29/01/16

Matriarcas. Un cesto de mazás.



Desta volta, decidimos facer dobre sesión e sesión conxunta dos dous clubs de lectura, con óptimos resultados. Propuxemos a lectura dos dous libros de Montse Fajardo, Matriarcas e Un cesto de mazás, para aproveitar a súa visita e asolagarnos de memoria histórica, que ben nos cómpre. Sobre todo á xente nova, que tivo menos oportunidade para coñecer un pasado manchado de sangue e bágoas que aínda non fomos quen de secar. 
Foi unha sesión espléndida, non só pola autora, tan extremadamente cómplice e dada, senón porque foi tal a súa xenerosidade que veu acompañada de Luís Bará, unha persoa a quen teño especial cariño. Así que a pesar da dureza do tema que nos ilustraba, a maxia do momento fíxose notar. Sobre todo, nun paso do tempo demasiado lixeiro. Nin conta nos demos da hora!
Falamos de Matriarcas,


falamos de Pilar, un perfil que non nos acaía ben no libro. Pero a autora explicounos que así demostraba o abano de perfís que a propia sociedade ofrece. Pilar ten de todo. E ao seu carón, nas páxinas, está Rosario, que nin zapatos para os seus pequenos pés posuía. Falou tamén do tratamento que se ofrece das mulleres en calquera contexto (coidar os nenos, facer os labores da casa...), outro estereotipo que rachar.
Falou tamén Montse da súa teima coa Guerra Civil porque supuxo o xenocidio do bando perdedor.

FAlamos d ' Un cesto de mazás

Da súa carga de realismo. De que non é unha elaboración literaria. Fala da violencia do fascismo, do cinismo e do escarnio continuo que sufrían as vítimas. Da crueldade máis extrema que supón seguir castigando despois da morte.
Tamén falamos dunha presenza que nos chamou a atención: a carga de confianza de todas estas vítimas coa autora para seren quen de lle contar tanto sufrimento, tanta vexación.
 E é que as historias tal como están contadas tocan e remexen. Porque o libro está moi ben enfocado, xa que transcende o literario para facer verdade tanxible do discurso, da narración.
E a frase da noite (da man de Villar): "Calígula era un aprendiz a carón de certa peña".

En fin. Foi tan emocionante que me esquecín das fotos ata que todo rematou e xa marchara case todo o mundo. A lectura como vicio!