25/01/08

Con Fran Alonso

Hoxe tivemos a sorte e o honor de que o autor do primeiro libro elixido nos acompañase na nosa reunión do club de lectura. E foi unha reunión tan amena e dinámica que en lugar da hora prevista estivemos dúas horas e media, falando da situación do Sahara e comprendendo e aprendendo moitas cousas sobre ese pobo e o xeito de vivir no deserto.
Primeiro Fran Alonso comezou a explicarnos o por que da nosa preocupación polo que parece maís afastado. Segundo el, as distancias son cada vez máis pequenas e as cousas que suceden lonxe aféctannos tanto como as máis cercanas. Un exemplo constitúeo a guerra de Irak, que inflúe directamente no prezo do petróleo e con el a inflación de todos os produtos que consumimos.
Ademais, Fran Alonso cre que como escritor a súa ollada, aínda vivindo aquí, debe dirixirse ao mundo enteiro, polo que debe existir o Sahara, Senegal, Montevideo..., el tenta botar unha ollada ao mundo porque precisamente a nosa sociedade é máis mestiza e plural.
Logo contounos a súa experiencia no Sahara e a situación actual sobre a que el se amosa tan pesimista.

Ningún comentario: