10/12/09

Arredor do señor Pip

Onte nova reunión do club de lectura, despois de exames e agobios. Para compensar o tempo, levamos de "deberes" dous libros para estes días que nos quedan antes do nadal. Como somos moi lectores, estamos encantad@s.
Aínda que encantada estou eu vendo como isto medra. Dous novos alumnos queren sumarse ás reunións, desta volta unha nova profe nos acompañou... e catros profes máis quixeron ler o libro aínda que non puideran asistir. Unha bola de neve calorosa que confío que o ano próximo teña a súa andaina particular.


Pero estabamos falando de que o libro que lemos foi El señor Pip, de Lloyd Jones, un libro máxico, tenro, feroz, literario... Cando estabamos comendo deime conta de que o grupo comezara a falar do libro, así, sen máis. Iso emocionoume profundamente. Eu, nun recuncho da mesa, falando coa outra profe, deime conta pouco a pouco da naturalidade que para eles tiña abordar os acontecementos do libro sen chegar á reunión. É unha sensación de orgullo e de benestar. Realmente, o libro deu moito de si. Falamos da crueldade do ser humanos, falamos da importancia da literatura, falamos da figura da nai, falamos das guerras... falamos e moito falamos, pasou o tempo deseguida!
De verdade, se non o coñecedes, se non o lestes, tentade facelo: o pracer dun bo libro está asegurado. Porque a fascinación do personaxe principal do libro pola lectura e pola literatura transmítese máis aló das súas páxinas. Porque sentiremos a violencia na nosa propia pel. Porque deixaranos unha pegada que moi poucos libros conseguen. Porque sempre queda a esperanza do futuro.




Ningún comentario: