Esta segunda das sesións do club dedicouse aos relatos de terror de
Edgar Allan Poe. Centrámonos, sobre todo, no comentario dun conto
clásico do autor, "O pozo e o péndulo". Esta narración
permitiunos falar de cuestións como a tortura física e psicolóxica
levada a cabo pola Inquisición. O alumnado estivo especialmente
atento aos efectos de despersonalización e degradación que calquera
forma de tortura física ou psicolóxica, levada a cabo por persoas
ou institucións, provoca no suxeito.
Entre os contos do autor escollemos "O pozo e o péndulo"
porque, pese á súa sordidez, tamén representa a capacidade de
loita e subversión das vítimas -neste caso, o prisioneiro privado
de liberdade na cela-. Esa resistencia conduce á liberación e fala
da saúde e non da morbidez que asolaga outros contos do autor, non
por iso menos interesantes.
Prevemos unha terceira sesión -a próxima- dedicada ao medo,
xa que o noso alumnado non se espanta con facilidade e demanda máis
historias de terror: seguiremos con Poe, coa lectura e comentario d'
"O gato negro" e tamén con tres historias do espléndido
libro de relatos de Chris Priestley, Cuentos de terror de los
objetos malditos.
E como ler é viaxar, propoñemos máis viaxes lectoras, a
través da ironía, a emoción, o poder suxestivo ou as grandes
leccións vitais dun clásico como Roald Dahl, ou por medio dos
contos de Gianni Rodari. O club irase perfilando segundo os intereses
e apetencias dos seus integrantes. Que as nosas viaxes lectoras nos
sexan felices! Tentaremos compartilas con todos vós.
Feliz Nadal!
Ningún comentario:
Publicar un comentario