30/01/09

Primeira reunión deste curso 08-09

Se o curso pasado o noso club de lectura tiña como misión falarmos da situación do Sáhara e que o noso alumnado chegase a comprender as inxustizas cometidas con ese pobo esquecido, este curso o noso club de lectura segue unha liña semellante e o noso propósito é falarmos dos Dereitos Humanos, sempre a través de diferentes libros que traten calquera dos seus aspectos.
Os primeiros libros escollidos son froito da casualidade: son un préstamo interbibliotecario: O carteiro de Bagdad e Ninguén está só.

A pesar das inclemenzas do tempo, hoxe pola tarde reunímonos para comentar os dous libros de lectura que foron a nosa primeira proposta e que constituíron un préstamo das amigas do IES Río Cabe; grazas a elas todas as compoñentes do club de lectura tiveron tempo para a lectura dos dous libros. Pero como nada sae como se programa, esta tarde falamos só dun dos dous libros, xa que faltaba moita xente. E comezamos falando de O carteiro de Bagdad de Marcos Calveiro. Eu temía que lles parecese un libro moi infantil e sorprendeume a resposta unánime dos membros alí presentes: non só non lles pareceu infantil senón que lles encantou a todas elas. Porque é un libro realista e sensible, porque describe as inxustizas da guerra, como a relixión se interpón no diálogo entre os humanos, como a amizade pode traspasar barreiras... Un éxito rotundo, vaia.
Para falarmos de Ninguén está só reunirémonos en breve.