02/06/14

Reflexións sobre o primeiro club de lectura

Pedín a varias persoas que estiveron  connosco neste club de lectura e neste blogue que reflexionase sobre o que supuxo para elas estaren aquí. 
Este foi o primeiro club de lectura no que participei. Foi hai xa sete anos no IES Pintor Colmeiro:


Estas son as palabras de

ANDREA DUNIA DÍAZ CASAL:


O clube de lectura comezou como unha extensión da química que existía entre nós, os alumnos, e Gracia, a nosa profesora de galego no instituto. Para min todo comezou con aquela lista de libros que tiñamos que ler para a clase de galego. Podiamos escoller nós, asique a cousa, en principio, chamaba a atención por ser tan sinxela. Foi aí cando a literatura nos enganchou a todos. Todo o que Gracia nos ofrecía eran portas que nós, cada un na medida que quixese explorar, podiamos ir abrindo e descubrindo as cousas marabillosas que teñen os libros dentro, e todo o que nós tiñamos dentro tamén. Foi unha etapa marabillosa, no clube reuniámonos para merendar, e sempre había algún invitado especial, algún autor co que charlar sobre practicamente de todo (eramos un grupo bastante disperso e faladeiro, costaba centrarse no tema) e pasabamolo xenial. Aquelas tardes convertíanse nun xeito de aprender a comunicarnos, a expresarnos, a escoitar. Agora pensando naquelas tardes sei que naquel tempo, ainda que non pasaron tantos anos, descubrín tantas cousas nos libros que lia que é imposible expresar o importantes que foron para facerme medrar. Para min é algo demasiado grande como para poder expresalo con palabras. Naquel clube de lectura medramos todos, ese é o gran mérito daquelas charlas. Cada un de nós descubriu o lector que leva dentro, e moitas cousas máis. Só podo dicir grazas.




THALÍA TROITIÑO GONZÁLEZ


            A verdade é que resulta complicado nun primeiro momento poñerse a reflexionar sobre aspectos pasados, porque aínda que só fai catro anos dende que saín do instituto a miña memoria vólvese moi preguiceira. Quero recordar eses momentos de lectura, eses clubs de lectura que vivín durante unha boa tempada, e véñenme a mente imaxes que representan momentos, vivencias, todo recordos fugaces, pero recordos.
            Tras cavilar neses recordos vólvense en ideas e acontecementos máis nítidos, aínda que para min resulta complicado separar as clases de galego nas que Gracia me aconsellaba moitos libros, dos clubs, pois ambos eran momentos nos que realmente o pasaba ben. Pódese dicir que de certa maneira se espertou en min o gusto pola lectura, o verdadeiro sentimento de satisfacción e de atracción polo mundo ficticio e, a veces, non tan ficticio. Penso que isto se deu por ser o momento no que lía o que me apetecía e non o que estaba ditado polo centro, ou mesmo, porque non me sentía tan obrigada a ler algo. Ou, quen sabe, simplemente por que si, porque era o momento oportuno.
            Dos títulos que vou recordando, podo destacar Sabor a ti de Miguel Suárez, Siddhartha de Hermann Hesse,  Seda de Alessandro Baricco, Diario de Ana Frank de Ana Frank...; e moitos máis. Podo dicir que algúns, sen dúbida, marcaron os meus gustos literarios, polo menos os de aquela época, xa que podo dicir que estes foron mudando ao longo do tempo, pasando por épocas de gusto polo misterio e o crime, outras de novelas de amor, outras de pura ficción... e aínda ao día de hoxe o meu gusto vai variando. Na actualidade estou nunha época na que me gustan as novelas que mesturan ficción e realidade, as baseadas na historia da Guerra civil, da posguerra, na Europa do século XX... Podo destacar Dime quién soy de Julia Navarro. Con isto teño que dicir que me considero unha persoa lectora, pero non unha lectora habitual ao cen por cen, senón que vou por temporadas, ao mellor nunhas semanas leo uns cuantos libros e despois paso un mes sen ler nada. Non porque perda ese gusto, senón porque nese momento non me apetece sentarme a ler un libro. Iso si, considero que ler libros é unha tarefa vital e importante en todo ser humano, pois é a maneira de manter viva a nosa imaxinación, a nosa inquedanza, a nosa ansia por culturizarnos, por intentar enriquecernos un pouco máis. 
            Dos clubs de lectura teño que destacar que o que realmente máis me apaixonaba eran as visitas de diferentes autores, algo que, dende o meu punto de vista, nos acercaba as vivencias de quen fixera o libro, nos enriquecía como persoas e nos facía sentirnos importantes e partícipes no que era unha quedada literaria. Creo que clubs coma estes son os que realmente fan ver a importancia da literatura, do gusto por ler.
            Teño que dicir que cando traballamos o tema do Sáhara, tomei contacto cunha realidade un tanto descoñecida para min, sabía a grandes rasgos de que ía o tema, pero non albergaba a gravidade do asunto. Aquí lin libros nos que se trataba o problema mediante historias realmente bonitas. Podo dicir que me gustoume moito o libro de Palabras de Caramelo, unha historia triste pero realmente bonita e que sen dúbida recomendaría ler tanto se tes 15 anos como se tes 25. Outro, Territorio Ocupado de Fran Alonso, un libro que engancha e con diversas imaxes da realidade. Ademais este foi un dos autores que nos visitou e que sen dúbida agrado. Estes son dous dos libros lidos, dous dos libros que enriqueceron a miña bagaxe literaria e me fixeron apreciar máis o mundo que a min me tocou vivir, que cando menos era menos complicado que o do resto.
            Non me gustaría rematar esta breve reflexión sen dicir que recomendaría a todos participar neste tipo de experiencias, pois son realmente positivas. E nas que creo que a figura do mestre/a que te aconsella e que fai posible eses encontros é realmente importante e ao mesmo momento motivante.
 

Ningún comentario: