14/06/08

Con Paula Carballeira

Para rematar as lecturas deste club de lectura escollemos Smara, e tivemos a grandísima sorte de contarmos con Paula Carballeira para falarmos do seu libro o venres 13 de xuño.
Foi moi gracioso chegar á clase con ela e de súpeto oír berraren a todos. "Carmiña". Quedei sen palabras. Por suposto, non a presentei, porque sentín que sabían todos eles máis dela ca min. Isto de non seguir a televisión é o que ten: non estamos nada postos. E a partir de aí todo foi moi doado. E é que Paula Carballeira é todo achegamento e sinxeleza.
Contounos a súa experiencia no Sáhara, a vida alí, como ela ve a situación, consellos se somos quen de achegarnos alá, e como e por que xurdiu a idea deste libro.
Cando rematou, pedimos que nos botase unha contada. E, como non, o tema do conto estaba relacionado co Sáhara. É incrible como nos emocionou! Como xesticula, como cambia os tons... despois de asistirmos ao obradoiro de contacontos con Celsiño escoitar a Paula foi un gran fin de festa!
Grazas Paula por vires ata aquí e contaxiarnos a túa ledicia.

Ningún comentario: