07/03/15

Rompendo máscaras con Alberto Ramos




Onte tivemos nova reunión do club de lectura arredor de Máscaras rotas para Sebastian Nell. Para falarmos sobre o libro veu o seu encantador e xove autor Alberto Ramos, con quen falamos do libro e doutras moitas cousas, como adoita acontecer neste club tan variopinto e enriquecedor que vai polo seu terceiro ano de vida. Por iso falamos de xornalismo, de corrupción, de libros, da vida... e dun libro que case todas e todos admitiron que resultou de difícil comezo pero que acabou enganchando. 
Arredor do alzhéimer e a memoria constrúe a súa novela o autor nunha ficción literaria xenial.
A vida de Sebastian Nell atrápanos dende o seu periplo vital: pobreza, Segunda Guerra Mundial, mortes, teatro, cine, Shakespeare... xunto co desencontro vital que mantén coa outra coprotagonista da novela, Rebecca Graham nunha conversa na que iremos odiando e amando a ambos personaxes a un tempo.

“Señorita Graham, xa é noite pecha, a xornada maratoniana rematou. Xa non quedan fíos polos que tirar. Desenguedellou por completo o nobelo. Está desfeito. Fun todo o sincero que quixen, conteille o que puiden”.


Ningún comentario: