas propias voces, falei con moitísima xente e tamén con personaxes históricos, e a través dos seus testemuños orais eu exercía de xornalista. Alí o libro funciona como un álbum de fotos. Tentei reconstruír a historia dos saharauis nas súas voces.
O que máis me chamou a atención foi a súa vontade, unha vontade que vén da concienciación de saber que loitan por unha causa xusta, por volver a ver aos seus familiares que quedaran nas zonas ocupadas.
Hoxe en día son moi pesimista coa súa situación, por iso non son quen de volver alí. A situación está deteriorándose. Nunca se puxo en práctica o plan de paz, e o tempo desmoraliza. Non hai perspectivas de que se faga o referendum. Mesmo hoxe xa hai sectores que avogan por unha autonomía dentro de Marrocos, algo impensábel hai uns anos. E todo é polo nivel de desesperación que se acada nos campos de refuxiados. Neste foron evoluíndo e a situación cambiou radicalmente, están totalmente degradados e sen perspectivas de futuro.
O sistema de organización era modélico, coma un país en miniatura. Viven na zona máis dura do deserto do Sáhara, unha chaira onde non hai nada, algunha acacia con pinchos de cando en vez, e no chan pedras e alacráns. Sopra o Siroco, durísimo, parece que respiras area, non distingues ás persoas que están ao teu carón. De aí que haxa tanta asma.
As mulleres eran as que levaban a organización porque os homes estaban na loita armada. É unha situación inhabitual nas sociedades islámicas. Pero eles entenden a relixión como algo moi íntimo, son máis progresistas. As mulleres organizáronse en sindicatos para non perder o poder cando os homes regresaron.
Entre tanta penuria, é unha sociedade admirable, contan con centros de ensino, hospitais...
Paradoxicamente, nos últimos anos a situación deteriorouse polas visitas de nenos a Europa. Iso fixo que a súa causa fose máis coñecida pero produciuse que nesa sociedade igualitaria na pobreza comezasen as desigualdades, xa que había nenos que chegaban con moitos cartos, é dicir, o que era un acto de solidariedade converteuse nun acto de discriminación e agravio.
Hoxe a xente perdeu a esperanza e algo de empeño. Os saharauis que poden saír ao estranxeiro acaban quedando a vivir, porque a situación é demasiado dura. Isto antes non sucedía.
Sempre, sempre, foron xente pacífica. Ademais, danche o que non teñen"

Ningún comentario: