17/05/18

Invisibles

"Invisibles", de Montse Fajardo, dá conta do estado de excepción que chegan a vivir sete mulleres maltratadas. Historias que conmocionan e nos atenazan cun nó na gorxa. Invisible é, en tantas ocasións, o maltrato, porque non fai falla ter un ollo morado para ser unha muller maltratada; porque moitos maltratadores son figuras encantadoras socialmente... Invisibles son o maltrato e as mulleres maltratadas, ata que deixan de ser números, porque lles poñemos nome e apelido e entramos na dor do seu día a día. Invisibilizada queda tamén a figura do verdugo, sobre o que estes relatos deitan luz. Aí está, ávido de despregar o seu exceso de forza e poder sobre a muller, ávido para exercer o control sobre a vítima, para isolala, anulala; ávido para estresar, histerizar; todo un profesional que busca o punto no que a vítima perde o control de si ou que é capaz de disolver a violencia na proposta, minutos despois, do "real-sexual", coñecedor como é de que ten na man os resortes emocionais e afectivos da muller. Estas sete narracións de mulleres maltratadas, nas que asistimos ao proceso polo que se vai "normalizando o intolerable", apuntan tamén ao deficiente funcionamento da asistencia por parte das institucións públicas. Aí queda a falta de profesionalidade para saber ler os síntomas d@s fill@s nos puntos de encontro, a ausencia de dilixencia e credibilidade cando as mulleres lanzan unha mensaxe de socorro ou alerta. Fálase de "alienación parental", cando os fillos amosan síntomas, ás veces, ben claros; fálase de "histeria", sen deparar en que o que nos parece histérico, a histérica... teñen sempre unha razón de ser. Por último, algunhas destas mulleres lémbrannos que no hai un "perfil" da maltratada; tan só se trata de ter a mala sorte de dar cun maltratador ao que ningunha das túas respostas o vai calmar, dependendo de como teña o día.

 Onte falamos con  Montse Fajardo