26/11/10

Arredor de "A piragua"


O martes 23 xuntámonos co club de lectura de 2º ciclo para falarmos de "A piragua", obra de teatro de Cándido Pazó editada por Laiovento.
O libro seica lles encantou, algo que intuiamos porque é, realmente, unha pequena obra mestra. Mágoa non ter a obra de teatro gravada para pórlles o vídeo. Eu, que tiven a sorte de vela representada en Ribadavia o verán pasado, fiquei namorada da obra.
E é que non podiamos ter mellor elección para este mes, e máis para estas datas, que esta obra que aborda o tema da violencia de xénero dun xeito tan descarnado e brutal. Con saltos no tempo e cun atmosfera diferente, semella que en lugar de estarmos lendo unha obra de teatro estivésemos lendo unha novela ben artellada onde cada frase é insustituíble.