28/03/16

Una entre muchas

Publica Astiberri esta novela gráfica escrita por Una: Una entre muchas, un libro que fala de violencia de xénero, de abusos sexuais, do trauma que supón ser unha vítima e do difícil que é non sentirse, ademais, culpable. Abordamos o feito de que a sociedade non cuestione as agresións machistas e culpabiliza as mulleres que pasan de ser vítimas a ser responsables desas agresións, sendo vilipendiadas e cuestionadas sempre. Arredor da experiencia persoal da protagonista, xira unha vaga de asasinatos de mulleres (o Destripador de Yorkshire), cuxa investigación está mal dirixida por seren prostitutas. De novo, volvemos ter a responsabilidade social que bota terra por riba das mulleres e non cuestiona o porqué. De novo, a misoxinia social e cultural que non rexeita a violencia contra as mulleres como marca de sexualidade masculina.
A nosa protagonista terá que medrar entre a dor e a culpa, e sobre todo a indefensión e a incomprensión, para logo emprender un camiño polo que terá que andar paseniño para ser capaz de liberarse das secuelas dunha violencia que resulta demasiado cotiá e pouco criminalizada.
Os debuxos son, asemade, unha metáfora visual constante. A culpa en forma de gran saco que a moza leva ás costas, as ás fuxidías... os collages, os recortables...  Pareceume un deses libros necesarios para fomentar a reflexión sobre o machismo e a sociedade patriarcal na que vivimos.