31/03/16

Con Raúl Vacas

Desta volta xuntámonos o día 30 de abril tres clubs de lectura arredor de Señal, de Raúl Vacas: o club de lectura de poesía do IES Laxeiro, o club de lectura de igualdade do mesmo centro e o club de adultos. Toda unha experiencia estética arredor dun libro de poemas e arredor dunha persoa única. Tan intensa foi que nos esquecemos de realizar fotografías.
Señal está publicado pola editorial Mundanalrüido e conta cunhas magníficas ilustracións de Sara Morante, diálogo perfecto co texto. Dividida en tres partes, cada unha dela aborda os tres grandes temas da Literatura, o amor, a morte e a vida.
Sobre o amor e o sexo, lemos imaxes cargadas de sensacións, de cor, unha introdución fresca ao impulso sexual e audacia no ronsel da paixón. O contraste entre o que foi intenso e xa non o é, o baleiro, a morte do amor que foi... O mundo unifícase en torno a un ser simbólico. Apreciamos tamén a entrega total do ser amado máis alá da vida, "amor máis alá da morte" como en Quevedo. O amor na vellice é permanecer xuntos na hecatombe final, entrañable final feliz dos contos que celebran o encontro amoroso.
Na segunda parte, a voz poética pregúntase como explicar o inexplicable, ás veces ocorre o máis terrible, existe unha procura infructuosa que condena os amantes á morte, aínda que o amor case a vence; pero hai que aprender a afastarse cando hai un erro, cando queda o baleiro despois do amor, non hai lugar para enterrar as bágoas.
Na terceira e última parte, a morte. A soidade, a terra baleira, a incertidume, a obstinación por regresar. Lemos tamén o retorno á absoluta laxitude do gozo uterino, previo á vida humana; mesmo unha exposición de hipóteses e desexos. No baleiro amoroso medran a morte e a devastación, unha loita de contrarios no propio ou alleo sexo.

Raúl Vacas falounos de que é necesaria a visión literaria para falar de morte e de sexo, temas que na vida cotiá ocúltanse nas conversas. Tamén comentou como influíran os seus autores preferidos na escrita deste libro: Alejandra Pizarnik, Dámaso Alonso, Rafael Pérez Estrada, Rafael Alberti, Leopoldo Panero... O libro está feito á súa medida, por ser o seu proxecto máis persoal. Afástase da rima e de estruturas métricas, xa que non hai límites á hora de escribir.
Falou tamén da poesía en xeral. De que non hai que traducir de xeito literal cada verso, xa que o poema o que quere é transmitir sentimentos. Non cómpre entendelo todo, só debemos dialogar coa poesía: "ha hecho mucho daño la solemnidad en poesía"; poesía como invitación a vivir, con intensidades diferentes, a recuperar, a xogar.
E por suposto, comentou tamén a falta de palabras para falar de amor, de sexo, da pouca naturalidade coa que se tratan temas como o da morte.
LER TEN QUE VER CON ELIXIR.

28/03/16

Una entre muchas

Publica Astiberri esta novela gráfica escrita por Una: Una entre muchas, un libro que fala de violencia de xénero, de abusos sexuais, do trauma que supón ser unha vítima e do difícil que é non sentirse, ademais, culpable. Abordamos o feito de que a sociedade non cuestione as agresións machistas e culpabiliza as mulleres que pasan de ser vítimas a ser responsables desas agresións, sendo vilipendiadas e cuestionadas sempre. Arredor da experiencia persoal da protagonista, xira unha vaga de asasinatos de mulleres (o Destripador de Yorkshire), cuxa investigación está mal dirixida por seren prostitutas. De novo, volvemos ter a responsabilidade social que bota terra por riba das mulleres e non cuestiona o porqué. De novo, a misoxinia social e cultural que non rexeita a violencia contra as mulleres como marca de sexualidade masculina.
A nosa protagonista terá que medrar entre a dor e a culpa, e sobre todo a indefensión e a incomprensión, para logo emprender un camiño polo que terá que andar paseniño para ser capaz de liberarse das secuelas dunha violencia que resulta demasiado cotiá e pouco criminalizada.
Os debuxos son, asemade, unha metáfora visual constante. A culpa en forma de gran saco que a moza leva ás costas, as ás fuxidías... os collages, os recortables...  Pareceume un deses libros necesarios para fomentar a reflexión sobre o machismo e a sociedade patriarcal na que vivimos.

04/03/16

Con Manolo Portas

Un día ben especial foi o deste xoves: a nosa reunión non era coma a de decote, senón que nos visitaba o Club de lectura de adultos do IES Xelmírez I, "Palabras compartidas". E xusto foi o día en que menos membros dos nosos puideron asistir! 
Pero as que estabamos quedamos abraiadas do bo facer deste club e da súa amabilidade. Quedamos con ganas de repetir a experiencia, así que tentaremos ser nós quen vaia a Santiago nunha reunión futura.




