28/11/13

Unha noite inesquecible




Se agardabamos con ilusión a chegada de Ramón Nicolás e Luís Ferreiro, a despedida foi un clamor. O encontro deste noso club de lectura foi tan especial que todas e todos gardarémolo no noso recordo, ben seguro.
E quedamos coas palabras de ambos:

. Ramón Nicolás:
Esta biografía non tería sido como é se non fose pola Fundación Celso Emilio e o seu fillo, quen conservou os documentos do autor..
Confesou este que á hora de redactar lle dera moitas voltas porque non tiña certo como enfocalo. Que facer con tanta documentación? E así recomendounos a biografía Eba diante dun xuíz ausente, xa que lle serviu de inspiración.
A estrutura da biografía está baseada nas cartas. O corpus epistolar é inmenso, pero non temos as cartas emitidas por Celso Emilio polo que tivo que facer un exercicio de reflexión para tentar saber cales eran respostas ou as cartas previas do escritor.
Insistiu Ramón Nicolás que este libro non é del só, senón que tamén o é do fillo, Luís, e doutras persoas que entrevistou, xa que as entrevistas foron determinantes e moi ricas para el como experiencia. Así que, asegura, é un libro coral porque hai moitas voces.

. Luís Ferreiro:
Non queriamos unha haxiografía nin unha louvanza. Si tiñamos claro que todo o que se dixese no libro debía estar ben documentado, xa que todos os documentos son públicos e todos eles serven para contrastar o que se diga na biografía. Asemade, queriamos dar resposta a todas as trolas da "cultura oficial" galega.
A biografía, aínda así, está incompleta porque van aparecendo máis datos e máis cartas desde que se publicou. Mesmo había dous capítulos máis preparados que non saen no libro por mor do seu grosor: que ocorreu con Celso Emilio dende a súa morte?

. Ramón Nicolás:
Fóra de reflectir un acto político ou literario quería trazar o perfil do ser humano. Porque Celso Emilio era unha persoa de carne e óso, con contradicións como calquera outra persoa.  A este respecto, non houbo xamais ningunha imposición por parte da Fundación.
A figura de Celso Emilio é unha das máis grandes iconas da Literatura Galega fóra de Galicia. É o primeiro escritor galego coñecido grazas ás edicións bilingües daquela época.

. Luís Ferreiro:
Moraima tiña un criterio literario determinante na publicación dos poemas de Celso Emilio e do seu pulimento.

Ningún comentario: