26/03/15

Monstruo de ojos verdes


Xusto antes da Semana Santa, o club de lectura pola igualdade reuniuse para falar sobre Monstruo de ojos verdes de Joyce Carol Oates publicado pola editorial SM. Repetimos libro porque co anterior club de lectura tivera moito éxito. E desta volta houbo asemade unanimidade: cada un dos membros do club manifestou con satisfacción que esta lectura os tivera encandilados dende o principio.
FAlamos de violacións e de esperanzas, da actitude da nai, da actitude da rapaza, de como actuariamos nós nese contexto... Unha novela dura, realista, que reflicte a violencia de xénero como moi poucos. Unha novela que provoca tensión.

25/03/15

O próximo libro, de viaxe

A nosa Jennifer marchou a Uruguai para ver a súa familia, pero levou consigo a próxima lectura que nos vai reunir. E xa o deixa claro no aeroporto!!!



16/03/15

Unidos

Pediunos a editorial Kalandraka que fixeramos unha foto para un artigo. Aquí están as fotos, de momento. Seguiremos informando!




09/03/15

Álbums pola Igualdade

Para celebrar o 8 de marzo o noso club de lectura reuniuse arredor dos álbums de Adela Turín que nos proporciona a editorial Kalandraka. É un xeito ben doado de falarmos de igualdade e ben divertido! Así que tamén aprendemos con lecturas curtas e en voz alta que realizamos na biblioteca do centro.




07/03/15

Rompendo máscaras con Alberto Ramos




Onte tivemos nova reunión do club de lectura arredor de Máscaras rotas para Sebastian Nell. Para falarmos sobre o libro veu o seu encantador e xove autor Alberto Ramos, con quen falamos do libro e doutras moitas cousas, como adoita acontecer neste club tan variopinto e enriquecedor que vai polo seu terceiro ano de vida. Por iso falamos de xornalismo, de corrupción, de libros, da vida... e dun libro que case todas e todos admitiron que resultou de difícil comezo pero que acabou enganchando. 
Arredor do alzhéimer e a memoria constrúe a súa novela o autor nunha ficción literaria xenial.
A vida de Sebastian Nell atrápanos dende o seu periplo vital: pobreza, Segunda Guerra Mundial, mortes, teatro, cine, Shakespeare... xunto co desencontro vital que mantén coa outra coprotagonista da novela, Rebecca Graham nunha conversa na que iremos odiando e amando a ambos personaxes a un tempo.

“Señorita Graham, xa é noite pecha, a xornada maratoniana rematou. Xa non quedan fíos polos que tirar. Desenguedellou por completo o nobelo. Está desfeito. Fun todo o sincero que quixen, conteille o que puiden”.


04/03/15

Ningún amante sabe conducir

O noso club de poesía vai moi paseniño este curso, pero seguro. O libro que nos xuntou desta volta foi Ningún amante sabe conducir de Rosalía Fernández Rial.


  
 Esta lectura foi soprendende para todos os membros do club, que se deixaron abraiar pola mestura de poesía, prosa e teatro. Eros mestúrase coa velocidade, a condución, a marcha atrás, o desexo, o sexo... e aí radica a orixinilidade dos poemas, poemas eróticos que se confunden nos derrapes accidentais da estrada, que envolven a pel entre olores de derrapes e goma queimada, que saben a animais salvaxes mentres miramos dende a outra marxe.