E saímos na prensa unha vez máis:

E realiza o traballo Loli, a nosa benquerida compañeira e amiga de Santiago e coordinadora do club Palabras compartidas:

  Lourenço, xograr é a última novela de Manuel Portas que vén de gañar o Premio García Barros do ano 2015, e que foi premiada no certame que organiza o Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Trátase dunha novela história que recrea o período medieval en Galicia a través da peripecia dun xograr. En opinión do xurado, nesta obra de Portas destaca a contribución da novela á divulgación da historia e da literatura medieval galegas por medio dun personaxe pouco coñecido, o xograr Lourenço, que constitúe a porta pola que nos asomamos non so aos conflitos políticos que determinaron o que hoxe somos como país, senón tamén ás vidas enrelazadas das distintas clases sociais da época.
Todos/as estamos de acordo en que é unha novela cunha linguaxe distinta, que ao principio a moitos dos lectores/as alí presentes custounos meternos un pouco na historia, pero sí coincidimos en que  é unha novela con moito valor literario. No seu percorrido móstranos os reinos naquela época de Galicia e Portugal, personaxes como Alfonso X o Sabio ou Maria Péres, a Balteira e as tan esquecidas Cantigas de Amigo e de Amor.
Despois de ler varias das novelas escritas por Manuel Portas con temas moi diferentes ao que hoxe nos ocupa, preguntámonos por qué ese cambio de rexistro e cunha novela histórica que quizais non sexa un gran reclamo para o lector? Portas comenta que cando estudaba realizou un traballo para a Gran Enciclopedia Galega e entrou en contacto con este personaxe, Lourenço, que lle resultou moi curioso e encandeoulle de tal maneira que sempre tivo en mente novelalo, polo que, durante anos,  estudou  o mundo das cantigas, a concepción do amor na Idade Media, a vida de xograres e trabadores. Consideraba que na nosa literatura actual a etapa medieval non estaba ben tratada.
A novela pódese dividir en dous partes: na primeira atopamos a un Lourenço novo que comeza a descubrir o mundo, moitas veces lémbranos ao Lazarillo, divírtenos; e unha segunda parte que se centra máis na parte literaria, nas guerras, nese xograr que quere converterse en trobador. Por qué esa obsesión por converterse en trobador? Lourenço é un home curioso, é un rapaz de quince anos, humilde que traballa como aprendiz do ferreiro Diogo no mercado de Braga e que soña con ser trobador.

Despois de sufrir o asalto duns bandidos polo camiño, coñecerá ao cabaleiro Joam García de Guilhade, que o convence para que lle acompañe como xograr, pero Lourenço a pesar de súa naciencia humilde, lembremos que é fillo dunha cociñeira e un soldado, non se resigna ser un simple xograr porque, aínda que rían del,  considera que a súa poesía non é inferior á doutros trobadores.
Cítola
Por que lle custa tanto empeño a Lourenço chegar a ser un trobador? Lembremos que na época Medieval os estamentos sociais marcaban as diferenzas, un trobador era un nobre de orixe ilustre que compoñía a súa obra e interpretábaa, e os xograres eran de orixe humilde que se limitaban a interpretar e a tocar a cítola nos palacios dos principais señores e é iso o que leva a Lorenço a revelarse. Todos se meten con él, dinlle que non sabe trobar.
Na segunda parte da novela aparecen varios personaxes que dan voz ás andanzas de Lourenço, todos estes personaxes, incluído Lourenço, son reais?  Personaxes como Alfonso X existiron realmente, a súa ambición era controlar toda Europa. Era listo e cruel, mesmo coa súa propia familia. 

María Pérez foi unha das poucas mulleres xograres. Era soldadeira, acompañaba aos soldados e levaba unha vida un tanto licenciosa, muller moi bela, intelixente e libre, tiña grandes posesións.
No que se refire a Lourenço, sabemos del a través das tensións que mantén con outros trobadores. Existe algún documento que se conserva no Arquivo Nacional dá Torre do Tombo, en Lisboa que fala dun Lorenzo Martíns que estaba casado cunha Sancha de Guilhade, e xa que Lourenço foi ou xograr de Joam García de Guilhade a partir de aí cre unha historia de amor. O resto, se non é vero, é ben trovato, comenta Portas.

Se puidésemos definir esta novela cunha frase diriamos que é un libro que rende homenaxe ás Cantigas, non podemos esquecernos delas que, aínda que nos parecen difíciles de ler e algunhas veces entender, capítulo a capítulo, lémbrannos eses amores ausentes, a felicidade de volver ver ao ser amado ou a propia arte do trobador. E como non podía ser doutro xeito, pechamos esta época tan apaixonada e descoñecida, léndonos Portas unha das súas cantigas favoritas como só él podía facer. (páx. 140): Unha cantiga de amor dunha moza que desexa ser escoitada polo seu amado.